Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Roberto Vilar: «'Xente Marabillosa' foi valente e levou ao ‘prime time’ o patrimonio galego»

O presentador, estrela convidada no espazo ‘Xente Marabillosa’ desta noite (TVG, 21.55 horas), é un mestre en facer rir con moita naturalidade. Do programa de hoxe, ten gravado que «nunca» pensara que «participar en ‘XM’ se convertera nunha experiencia tan enriquecedora»

Roberto Vilar, nun momento do seu paso por ‘Xente Marabillosa’ desta noite. |  TVG

Roberto Vilar, nun momento do seu paso por ‘Xente Marabillosa’ desta noite. | TVG

A Coruña

Ao longo da súa carreira converteuse nun dos comunicadores máis reconocibles de Galicia. Que cre que foi a clave para manter esa conexión tan forte co público durante tantos anos?

Son incapaz de saber cal é a clave para estar máis de 30 anos contando co agarimo da xente. O que si son é moi consciente, de feito cada vez que acabo o meu programa dou as grazas ao público que vén a estudio pola súa xenerosidade, por seguir mostrando o seu agarimo.

Moitos espectadores destacan a súa capacidade para combinar humor e emoción sendo auténtico. Como atopa ese equilibrio nun medio tan esixente?

Intento, tanto na comedia como na emoción dramática, traballar coa verdade. Así se logra conectar coa emoción que se busca, xa sexa a risa ou a nostalxia: aínda que sexan escenas de ficción ou parodias, tentamos traballar a verdade.

Como xestiona a responsabilidade de traballar nun medio público, onde a televisión ten tamén unha función social e de servizo á cidadanía?

Entendo unha cadea pública como un ben que pertence ao pobo galego. Fago televisión pensando como espectador, porque esta é a miña televisión, a Televisión de Galicia, que é a que eu vexo. Eu son un espectador máis de TVG e así enfoco o meu traballo.

En XM fálase da importancia de protexer o patrimonio galego. Que significado persoal ten para vostede o patrimonio cultural de Galicia?

Galicia e patrimonio son palabras case sinónimas. Galicia ten patrimonio en todos os sentidos: monumental, histórico, artístico, humano, tradicional, a xente, as aldeas, o idioma... Galicia é patrimonio. Eu fun criado na aldea, onde nos transmitían a importancia que ten o común, ensinábannos que existen cousas comúns que hai que valorar e respectar. Pode ser que hoxe en día se eduque máis no individual, pero o patrimonio de Galicia pertence a todos os galegos e galegas.

Como pode un comunicador contribuír a sensibilizar sobre a conservación do patrimonio?

Creo que os comunicadores temos capacidade de entreter á xente e, dalgunha maneira, facela feliz e sacarlle un sorriso, pero non me considero que teña capacidade de influencia máis aló diso. O de concienciar, para min, segue sendo unha cuestión máis da escola, da familia e doutras contornas.

Houbo algunha historia ou testemuño recolleito no programa que lle sorprendeu especialmente?

Unha cousa que me sorprendeu e alegrou especialmente é cando se fai a cámara oculta nas Marías da Alameda de Santiago, con alguén que tentaba pintalas cun spray, e a xente rebélase con bastante firmeza. Un podería pensar, ao ser unha obra bastante contemporánea e popular, que non habería unha reacción de defensa. E houbo, coma se fose a catedral de Santiago. Non só por ser antigo é patrimonio, todo patrimonio é importante.

Máis aló dos monumentos, hai oficios, tradicións e modos de vida que tamén están en risco. Que papel deberían ter os medios públicos na súa difusión e protección?

Os medios públicos poden axudar na conservación do patrimonio que non é tanxible. Un exemplo é claramente o idioma galego. E non só é falalo ben senón, sobre todo, falalo. En todos os ámbitos. Tamén é importante que os medios públicos manteñan o legado dos nosos maiores e que sigan facendo de altofalante, para que os novos lembremos sempre de onde vimos.

O patrimonio non só consérvase: tamén se vive. Que experiencias persoais conéctanlle de forma máis profunda coa cultura galega?

A vida de campo na aldea: traballar a terra, quitar estiércol, cortar a herba seca, que era algo que de rapaz non me gustaba, agora cando volvo a conexión é brutal, porque conecto con ese Roberto de 12-14 anos. Ese é o meu patrimonio.

Tras a súa participación en XM, que conclusións saca?

XM tivo a idea e a valentía de facer un programa de televisión en prime time poñendo en valor o noso patrimonio. E non só facelo, senón facelo dunha forma divertida para o espectador, cun ton positivo, sen enfado. Hai emoción pero hai unha maneira de expresala moi bonita, moi agradable, rimos e gozámolo, e ese é o mérito deste Xente Marabillosa, que nunca pensei que se convertese nunha experiencia tan enriquecedora e tan bonita para min.

Tracking Pixel Contents