Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«‘Corazón galego’ ensina Galicia aos de fóra, pero tamén nola redescobre a nós»

Raúl Bartolomé e Noelia López falan do novo formato da TVG que leva aos famosos a galeguizarse por comarcas: humor, emoción e moita identidade. Na primeira entrega, o cantante e presentador Bertín Osborne regresa a Galicia da man de Eva Iglesias para poñerse a proba

A Coruña

A miña gran cidade. Corazón galego estréase o próximo luns na Televisión de Galicia (22.50 horas) cun primeiro episodio de luxo. Bertín Osborne regresa a Galicia da man de Eva Iglesias para poñerse a proba. O espazo propón un reto singular: mergullar a celebridades na cultura galega a través experiencias nas que deberán demostrar a súa galeguidade para gañar o seu carné de Corazón Galego. Falamos con Raúl Bartolomé, director do programa, e con Noelia López, directora de produción.

En que consiste A miña gran cidade. Corazón galego?

É un programa de entretemento e descubrimento. Collemos a unha personaxe coñecida e sometémola a un proceso de «galeguización total». Durante seis experiencias inmersivas, aprende costumes, tradicións, palabras e sabores da nosa terra. Ao final, son os veciños e o anfitrión quen deciden se merece o carné de Corazón Galego. É un xogo, pero tamén un retrato da nosa identidade. O programa ensina Galicia aos de fóra, pero tamén nola redescobre a nós mesmos.

Nesta edición xa non visitamos cidades, senón comarcas. Por que?

Queríamos gañar perspectiva e achegarnos ao país das parroquias, as aldeas e as tradicións vivas. Galicia non se entende sen o seu territorio, e moitas veces é nas comarcas onde latexa a auténtica vida galega. Cada comarca é un mundo. Dunha a outra cambian a fala, os pratos típicos, os oficios, a música... E a poucos quilómetros de distancia. Iso é o que queremos poñer en valor, esa diversidade que nos une.

O primeiro programa leva a Bertín Osborne e Eva Iglesias ao Salnés. Como foi esa elección?

Era a parella perfecta para arrincar! Xa funcionaran moi ben no programa anterior en Rianxo, así que queriamos afondar nesa química que demostraran en pantalla e ver ata que punto era real o interese de Bertín polo noso país. E vaia, sen facer spoilers, o certo é que sorprendeu a moitos do equipo co que sabía de Galicia. E o Salnés é un lugar espectacular: viño, mar, tradición, música... Durante as experiencias Bertín pasa de campaneiro a adegueiro, acaba facendo unha empanada de millo, sobe a unha batea... E moito máis! Se con iso non te galeguizas, xa non hai remedio. (risas)

O ton do programa é moi divertido, pero tamén hai unha compoñente divulgativa.

Si, a risa é a porta de entrada. Pero detrás de cada experiencia hai un valor cultural: a toponimia, os oficios, a lingua, a gastronomía, a música tradicional... E o mellor é que o público galego tamén vai aprender cousas. Hai moita Galicia por descubrir, mesmo para nós.

Que podemos aprender neste primeiro episodio, por exemplo?

A linguaxe do toque das campás, o segredo detrás dos albariños Rías Baixas, a historia detrás dos hórreos, como tocar unha pandeireta...

Como se preparan ante esas experiencias?

Cun traballo enorme de documentación e de contacto coa veciñanza. Todo o que aparece é real. Non hai decorado, nin un guion imposto. Son persoas que abren a súa casa e dan o seu tempo. A clave é a autenticidade. O humor xorde só cando as situacións son verdadeiras, como cando ves a Bertín Osborne intentando debullar unha espiga.

Os convidados saben o que van facer?

Non exactamente. Chegan con algunha pista, pero o groso das experiencias descóbreno sobre a marcha. Para min, é a graza do programa.

Que buscan transmitir co programa?

Orgullo e amor pola nosa identidade, que a xente vexa que ser galego é algo marabilloso, diverso e cheo de matices. Queremos que Galicia se sinta orgullosa de si mesma.

E despois do Salnés, que nos espera?

Non imos desvelar moito, pero vai haber comarcas de todo tipo: montaña, interior, mar... Galicia convertida nun plató natural. O importante é que quen vexa Corazón galego se entreteña, aprenda algo e, sobre todo, se sinta máis orgulloso do seu país. Iso xa sería o mellor premio.

Tracking Pixel Contents