Sonia e Selena, en Fisterra: «Estas vistas son para quedar aquí unha eternidade»
O anfitrión, Eddy Insua, empresario e celebridade local, amósalle sitios máxicos e o mar infinito para convencelas de que queden na súa vila

Sonia e Selena, en Fisterra: «Estas vistas son para quedar aquí unha eternidade»
A Televisión de Galicia viaxa este sábado (22 horas) ata Fisterra, para unha nova entrega de A miña gran cidade. O anfitrión é Eddy Insua, empresario e celebridade local que viu como a súa vida cambiaba por completo tras pasar por Gran Hermano. Agora, convertido en guía de excepción, recibe as cantantes Sonia e Selena, co reto de convencelas de quedar uns días pola súa vila.
O fisterrán ten claro o que quere amosar: «Hai puntos clave que hai que ensinar», asegura, decidido a amosar non só os lugares máis emblemáticos, senón tamén esa Fisterra persoal e cotiá que coñecen os que viven pegados ao mar. Por sorte, o tempo parece acompañalos, algo que parece milagre nesta vila atlántica onde, como di el, «pode traer as catro estacións nun mesmo día».
As súas invitadas chegan dispostas a deixarse sorprender, e dende o primeiro intre, a química é evidente. Selena, emocionada, exclama: «Amo o norte, esta parte do país», mentres Sonia, entre sorrisos, avisa ao anfitrión: «Moi mal o tes que vender para que diga que non». Eddy, confiado, cre que «a maleta do programa vai ser pequena» para os días que acabaran pasando en Fisterra as artistas.
A primeira experiencia transcorre nunha mañá radiante, perfecta para percorrer o porto e as praias onde Eddy xogaba de neno. «Estas vistas son para quedar aquí unha eternidade», suspira Sonia ante o Atlántico. Os tres comparten a mesma necesidade vital de ver o mar: «Madrid encántame, pero esa sensación de quedar pechado… A min dáme moita claustrofobia», admite Sonia, «necesito ver o mar». Selena e Eddy asenten, unidos nun mesmo sentimento o Mediterráneo e o Atlántico.
O paseo continúa pola feira local chea de vida, onde Selena está como na casa, pois «en Ibiza hai moito mercadiño hippie». O azar quixo sorprendelas aquí cando un dos postos tiña soando a súa última canción «Reinas», un tema que homenaxea a súa traxectoria e a súa ilusión por todo o acadado dende o seu éxito «Yo quiero bailar». Selena admite con orgullo e algo de humor que «se non fose Selena de Sonia y Selena, sería fan de Sonia y Selena».
Os tres aproveitan o paseo para compartir as súas sensacións sobre o mundo do espectáculo e os realities. Falan da súa experiencia no Benidorm Fest e da presión de vivir baixo os focos. «Foi moi bonita, queremos volver. Aprendes moito lonxe da casa e coñeces os teus límites», di Sonia. Eddy, que pasou máis de tres meses na casa de Gran Hermano, entende perfectamente a sensación e apunta directamente a como están deseñados este tipo de programas: «Todo está preparado para que a xente estoupe».
Na furgoneta, xa de camiño á seguinte parada, a conversa deriva cara ao inconformismo que sentimos todos cos nosos lugares. «Os do norte queremos o tempo do sur e os do sur queren o tempo do norte», explica o fisterrán, «e para os que viven aquí a vila é excesivamente tranquila, pero para os que veñen da cidade é o seu momento de desconexión».
Para a segunda experiencia lévaas ata as Cabanas Fisterra, o proxecto que a familia de Eddy creou «con moito traballo e moita ilusión» e do que el tomou o temón. «Nacemos con catro cabanas e poquiño a pouquiño fomos crecendo», explica. O lugar é un remanso de paz entre montes e mar, algo que as dúas cantantes non tardan en apreciar. «O sitio é máxico», di Selena, mentres Sonia observa o horizonte: «Ver o mar infinito dende aquí é incrible».
