Sergi López: «‘Sirat’ removeume dunha maneira especial»

O actor atópase de promoción da película en Galicia con Oliver Laxe | O director galego aposta en Santiago por «defender os valores» dende a paz fronte as mensaxes de guerra

Sergi López e Oliver Laxe, en Santiago.

Sergi López e Oliver Laxe, en Santiago. / Xoan Álvarez

Mar Mato

A Coruña

O vindeiro día 6 de xuño, o público poderá ver nos cinemas Sirat, a película española con director coruñés —Oliver Laxe— que fixo historia no Festival de Cannes deste ano (premio do xurado e premio á mellor banda sonora). É máis que probable que vostedes non saian indemnes da súa butaca. É moi posible que se boten a man á boca; salouquen, choren ou mesmo lle treman as pernas. Unha vez deixen a sala, tamén é factible que o filme lles acompañe nas vindeiras horas ou días. Ao meditarmos nestas consecuencias, xorde unha pregunta. Afectou o filme no interior ao seu realizador e ao protagonista, Sergi López? Este último, onte en Compostela, sinalaba nunha rolda de prensa: «Ao final, removeume dunha maneira especial».

Poderiamos pensar que López adoita a ficar marcado pola ferradura dos seus personaxes, pero el mesmo o desmentiu. «Eu non me levo o personaxe para a casa», aclarou para recoñecer que ten «un lazo emocional» co seu traballo, o que é tamén a súa «vida» ao tempo que describía o seu xeito de traballar: «O personaxe é un e eu son outro».

Dores profundas

Porén, recoñeceu que «nesta película, dunha maneira moi evidente, achegueime a dores profundas. Non só polo feito de ser pai, xa que teño unha filla e un fillo. Falo dunha dor universal que trascende o máis alá».

Ao seu carón, sentados nunha sala do piso superior do Salón Teatro do Casco Vello compostelán, atopábanse o produtor Xavi Font e o director Oliver Laxe, quen engadía: «É como se o noso corpo tivera memoria das dores dos nosos antergos. É como se a arte, e neste caso actuar, fose un cerimonial. É máxico facer películas, unha invocación extrema; como facer unha constelación familiar».

Laxe agregou que «os seres humanos temos unha capacidade para crear unha imaxe idealizada de nós mesmos porque, en esencia, non nos queremos». Ese rexeitamento supón unha «ferida». O proceso creativo que seguiu para Sirat —que significa camiño que conduce á verdade— fíxolle «pasar desa idealización de min mesmo e tocar a miña ferida a través desta comunidade (os raveiros) que vive máis apegada á súa ferida. O meu foi un proceso de egorredución». Tras estas verbas, Sergi López —que no filme dá vida a Luis, un pai dun neno, Esteban, e dunha moza, Mar, da que sae na súa busca polas raves de Marrocos onde cre que se atopa— reflexionou que «a película é unha cerimonia». E como tal, plantexa o rito da visualización para ofrecer dentro do seu drama unha catarse colectiva a medida que o público empatiza co que lle acontece a ese pai, ese fillo e a comunidade raveira (das raves, festas normalmente ilegais de música electrónica onde a xente se xunta para bailar) á que se unen a través de Marrocos.

Como Sirat é un compendio de varias películas dentro dunha mesma, outra das tramas que se cruzan é un conflito bélico.

Explicaba onte o realizador que este é un proxecto que leva «escribindo dende o ano 2012». «Para min, honestamente, non mudou tanto o mundo. Cando tiñamos que retrasar a rodaxe porque había outra (O que arde) os produtores preocupábanse pensando que ía perder actualidade; pero desgraciadamente é unha peli moi de actualidade porque (...) hai conflitos gobais por doquier», dixo.

O filme convídanos a reflexionar sobre as guerras, os desprazamentos obrigados da poboación civil e a dor e morte desta ante eventos que lles amputan o destino, ademais do mantra dos políticos actuais cos seus tamboriles bélicos.

«A película quería recoller este cheiro a fin de ciclo de maneira realista, non nihilista. É o que hai e asumámolo, afrontémolo e desertemos algo de certo redobre de tambores, de facer a paz coa guerra ou de crer que as armas nos darán seguridade ou paz. Iso é froito dalguén que pensa con medo máis que con cabeza».

‘Reset’ ante o son da guerra

Propón Laxe cambiar a nosa forma de pensar aínda que el mesmo recoñece que «o reset non vai ser sinxelo. Ante esta mensaxe de que van vir curvas, eu como cidadán asumo o reto para todos nós pero non como un reto de sobrevivir senón de defender os nosos valores, de non equivocarnos nin enganarnos».

Aí entra tamén o non termos medo á morte. «Vivimos nunha sociedade tan tanatofóbica que creo que o cinema segue sendo o cinema un espazo para experimentar cousas fortes que non experimentamos na vida. Vivimos nuns tempos fráxiles que nos forzan a mirar adentro; é o que eu quería con esta película. Creo que é o que nos pode salvar. Iso daranos serenidade e quitaranos angustias», engadiu o cineasta galego que se paseou co actor Sergi López pola zona monumental compostelana chamando a atención da veciñanza.

Oliver Laxe: «Non teño ningunha vontade sádica co espectador; quero coidalo»

A dureza da historia que presenta Sirat —aínda que nos leve de festa electrónica cun canto á vida e ao hedonismo— enlaza coa preocupación pola familia tanto de sangue como de amizade. Toca sufri ao velo, non queda outra. «Non teño —sinalaba onte Oliver Laxe— ningunha vontade sádica co espectador; quero coidalo, pero foi a mellor maneira que hoxe en día teño para axudarme a min e ao espectador». O cineasta opinou que tanto a xente nova como a que é moi maior poden comprender a mensaxe do filme. «A vida non te avisa cando che losquea [che dá unha labazada]», sentenciou para indicar máis adiante que o fin é «atopar a luz» despois da escuridade. Ante o revoltallo que se produciu no Festival de Cannes, indicou que «a xente falaba de que facía moitos anos que non tiña unha experiencia cinematográfica así». Respecto do premio do xurado, indicou que «non me vai cambiar» inda que recoñece que «será importante para a vindeira película».

Tracking Pixel Contents