Tania Llasera di a Manel Loureiro: «Pontevedra é máis bonita que Bilbo»

O escritor amosa a súa urbe á presentadora no espazo ‘A miña gran cidade’ (TVG, 21.45 horas) | A comunicadora recoñece que é a primeira vez que está «realmente en Galicia»

A Coruña

Esta noite, ás 21.45 horas, chega á TVG unha nova entrega de A miña gran cidade, con Pontevedra como escenario e o escritor Manel Loureiro como anfitrión. A súa misión será convencer a Tania Llasera de quedar na cidade tras vivir con el catro experiencias moi persoais. Ela chega coa mente aberta: «É a primeira vez que estou realmente en Galicia. Só vin dúas veces e foi rápido, por traballo».

A primeira parada é na Praza da Ferrería. «Eu xogaba nesta praza, e coma min, miña nai e seu pai… temos moitos recordos aquí», comenta Loureiro. A súa intención é que Tania se sinta como unha nena outra vez, e para iso prepáralle millo para as pombas. A química entre ambos é inmediata: Manel báixalle unha flor da camelia e ela responde: «Contigo ata a fin do mundo».

Como sorpresa, Llasera remata vestida co traxe tradicional galego tras coñecer a Asociación Pola Vila, que lle interpretan pezas tradicionais galegas. «Eu non sei que teñen as gaitas que, de súpeto, vólvome celta», di.

Na segunda experiencia visitan o Centro Galego de Tecnificación Deportiva. «Esta é unha cidade moi vencellada ao deporte», explica o anfitrión. Alí, Tania coñece atletas como a campioa do mundo en dobre minitramp Melania Rodríguez ou o récord e España de xavelina en cadeira de rodas Gustavo Dacal e mesmo se atreve a probar o trampolín, non sen o seu humor tan característico: «Rompín a cama saltando o outro día. Son 95 quilos máis a gravidade…».

Na terceira experiencia pasean pola praza de Méndez Núñez, onde Manel lle conta que Pontevedra é coñecida como «a boa vila que dá de beber a quen pasa». «A verdade é que penso que é máis bonito que Bilbo», comenta Tania.

Logo visitan outras prazas como a da Leña ou a da Verdura: «Coñecelas axuda a ver como era tempos atrás a cidade», engade. Xa no restaurante Trasmallo, Loureiro recoñece o reto: «Sendo ela vasca, levala a comer é un risco». Mais tralo éxito do marisco, o albariño e o peixepara o padal da presentadora, Loureiro respira aliviado e orgulloso, porque «os galegos non temos nada que envexar».

A última parada lévaos ao espazo artístico do Sanatorio, que Tania describe como «un lugar ecléctico e moderno». Despois, Loureiro acompáñaa ao seu estudio persoal, o «lugar secreto» onde escribe e á vida ás súas novelas supervendas.

Tracking Pixel Contents