As risas e a complicidade fan que o fisterrán se abra un pouco coas cantantes e fale de saúde mental e superación: «Tiven unha etapa mala hai pouco, e o deporte foi o meu salvavidas». Sonia, impresionada, retrúcalle con agarimo: «Es un tío con cabeza, cos pés no chan. Nótase que non es o típico forzudo parvo».
Para o xantar, Eddy elixe O Fragón, un restaurante de referencia en Fisterra. «A comida galega é o que as vai namorar si ou si», anuncia. E non lle falta razón. Entre longueiróns, mexillóns, lumbrigante e verduras da horta, o menú de quilómetro cero non desfrauda. Porén, as cantidades parecen non acabar de convencer as artistas. «Somos de bo comer», confesa Selena, mentres Sonia reclama entre risas: «Eu quería máis de todo!»
A conversa flúe entre garfadas e confesións. Eddy lembra o seu gusto polos lumbrigantes e recoñece que «vai ás vodas polo marisco». Pero a sorpresa é súa cando descobre que ningunha das dúas convidadas asistiu nunca a unha voda. Eddy remata confesando: «Sempre fun antivoda, anti amor eterno… pero agora propóñome casar de verdade».
O ton da conversa cambia e faise máis íntimo cando Eddy se abre sobre a súa faceta como creador de contido. Séntese privilexiado de poder «vivir unha vida que a moitos lles gustaría», pero explica que, aínda que «non vai ao mar nin á obra», detrás das imaxes perfectas e das viaxes espectaculares hai tamén unha carga invisible: «Non todo é como se ve. Estás pendente de expoñer o ben que o pasas, pero realmente non o pasas tan ben». Fala desa obriga de gravar cada momento, de vivir pensando no seguinte vídeo, e de como iso lle resta espontaneidade ao día a día.
A derradeira parada non podía ser outra que o faro de Fisterra. «Vir a Fisterra e non ver o faro é como ir a Compostela e non ver a Catedral, un pecado capital», di Eddy, mentres o vento atlántico axita o cabelo das súas convidadas. A sorpresa agarda: o grupo de gaitas Tripulación recíbeas interpretando Zúmballe o caneco.
«Eu escoito unha gaita e póñome a chorar», di Selena, emocionada. Eddy fálalles da historia do faro, dos naufraxios e do seu tío, o último fareiro, falecido este ano. Un oficio en declive o do fareiro que Eddy quere poñer en valor e que gardará por sempre unha importancia histórica para a xente da Costa da Morte.
Antes de rematar a visita, o ambiente relaxado deixa paso a un momento de humor. No faro, Eddy bromea con Sonia, que chegara á gravación en tacóns altos, e coméntalle que pode deixar alí o seu calzado, como era tradición dos peregrinos antano, e aproveita a ocasión para convidar as dúas a facer o Camiño de Santiago, pechando así unha xornada contra o reloxo.
Pero a decisión final de se quedan coa maleta en Fisterra uns días ou collen o billete de volta está nas mans das cantantes. Sonia e Selena miran unha á outra e dubidan: «Temos moito que pensar». O resultado, este sábado ás 22:00 na TVG.
- Charo se despide de Gadis tras 49 años de trabajo en A Coruña: 'Me siento muy querida
- La coruñesa José Luis Joyerías bate su récord de facturación y prepara su salto fuera de la península con una tienda en México
- Reunión en A Coruña para rememorar los viejos tiempos del Gurugú: 'Nuestra infancia no se parece nada a la de los niños de hoy
- La Plaza de la Constitución de Betanzos gana un 'Histórico' restaurante: «Volveremos con mejores vistas»
- Piscinas, diseño nórdico y lujo: entramos en las casas de A Coruña que triunfan en las revistas de decoración
- Lucas Castro, el juvenil del Deportivo que aporrea a la puerta: 'Siempre tuvo mucho gol
- El traslado de Repsol al puerto exterior de A Coruña queda exento de evaluación de impacto ambiental
- La Xunta, pendiente de las luminarias para comenzar las obras en el puente de O Pedrido