Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Moncho Borrajo fai alarde de Ourense coa vedete francesa Marlène Mourreau

O cómico ensina a cidade das Burgas á estrela e cantante en ‘A miña gran cidade’ (TVG, 21.50 horas) | «A tetilla é o único queixo que como dende 1994», confésalle ao humorista

Moncho Borrajo e Marlène Mourreau, na súa andaina por Ourense. |  Crtvg

Moncho Borrajo e Marlène Mourreau, na súa andaina por Ourense. | Crtvg

A Coruña

Esta noite, Moncho Borrajo exerce de guía por Ourense para a estrela francesa Marlène Mourreau nunha nova entrega de A miña gran cidade (TVG, 21.50 horas), nun episodio en que o humorista, natural de Baños de Molgas e vigués de acollida, regresa á cidade da súa infancia para convencer á vedete de quedar na cidade das Burgas.

A hospitalidade ourensá ten as de gañar segundo el: «Adoro Francia, pero os parisinos son un pouco rariños». Pero o obxectivo de Borrajo non é tan doado. Para ensinarlle a cidade a Mourreau, o cómico deberá facelo a través de varias experiencias orixinais e representativas para el que, en total, non sumen máis dunha hora de reloxo. Por sorte, a súa visitante está máis que disposta a deixarse sorprender. «Sabendo como é Moncho, imos rir todo o día!», anuncia a vedete.

O itinerario arrinca no mercado ourensán, onde Mourreau dá cun posto de queixos e confesa que adora a tetilla galega, «o único queixo que como dende 1994». Logo van ás Burgas, símbolo da cidade dende o que Borrajo explicará á artista a importancia do turismo termal para Ourense.

Posteriormente, desgustarán unha típica tapa no Bar Orellas. «Eu son máis de rabo que de orella», comenta a vedete con sorna antes de probar o prato: «Un pouco raro a cartilaxe na boca, pero polo sabor cómese como patacas fritidas». Para sorpresa dos espectadores, tamén Yola Berrocal, representante de Mourreau, fai unha aparición estelar nesta cata de gastronomía galega.

A súa aventura prosegue cunha visita á catedral, onde Borrajo fixo gala dos seus coñecementos e paixón en arquitectura e belas artes, as dúas carreiras que estudou de mozo. Logo, o cómico quixo sorprender a súa convidada na zona da praza maior cun momento musical da man de Cuncas de Son.

Para a última experiencia, ambos artistas soben ás táboas do Liceo de Ourense, un fermoso epicentro cultural de 175 anos de historia, nun momento íntimo e emocionante. «Ourense é terra de pintores, escritores, poetas…», presume Borrajo.

Borrajo e a retirada

Durante o programa, Borrajo e Mourreau conversan sobre o retiro do cómico tras 53 anos de carreira. «Teño 75, creo que é a idade perfecta para retirarme», explica emocionado, o tempo que incide no agarimo do público: «Síntome moi respectado, moi querido, e iso no fondo é o que quere un artista», suliña.

Ao final do programa, Marlène deberá valorar a visión persoal da cidade que lle presenta o seu anfitrión e tomar unha decisión: quedar en Ourense ou coller o billete de volta.

Tracking Pixel Contents