Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A serie sobre o cirurxián coruñés Diego González Rivas chega ao seu fin

AGalega.gal publica o derradeiro episodio de ‘Curando o mundo’, traballo que achega o día a día deste profesional coruñés, que remata esta viaxe televisiva cunha operación en Bali

rodrigo paz

Santiago

Un ano e medio despois da súa estrea na plataforma dixital de AGalega.gal, Curando o mundo, a serie documental que achega o traballo do cirurxián coruñés Diego González Rivas —profesional que, coa súa técnica UniportalVATSeRats para a ciruxía torácia, xa operou a máis de 7.000 pacientes en 129 países—, chega ao seu fin coa estrea esta semana da súa derradeira entrega, a cal xa se atopa dispoñible na plataforma de streaming da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) —antiga CRTVG—.

Nela, o cirurxián coruñés achega desde Bali a súa paixón pola medicina e a aventura ao enfrontarse a unha cirurxía complexa, á espiritualidade dos templos e á forza do océano na súa primeira sesión de surf do ano.

A serie documental Curando o mundo xurdiu, tal e como sinalou Diego González Rivas a este medio, a raíz dunha intervención en Historias a pedais, programa da Televisión de Galicia (TVG) que se atopaba presentado polo exciclista Óscar Pereiro.

«Tralo meu paso por aquel programa, unha persoa relacionada ca produtora de Historias a pedais, que tiña un cancro de pulmón, tentou contactar comigo. Aquel caso non foi operable, pero dinlle un tratamento co que respondeu ben. Entón, a produtora propuxo facer esta serie documental máis profunda sobre a miña vida, percorrendo o mundo para operar e ensinar», destacou González a este diario pouco despois da estrea de Curando o mundo.

Tracking Pixel Contents