O filme galego ‘Decorado’ recibe unha nova distinción internacional
O novo proxecto do coruñés Alberto Vázquez, gañador de catro Premios Goya, logrou o Premio Especial do Xurado no prestixioso festival estadounidense ‘Animation is Film’
Anxo Bentrón
O filme Decorado, dirixido polo galego Alberto Vázquez —gañador de catro Premios Goya con Birdboy (2012), Psiconautas (2017), a curta Decorado (2017) e Unicorn Wars (2023)—e apoiado pola Corporación de Servicios Audiovisuais de Galicia (CSAG), antiga CRTVG—, vén de recibir un novo recoñecemento internacional, desta vez o Premio Especial do Xurado no prestixioso festival estadounidense Animation is Film que nos últimos días se celebrou nos Ánxeles (California).
O galardón obtido no Animation is Film é o segundo recoñecemento que recibe a longametraxe en solo estadounidense nos últimos meses, tras conseguir unha mención especial na súa estrea mundial o pasado setembro no Fantastic Fest de Austin (Texas), un dos festivais do xénero máis importantes a nivel internacional. Tras o seu paso polo recoñecido festival, que supuxo a súa estrea a nivel mundial, o proxecto fixo parada en Ottawa (Cánada), no recentemente finalizado Festival de Sitges (Barcelona) —onde tivo lugar a première española do filme, que foi, ademais, a única película de animación en competición— ou por último no BFI, o London Film Festival.
Agora, tras percorrer o mundo e con dous grandes recoñecementos baixo o brazo, esta fábula escura e hipnótica sobre o control social, a fraxilidade das nosas certezas ou o artificio da vida chega mañá, venres, aos cines, onde se espera unha moi boa acollida tras o seu gran percorrido este último mes polos festivais e certames do sector.
Surrealismo e humor negro
Decorado, un filme que combina sátira, surrealismo e humor negro, cun enfoque mordaz sobre a existencia humana, ten como protagonista a Arnold, un rato de mediana idade aparentemente corrente que comeza a sospeitar que todo ao seu arredor –o seu traballo, a súa parella, a súa cidade...– forma parte dunha xigantesca farsa. O que ao comezo parece unha paranoia cotiá convértese co tempo nunha fuxida desesperada cara a algo que se pareza, aínda que sexa un pouco, á liberdade.
Gañador de catro Premios Goya —compartindo coa directora ferrolana Chelo Loureiro (Valentina, To bird or not to bird) o cetro de galego con máis Premios Goya—, Alberto Vázquez conta cunha dilatada e recoñecida carreira como director de cine e ilustrador, obtendo máis dun centenar de premios internacionais en festivais. Precisamente, Decorado provén dunha destas obras premiadas, a curta homónima coa que Alberto Vázquez gañou no 2017 o Goya a Mellor curtametraxe de animación. Sen embargo, a pesar de ser unha inspiración e ter cousas en común, o cineasta coruñés sinalaba recentemente nunha entrevista con Faro de Vigo, do mesmo grupo editorial que LA OPINIÓN, que «utilizo a curta para chegar para chegar a outra cousa», cunhas narrativas, temáticas e personaxes diferentes.
Esta coprodución galega, vasca, estremeña e portuguesa, como el mesmo a describe, foi coescrita polo propio ilustrador coruñés e Francesc Xavier Manuel e está producida por Abano Producións, Uniko, The Glow, María y Arnold A.I.E e Sardinha Em Lata, ademais de contar co respaldo da TVG, RTVE, ETB, Movistar Plus+, ICAA, Agadic, a Deputación de Badaxoz, o Goberno Vasco e a Deputación Foral de Biscaia.
- Pablo Montero, deportista sancionado por surfear en A Coruña con alerta naranja: 'No me puedo creer que la primera vez que me multen sea en mi ciudad”
- 3-0 | El Dépor golea a la Cultural y se coloca en zona de ascenso directo
- A Coruña antes de Marineda City: cuando la ciudad inauguró su primer, y polémico, centro comercial del siglo
- Gerard, el aficionado que se mudó a A Coruña por el Deportivo «con una mano delante y otra detrás»: «Me ha dado la vida»
- Un pescador fallece al ser arrastrado por una ola en A Coruña
- El arquitecto del mercado de Monte Alto pide más dinero por una ampliación del contrato de palabra
- LaLiga le pone el cuentakilómetros a la cabalgada de Yeremay en Zaragoza
- El templo perdido de la merluza a la romana y la tortilla en A Coruña nacido de una dinastía deportivista