Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A MIÑA GRAN CIDADE, CORAZÓN GALEGO, HOXE AS 22.00 H. NA TVG

Bertín Osborne, no Salnés: «Só me falta buscar unha moza galega»

O exitoso programa da TVG continúa co segundo capítulo da aventura de Bertín Osborne pola comarca acompañado de Eva Iglesias, empeñada en galeguizalo

O cantante disfruta entre pandeireteiras, bateeiros, viño, peixe e marisco

O exitoso programa da Televisión de Galicia A miña gran cidade, Corazón Galego, emite esta noite (22.50 horas) o segundo capítulo da aventura de Bertín Osborne polo Salnés, acompañado de Eva Iglesias, que sigue empeñada en galeguizalo. O programa arranca coa parella conversando mentres proban a empanada de mexillóns que fixeran no capítulo anterior. «Unha filla miña sae cun galego que ten as súas casas aquí ao lado de Sanxenxo», confesa Bertín, mentres Eva o convida a facer o propio e que merque casa en Galicia. «O único que teño que facer é buscarme unha moza galega», retruca el entre risas. «Sería a súa perdición», di a rianxeira. «Non pararía de beber albariño e de comer... habería que mirar por el», remata entre risas.

A cuarta experiencia lévaos ao corazón da música tradicional da man da asociación Soalleira, institución de Dorrón con décadas de historia dinamizando o folclore das Rías Baixas. O xardín da quinta onde estaban énchese coas súas voces, traxes e pandeiretas, e Bertín mira fascinado: «Un amigo meu de Pontevedra regaloulle á miña filla Alejandra un traxe de galega cando era pequena, estaba guapísima».

Antes de lanzarse a ensinarlle algunha peza, Eva, que o coñece ben, adiántase: «Seguro que vas dicir que na música tradicional berramos moito». «Non, ti si que berras moitísimo!», retruca el con malicia. «A min non me fai falta micro», responde ela, levantando as mans coa pandeireta mentres Bertín asente, rendido.

O sevillano colle o instrumento «como se fose da tuna», como apunta Eva, e corrixe a postura con paciencia. O andaluz proba a abanear a pandeireta, pero non lle dá moito xeito. «Non teño eu xogo no pulso, eh?», admite el, mentres a súa anfitrioa lle dá unha lección de ritmo e destreza. «Empecei con seis anos en baile galego e logo xa fun aprendendo pandeireta, gaita, tamboril… Botei moitos anos nunha banda de gaitas», conta Eva. «Eu o de pandeireteira lévoo moi dentro, por iso esta experiencia», engade, divertida.

As pandeireteiras fálanlle da homenaxe deste ano polas Letras Galegas ás nosas cantareiras, e o andaluz, emocionado, deixa caer unha reflexión sincera: «En todos os sitios é a nosa obriga non esquecer de onde vimos». Recoñece ademais que «escoitou música popular galega infinidade de veces» e lembra as súas visitas a Luar: «Vou dúas ou tres veces ao ano durante corenta anos!». O remate chega cun aturuxo coral.

Experiencia con sabor a mar

A quinta experiencia ten sabor a mar. No peirao de Vilanova de Arousa, unha multitude agarda a chegada de Eva e Bertín, que soben ao barco de Marcos Leiro, bateeiro con máis de tres décadas de oficio. «O de cultivar mexillón non debe ter moito misterio», di o cantante antes de embarcarse, ignorando o que lle espera. Xa no medio da ría, Marcos explícalles o proceso de cultivo, as 500 cordas por batea e os meses de espera: «Hai que esperar oito ou nove meses», comenta. «Están preñados!», bromea Bertín.

Pero sempre é mellor vivilo que que llo conten, así que Marcos ensina de preto como extraen o mexillón. Eva, sempre teatral, dá un chimpo cando as salpicaduras a mollan de cheo. «Que susto me deches! Pensei que saíra unha quenlla!», ri Bertín, mentres a presentadora se recompón entre gargalladas.

As imaxes que deixa a experiencia son fascinantes. Tanto a rianxeira como o andaluz quedan sorprendidos do esforzo e dedicación detrás dos bateeiros. «É un traballazo, admiro a xente que traballa na batea e no mar en xeral», di ela. «É un oficio durísimo», recoñece el, que incluso fai contas: «Creo que están mal pagados».

A bordo, proban os mexillóns frescos cocidos, un verdadeiro privilexio. «Os máis escuros son machos», explícalle a Eva. «E ti comes femias, polo que vexo…», pica Eva. «Eu cómoas todas», sentencia o cantante con sorriso pícaro.

Xa na furgoneta, entre confidencias e bromas, Bertín fala dos seus negocios e saca peito dos números que fai a súa empresa alimentaria, que vende «un millón de bolsas de picos ao ano». «E nin unha bolsa me traes, mira que es rata!», espétalle Eva, sen perder a ocasión.

A sexta e última experiencia é a fartura final: un xantar de marisco na Quinta de San Amaro, onde o anfitrión e a súa convidada comparten cigalas de Marín, vieiras de Cambados e un guiso de peixe sapo con ameixas, regado con albariño de «A do Ferreiro». «Eu non son de comer ata fartar. Cando se dan situacións así, logo arrepíntome», di Bertín mentres Eva o anima a brindar. «Outra cousa que me encanta de Galicia é a carne, é espectacular. E as patacas son boísimas», apunta o andaluz, cheo de eloxios para a nosa gastronomía.

Bertín, que é bastante esixente coa temperatura do viño, protesta timidamente cando o viño chega con pouco xeo: «Así arrefría só o cú da botella». Eva non o deixa pasar e aféalle o reparo: «Iso é ser pesado co persoal da hostalaría, Bertín, que xa ten bastante traballo!».

Entre risas e copa en man, brindan por Galicia. «Unha das terras máis bonitas, agradables, entrañables, familiares e nas que eu me sinto mellor», proclama el. Lembra tamén cando cantou en galego «Un canto a Galicia» no plató de Luar, «un programa espectacular, un clásico clásico».

«Véxote frouxo, baixouche a tensión?»

Co estómago cheo e o albariño facendo efecto, o ritmo desacelérase. «Véxote frouxo, baixouche a tensión?», preocúpase Eva. «É que non como tanto, só unha vez ao día, non ceo e case nunca almorzo», explica el, medio rendido.

A conversa deriva nos soños pendentes: «Hai cousas en España que hai que facer unha vez na vida: a Feira de Sevilla, os San Fermíns, as Fallas… e o Camiño de Santiago». E é o Camiño, precisamente, o «único pendente» que ten el, polo que Eva non o dubida e proponlle facelo xuntos noutro programa, «hai que falar coa Televisión de Galicia!», comenta entre gargalladas.

Iso si, en privado recoñecen que a convivencia podería ser intensa. «Moitos días con Bertín… prefiro que non», admite Eva. «Eu vou a cabalo e ela que corra», retruca el.

A sobremesa acaba coa sesta ameazando, pero tamén cunha pregunta no aire. Despois de seis experiencias cheas de música, mar, albariño e humor, Eva Iglesias deberá decidir se Bertín Osborne é merecedor do seu título de Corazón Galego. El, pola súa parte, deixa unha frase que soa a despedida vitoriosa, ou quizais a promesa de mellora: «Encantado en volver porque aprendín e me pareceron moi interesantes as cousas que non coñecía».

Esta noite na TVG saberase se o andaluz leva para Andalucía, por fin, o seu “corazón galego”.

Tracking Pixel Contents