Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A MIÑA GRAN CIDADE: CORAZÓN GALEGO

Boris Izaguirre, en tractor por Lalín: «Síntome como no Orgullo Gay»

O “showman” televisivo disfruta do verdor do Deza, do cocido e das filloas e da Banda Artística de Merza, a agrupación popular máis antiga de Galicia

A TVG continúa este luns ás 22.50 horas coa aventura de Boris Izaguirre pola comarca do Deza, no segundo episodio de A miña gran cidade: Corazón galego, con Vanessa Bouza como anfitrioa e guía. Despois dunha primeira xornada entre vacas, queixos e pedindo ingredientes do cocido polas casas de Botos, o venezolano enfróntase ás tres últimas experiencias antes de saber se merece –ou non– o cobizado carné de corazón galego.

O programa recolle o fío onde quedara: cun Boris que chega ao segundo día cun “notable moi alto”. Pero aínda lle faltan tres probas clave: entender o minifundio galego subido nun tractor, facer un cocido de Lalín e non desafinar demasiado coa gran Banda Artística de Merza.

O problema dos marcos

Na cuarta experiencia, Vanessa e Boris regresan a Botos, en Lalín, para reencontrarse con Óscar, o gandeiro que xa lles abrira as portas da súa granxa no primeiro episodio. Agora tócalles saír ao monte e mirar a terra desde arriba dun tractor. Óscar explica o elevado custo de ter e manter unha granxa, no seu caso, cunha infraestrutura que pode chegar a «1,5 ou 2 millóns de euros, sen os animais», e resume o reto diario nunha frase: «O problema é o minifundio. Nós traballamos en 500 parcelas e en hectáreas igual son preto de 60».

Vanessa propón que suban no remolque «como os nenos de antes», pero Óscar avisa de que os tractores de agora «van rápido». Aínda que temerosos nun inicio, nada máis arrancar, a parella arrinca a cantar Tractor amarillo e Boris remata entregado á verbena: «Síntome como no Orgullo Gay, non é moi distinto». Para sorpresa de Vanessa, o seu convidado narra unha anécdota nunha carroza do Orgullo compartida con Camela: «Amo Camela!», di a galega.

Entre canción e canción, o paseo convértese nun miradoiro rodante: están tan altos que chegan coas mans ás castañas das pólas e mesmo teñen que agacharse máis dunha vez para esquivar as ramas dos castiñeiros.

«É un privilexio. Pode soar populista, pero as oficinas son máis aburridas ca isto», di Boris visiblemente entregado. As vistas axúdanlle: «Toda a paisaxe, coas follas mudadas de cor, as vacas descansando…», comenta fascinado co verdor do Deza. Vanessa coincide que a experiencia é «unha pasada, un día inmellorable do que só cambiaría o tempo, que chove moito».

Óscar entra en modo mestre: explícalles os marcos, esas pedras que marcan as lindes e que «sempre foron motivo de disputa moi grande en Galicia», e tamén as diferenzas entre os tractores grandes e os chimpíns. Boris, fiel ao seu estilo, leva a conversa a outro terreo: «E se de súpeto xorde o amor, son cómodos os tractores?». O gandeiro ten a resposta moi clara: con asento cara atrás e volante cara adiante, «son comodísimos» e, ademais, «ten calefacción, aire acondicionado e podes desprazar o amor para unha zona na que non te vai ver ninguén», comenta con humor.

Un cocido exprés

De volta na furgoneta, Vanessa aproveita para preguntarlle a Boris polo clima cando veu dende Venezuela. El recoñece que o cambio foi duro cando chegou a Galicia, e lembra a reacción da súa nai, de visita en pleno decembro: «Non pode ser que te deites con chuvia e espertes chovendo!», laiábase ela, preocupada polo seu fillo.

A quinta experiencia lévaos por fin á cociña. En Lalín, capital do cocido, Boris e Vanessa chegan ao restaurante Cabanas cos ingredientes que recolleran no episodio anterior. Alí agarda José Luís, un verdadeiro “rei do cocido galego”, que levou o prato ata a Embaixada Española no Vaticano e leva máis de dúas décadas co seu local recomendado como templo da cociña tradicional.

Entre potas e fume, Boris saca peito de galego adoptivo: «Do porco cómese todo», afirma, mentres recoñece que «eu pasaba moito febreiro aquí en Galicia» comendo garavanzos e cocido. Pero tamén admite a súa síndrome do impostor: «Moitos cociñeiros pensan que eu son cociñeiro, pero só son cociñeiro se hai luces, cámara e acción». Na casa quen manda entre os fogóns é Rubén: «Na casa cociña Rubén, eu frego os pratos moi ben dende sempre», ri.

José Luís explícalles a importancia de combinar carnes salgadas, afumadas e aireadas, preferentemente «con leña de faia ou carballo», e repasa con eles o tempo de cocción, a orde de engadir ingredientes e ata as particularidades das carnes. Mentres tanto, Boris non resiste a tentación e lanza a man ao lacón, «o seu favorito», para probar un anaquiño do «rei do cocido galego»..

A sobremesa trae o momento máis cómico da xornada: as filloas. O cociñeiro explica que, antigamente, as filloas preparábanse coa auga da cocción das carnes e comíanse co propio cocido, non como sobremesa. Hoxe tocan na súa versión doce, cun amoado máis lixeiro ca unha crêpe e cun segredo claro: a temperatura da tixola e o touciño para untala.

Boris empeza prometedor, pero ao darlle a volta á filloa fai unha auténtica desfeita: «Parece un prepucio», confesa, entre risas e algo de vergoña. Vanessa, moi valente opinando desde a barreira, tampoco triunfa cando lle toca probar: «Isto é por traballar baixo presión», xustifícase, antes de propoñer a solución máis práctica: «Cómea que así non se ve».

A Banda de Merza e o “trombón” de Boris

Despois da fartura, o corpo pide música. A sexta e derradeira experiencia lévaos a Vila de Cruces, canda a Banda Artística de Merza, a agrupación popular máis antiga de Galicia, fundada en 1828 e con máis de cen músicos federados. Pablo Fernández, trompista e presidente da formación, recíbeos como auténtico mestre de cerimonias.

Vanessa, que foi vocalista de orquestra, tenta que Boris se arranque con Xirarei de Xil Ríos, pero a realidade impónse: «Se non fose pola voz, podería ser cantante», sentencia Pablo, que conclúe que o venezolano «mellor toque o bombo». Boris, que chama ao bombo “trombón”, obedece encantado.

A peza arrinca con dignidade, pero aos poucos o noso protagonista vai perdendo o pulso. Aínda así, remata eufórico: «Foi incrible! Que marabilla», repite, coa emoción de quen acaba de debutar nun auditorio.

O idilio galego remata cun segundo pase: Vanessa canta Xirarei mentres Boris fai un «descaradísimo playback», nun dúo tan improbable como divertido. Ao final, o propio Boris recoñece que o bombo se lle fixo «repetitivo», pero tamén confesa unha nova debilidade: «Encantoume o xefe da banda, teño esta debilidade polo cabaleiro galego». Vanessa ve futuro: «Eu creo que cunhas clases, igual a Banda de Merza o ficha».

Rematado o itinerario galeguizador polo Deza, a ferrolá escoitará antes as valoracións dos veciños e veciñas que acompañaron a Boris nestas seis experiencias, coas súas notas, eloxios e tiróns de orellas. Só despois poderá decidir se lle entrega –ou non– o ansiado carné de Corazón galego. A decisión, esta noite na TVG

Tracking Pixel Contents