Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ágatha, na muralla de Lugo: «Se vivise aquí, pasearía pola mañá e pola tarde»

O programa permite o reencontro da protagonista coa deseñadora local Nora Real: «Foi a primeira en convidarme a facer un desfile en Lugo» | O actor Luís Iglesia actúa como guía

A Coruña

A Televisión de Galicia emite hoxe, ás 22.00 horas, un novo episodio de A miña gran cidade, con Luís Iglesia como anfitrión e Ágatha Ruiz de la Prada como convidada. O actor lucense quere demostrar que a súa cidade é un lugar no que sempre paga a pena quedar. «A min tócame moito no corazón Lugo», di nada máis comezar. O reto é grande, e o compromiso tamén. «Se non che gusta Lugo, non che gusto eu», avisa antes de iniciar o percorrido.

A deseñadora chega con vaga curiosidade. «Coñezo pouco Lugo», recoñece. Luís Iglesia adiántalle o menú de hoxe, ao que ela responde con ilusión: «Encántame o polbo». O anfitrión dálle a razón cunha das súas frases máis lucenses, «o polbo non é comida, é unha relixión», e a química agroma.

A primeira parada é a praza de abastos, onde Luís Iglesia fala con orgullo do produto local. «Se de algo podemos presumir en Galicia, é de materia prima», sostén. Ágatha recoñece que «non é moi de mercados», pero déixase levar pola curiosidade.

A seguinte parada é o Banco dos Segredos, onde a deseñadora non pode evitar sorprenderse. A forma deste longo banco permite comunicarse con discreción mediante borboriños dende un extremo ao outro. «O mellor altavoz do mundo», exclama. Luís lembra tempos pasados,de cando «escoitabamos as parellas falar baixiño» e ata se anima a cantarlle a Ágatha. Pero se algo destaca deste paseo, como adoita acontecer na cidade, é a muralla. Ágatha queda fascinada: «Paréceme preciosa, se vivise aquí pasearía polas mañás e polas tardes».

Ágatha non para de mencionar unha tenda moi especial para ela, a dunha clienta —Nora Real— que apostou pola súa marca dende os 80. «Foi a primeira en convidarme a facer un desfile en Lugo», di a deseñadora, que confesa que «o que máis me gustaría no mundo é ver Nora», a dona da tenda. Inqueda, pregunta pola rúa polo paradoiro da famosa tenda de Nora e, para a súa sorpresa, dá co establecemento onde ata hai uns anos estaba a tenda.

Chegada a comida, prodúcese o esperado reencontro. Agardando na polbería de Aurora, a vella amiga de Ágatha aparece de sorpresa e comparte un ameno xantar cheo de anécdotas. «Para min Lugo es ti», confésalle a deseñadora emocionada. O intre é tan íntimo que Luís empeza a pensar que sobra.

No traxecto cara á cuarta experiencia, Noelia Rey pregúntalle á aristócrata pola súa portada en bañador no ¡Hola!, o que considerou un «Tinder pro» polo que recibiu abondosas chamadas de amigas, pero «non me chamou case ningún señor, non me funcionou».

Chegan ao paseo do cine, onde Luís reflexiona sobre a importancia emocional que ten para el ese lugar e que lle adicaran no 2021 a Semana do Cine. «Entre colegas hai superestrelas, pero tamén moitos currantes, proletarios da actuación», comenta, ao que Ágatha retruca: «Pero que dis? Se es o máis sexi de Lugo, que mo dixo todo o mundo».

Para a cuarta experiencia restan apenas tres minutos. As dúas celebridades comparten un paseo polo Miño ao carón da ponte romana, onde a calma do lugar sorprende á deseñadora. Tres minutos de graza permítenlles visitaren aínda as termas romanas, o remate da aventura. E chega a decisión final. Ágatha debe escoller se queda en Lugo ou marcha de volta a Madrid. A resposta, esta noite, ás 22.00 horas na TVG.

Tracking Pixel Contents