Parada, a Ana Santos, en Lugo: «Na aldea tiña que coidar vacas, ovellas e porcos»

O comunicador fai de anfitrión na cidade amurallada para a actriz nun novo episodio de ‘A miña gran cidade’, que se emitirá esta noite, ás 21.50 horas, na Televisión de Galicia

Ana Santos e José Manuel Parada, durante a gravación do programa. |  TVG

Ana Santos e José Manuel Parada, durante a gravación do programa. | TVG

A Coruña

O famoso comunicador José Manuel Parada fai esta noite de anfitrión en Lugo da actriz Ana Santos no novo episodio do espazo A miña gran cidade (TVG, 21.50 horas), nun encontro cheo de emocións, confidencias inesperadas, humor e algún momento tenso.

A xornada comezará cunha visita á Domus do Mitreo, a casa romana por excelencia, e a aparición dun grupo de soldados romanos que deixará abraiada a protagonista de Mareas Vivas. Entre paseo e paseo, Parada confesará que «na aldea tiña que coidar das vacas, das ovellas e dos porcos», e lembrará os tempos do «candil de carburo» con retranca: «Teño moitos anos, pero estou moi ben operado».

Tamén visitarán a Tinería, o coñecido como antigo barrio vermello de Lugo. Parada compartirá unha das lembranzas máis curiosas da súa vida, cando, paseando coa súa amiga Chonchita Teixeiro, unha muller o recoñeceu pola rúa do barrio e, con toda a naturalidade, se presentou como «a última prostituta que quedaba en Lugo».

Mais non todo será retranca. A actriz Ana Santos, movida pola curiosidade, traerá a polémica ao programa ao preguntarlle ao monfortino pola súa relación con Chelo García Cortés.

«Dese tema non», responderá Parada, visiblemente incómodo, para logo ameazar con abandonar o programa. «Contan historias que non son como eu as vivín. Agora lévase a televisión de picar a xente; a min gústame a televisión do amor», declarou.

A visita completaráse con boa comida, deporte e emocións compartidas. Ao final, como sempre no programa, a convidada terá que decidir: quedar... ou marchar.

Tracking Pixel Contents