Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

‘A miña gran cidade’, hoxe ás 22.50 horas na TVG

«Nunca tiven paraugas vivindo en Santiago»

Tamar Novas protagoniza programa desta noite, no que recibe de convidado sorpresa ao chef Manuel Domínguez

Este domingo ás 22:50 na TVG, a cidade de Santiago de Compostela convértese na protagonista dunha nova entrega de A miña gran cidade. O actor Tamar Novas xoga na casa e recibe un convidado sorpresa, o cociñeiro ourensán Manuel Domínguez, dono do restaurante Lúa en Madrid

Este domingo ás 22:50 na TVG, a cidade de Santiago de Compostela convértese na protagonista dunha nova entrega de A miña gran cidade. O actor Tamar Novas xoga na casa e recibe un convidado sorpresa, o cociñeiro ourensán Manuel Domínguez, dono do restaurante Lúa en Madrid / LOC

A cidade de Santiago convértese na protagonista esta noite (TVG, 22.50 horas) dunha nova entrega de A miña gran cidade. O actor Tamar Novas xoga na casa e recibe un convidado sorpresa, o cociñeiro ourensán Manuel Domínguez, dono do restaurante Lúa en Madrid. Catro experiencias. Un bono de 60 minutos. E unha decisión final: quedar ou marchar.

O reencontro é sincero. «Nunca estiven con el en Compostela, vaise alegrar», adianta Manuel, bo amigo de Tamar Novas en Madrid. O encontro arranca cun abrazo destes dous galegos que fixeron amizade fóra da terra. A xornada vai pasada por auga, pero non preocupa ao picheleiro. «Nunca tiven paraugas vivindo en Santiago». «Usar os doutros si, agora ter un meu? Nada», engade con retranca.

A primeira experiencia lévaos ao Ensanche, á praza de Vigo, centro neurálxico da súa infancia. «Xogabamos ao béisbol na praza, o problema é que saltaban as bólas fóra». Manuel imaxina os cristais rotos. Tamar ri e recoñece algunha carreira cun veciño anoxado pisándolle os pés ós seus amigos.

Durante o paseo polo Ensanche, Tamar confesa que«non é o máis bonito do mundo, pero para min é especial». O mapa sentimental continúa en Follas Novas. Entre andeis, reaparece Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, semente do filme A lingua das bolboretas de José Luis Cuerda con guión de Rafael Azcona, primeira pedra na exitosa andaina cinematográfica de Tamar. «Ver o libro é unha materialización do soño que tiven de pequeno», comparte emocionado co libro entre as mans.

Rematada a primeira experiencia, móvense en furgoneta á seguinte. Falan de Madrid, de emigrados e de lugares comúns. «Lúa é un refuxio», di Tamar sobre o restaurante do seu amigo, aínda que tamén a casa de ourensán serviu como punto de encontro entre os amigos emigrados. Manuel lembra unha xuntanza que se lle foi das mans na súa casa, cando deixou de encargado das chaves a Nacho Carretero porque marchaba traballar e, ao seu regreso, atopou 40 persoas inesperadas na súa casa e el facendo de anfitrión improvisado.

A segunda parada é na zona vella, en La Flor, un local ao que Tamar lle ten agarimo e onde pode entrar coa súa cadela. «Que non deixen entrar a un membro da túa familia tira para atrás», afirma. Entre vermús falan da morriña que senten en Madrid. «Eu fun para un ano coa bolsa do último ano da carreira, tiña que volver, non tiña diñeiro para quedar máis. Foime saíndo traballo de actor e quedei», explica Tamar. «Cando vén xente estás nun grupo poñémonos a falar galego alí todos e iso é parte da nosa cultura», indica Manuel Domínguez.

«Podo vivir en Madrid, que me gusta, pero necesito volver aquí o 25% do ano e estar coa familia, taballar aquí. Estouno conseguindo e oxalá sexa así moitos anos», admite Tamar. Manuel séntese identificado: cada vez precisa máis Galicia. «Son os anos, Tamar, entra a morriña», di Manuel.

O momento clave chega no xantar no Dezaseis, a terceira experiencia do picheleiro para o seu convidado. O chef bota memoria e retrocede ás súas orixes facendo polbo nas feiras coa prima de seu pai e reivindica: «Hai que ensinar aos rapaces que a tradición é moi importante, cando se deixe de facer, pérdese». Por iso no seu restaurante aposta pola comida tradicional galega, con caldo na carta.

Precisamente caldo, polbo á grella e lacón con grelos é o que xanta a parella. O menú clásico e tradicional conquista o padal do chef: «Unha marabilla, estaba boísimo». Recoñece que quería vir, pero sempre estaba cheo.

A última experiencia conecta coa historia galega e a persoal de Tamar. Visitan o Museo do Pobo Galego e rematan no parque de Belvís, coas vistas que sorprenden ao convidado. Polo medio, Tamar volve a Espazo Aberto, a súa primeira escola de teatro, e abre alí unha ferida de vello xa sandada: «Deume moito pudor considerarme actor. Cando empecei a dicilo levaba xa 10 ou 15 anos exercendo».

O tempo esgótase. A tensión aparece. Manuel ten compromisos en Madrid e debe tomar unha decisión. Pero o cociñeiro non está de todo convencido: «Teño que ir traballar», lamenta. A decisión final está nas súas mans: quedar coa maleta para pasar uns días no Santiago de Tamar ou coller o billete de volta.

Tracking Pixel Contents