Jesulín de Ubrique: «Con catorce anos compreilles un piso aos meus pais»
O toureiro goza no Baixo Miño, xunto a Roberto Vilar, cunha cata de licores, un paseo a cabalo e unha visita a Santa Trega

Jesulín de Ubrique e Roberto Vilar, nun momento do programa. | TVG
A miña gran cidade: Corazón galego continúa hoxe na TVG, ás 22.50 horas, a súa viaxe polo Baixo Miño cun episodio que consolida a boa química entre Roberto Vilar, anfitrión da comarca, e Jesulín de Ubrique, xa totalmente entregado á experiencia galeguizadora. A aventura arrinca no Pazo de Valdomiño, no Rosal, unha destilaría con historia longa e memoria familiar. Miguel, dono do negocio, explícalles que xa no século XIX o seu tataravó elaboraba licor de coandro, un produto moi ligado á zona de Goián.
Miguel detalla o proceso de destilación, desde a polpa da uva ata o paso de gas a líquido nos alambiques, deixando claro que «o máis importante é unha boa materia prima». A conversa deriva cara aos usos máis populares e fálase da augardente branca, do licorcafé e dos remedios de toda a vida. Nese punto, Jesulín confesa con naturalidade: «Cando me sinto un pouco indixesto tomo un pouco de licor de herbas». A reacción de Roberto é inmediata: «Claro! Que macela nin macela… aquí imos ao de verdade, á augardente».
A visita serve tamén para poñer en valor o selo de indicación xeográfica protexida, unha exclusividade galega que esperta o interese do convidado. Da destilaría pasan ao monte, onde o Baixo Miño amosa outra das súas grandes tradicións: os cabalos. Jesulín conecta ao momento, pregunta polas baixadas do monte e polos curros, e comenta que o que ve «impresiona moito», lembrándolle ás rapas de Doñana. Óscar, veciño de Tomiño, explícalles que os cabalos viven ceibes pero teñen dono, marca e chip, e que despois de rapalos volven soltarse no monte, algo que non lle é alleo a Jesulín. «Vino en documentais e impresionoume o ambiente, como meten todos os cabalos aí dentro. Ten que ser un espectáculo vivilo en directo», di o gaditano.
A proposta de montar a cabalo abre un dos momentos máis cómicos do episodio. A estampa é impagable. Roberto, nun cabalo diminuto, case rozando cos pés no chan, e ao seu carón, Jesulín de Ubrique no lombo dun fermoso cabalo branco: «Parecemos Don Quixote e Sancho Panza!», di o lucense.
Xa na furgoneta, Roberto pregúntalle a Jesulín pola histórica corrida só para mulleres que protagonizou con apenas 19 anos, e a resposta abre a porta a un relato tan precoz como sorprendente. O gaditano recoñece que o seu camiño foi pouco habitual: «Foi algo anormal, empecei con tan só 13 anos e tiven que vender 75 entradas para pagar os gastos da primeira vez». A carreira acelerouse axiña. Na segunda actuación, lembra, gañou 125.000 pesetas, e na terceira xa chegou ás 250.000. Pero a frase que deixa a Roberto Vilar completamente mudo chega ao final: «Con 14 anos compreilles un piso aos meus pais».
A derradeira experiencia lévaos ata Santa Trega, onde a música soa antes incluso de chegar. Roberto bromea cunha posible «manifestación de autónomos», pero o que atopan é unha festa total, coas bandas mariñeiras en plena troula. Alí recíbenos Diego e Micaela, habituais desta romaría que cada ano enche o monte de música, bebida e convivencia. «Subides andando e baixades rodando», resume Roberto entre risas dos presentes.
Jesulín intégrase sen problema, compara o ambiente co das romarías do sur e agradece que «o deixen formar parte». Logo, xa na zona máis patrimonial, Roberto explícalle a historia dos castros e a pegada celta do lugar, dándolle contexto a un espazo que impresiona tanto polo ambiente como polo seu pasado. Cando paran un momento, as vistas fan o resto da maxia. Dende o alto, o Miño e Portugal deixan a Jesulín abraiado. «É espectacular», di, convencido de que é un dos sitios máis fermosos que viu. A decisión de se Jesulín merece o carné de Corazón Galego, esta noite na TVG.
- El mural de A Coruña nominado a mejor del mundo: pintado en 4 días y con una historia centenaria
- Zara cierra la primera tienda de su historia y anuncia un nuevo proyecto en la calle Compostela
- Investigado un coruñés que circulaba por la AP-9 en una furgoneta a 185 km/h
- ¿Qué es un Zacaffé? La nueva apuesta de Inditex que abrirá a final de mes en A Coruña
- Fin de la tregua de lluvia en A Coruña: vuelven las alertas por temporal costero
- Los 4 mejores sitios para ver el eclipse total de 2026 en A Coruña: 'No debería perdérselo nadie
- El Deportivo sopesa repetir el sistema de confirmación de asistencia en Riazor
- Galicia pasa del diluvio al frío polar: la Aemet avisa de sensación térmica bajo cero