Bibiana Fernández: «Levo vestindo moda galega dende hai uns 40 anos»
A actriz acude o espazo para escoller un vestido de moda galega para unha alfombra verbella. «Non sabemos ver a riqueza de que haxa tradicións, culturas e linguas distintas», resalta

Bibiana Fernández e Noelia Rey, de risas nun intre do programa de hoxe. / TVG
R. V.
A grande escolla recibe a Bibiana Fernández (TVG, 22.50 horas) nun episodio no que a actriz chega a Santiago coa intención de escoller un vestido de moda galega para unha alfombra vermella. «Sei das bondades da vosa moda e veño aquí para elixilo», explica ao comezo dun proceso que axiña se volve máis complexo do esperado.
A súa relación coa moda vén de lonxe e está ligada á súa propia traxectoria artística. «Levo seguindo e vestindo moda galega dende hai máis de 40 anos, dende a época de ‘la arruga es bella’ de Adolfo Domínguez», lembra. Para ela, vestir é tamén construír un relato: «Ti contas un estado de ánimo co que levas posto. No teatro cando pos a perruca ou o vestiario, ti xa es a personaxe».
Xa en Santiago, a súa chegada esperta expectación. Moitas persoas achéganse a saudala, pedirlle fotos e intercambiar unhas palabras. Bibiana agradéceo: «Molestarame o día que non me pare a xente, o día que non me pidan un bico ou unha foto». Nun ton máis relaxado, confía no día e ata na meteoroloxía porque «o sol está saíndo, ata o sol me vai favorecer». Iso si, advirte que o reto, polo seu talle, non vai ser doado: «Eu engano, son máis grande do que parece!». Sen preferencias pechadas, aínda que cun criterio claro («Unha cousa que chame a atención»), enfróntase ás tres propostas seleccionadas pola presentadora Noelia Rey, que exerce de personal shopper.
A primeira é Amaterasu, un vestido en lamé de inspiración Art Déco con referencias xaponesas, creado por Carmen Costas xunto ás súas fillas, Maiko e Patricia. O proxecto nace dun taller familiar fundado en 1967, onde o oficio segue sendo central. «Miña nai é moi creativa, ten 80 anos pero a mente tena de 30», di cun riso Maiko. Carmen explica a súa vocación con humor: «Tiña claro dende nena: ou modista ou pianista, pero meu pai dixo que de pianista non ía comer».
O vestido, pensado para Bibiana sen tomar medidas previas, supón un reto técnico para o equipo. «Nunca fixeramos un vestido así», recoñecen, suliñando que está «feito con moito cariño e pensado para ela». A actriz valórao: «Un vestido moi bonito», aínda que introduce unha reserva sobre a cor: «Eu son máis de cores contundentes, como branco, negro, vermello…». Á hora de estimar o prezo, sitúao entre 1.000 e 2.000 euros, moi próximo aos 1.300 finais.
A segunda proposta, Rosa Dorme, de La Mapache Escuela, cambia completamente o rexistro. Trátase dun conxunto branco composto por bomber, saia e corsé, elaborado a partir de dúas colchas antigas adquiridas a unha muller chamada Rosa, de aí o nome. Zeltia e Hadri son dous dos grandes expoñentes do upcycling en Galicia, unha tendencia que busca facer pezas novas de alta calidade a partir de teas e materiais desbotados, dándolles unha segunda vida. «É o noso, a nosa especialidade», explica Zeltia, mentres o seu compañeiro Hadrián destaca a orixe do proxecto, nacido como escola de oficio.
Noelia pídelle a Bibiana debe aventurar unha cifra para este conxunto e recunca cos 1.500 euros. Anda preto dos 1.300 que puxeran os composteláns, unha cifra que se lle fai curta á presentadora porque para ela «o traballo non ten prezo».
A terceira proposta é Orixe Nocturna, do deseñador Jorge de Álvarez, un conxunto en negro que reinterpreta o traxe tradicional galego. Inclúe elementos como o dengue bordado ao aire, pedrería cosida a man e detalles como unha faixa con ferreñas en homenaxe ás Tanxugueiras. «Isto lévame ás Tanxugueiras», sinala Bibiana ao velo, recoñecendo a referencia. O propio deseñador confirma esa ligazón: «Foron quen me deron a visibilidade que teño hoxe».
Bibiana conecta coa sobriedade do conxunto: «Sempre elixo negro». Á hora de valorar o prezo, eleva a estimación ata os 3.000 euros, moi por riba dos 1.500 reais, ao que o creador responde con humor e o peito cheo: «Grazas por valorarme, creo que quedei curto». Chega o intre de probar os vestidos e tomar unha decisión.
- El Concello de A Coruña trabaja para instalar una pantalla gigante para seguir en directo el Valladolid-Deportivo
- La alcaldesa envía una carta al subdelegado del Gobierno en A Coruña para 'exigirle explicaciones' por los controles policiales del Deportivo-Andorra
- Aterriza en A Coruña un nuevo café de especialidad con sabor venezolano: 'Queremos darle un toque distinto a la calle Franja
- El Deportivo recibe 15.000 peticiones de entrada y el Valladolid agota el papel entre sus socios
- La pasarela peatonal de la estación del tren de A Coruña ya une las avenidas do Ferrocarril y da Sardiñeira
- Renfe estudiará recuperar el tren directo A Coruña-Barcelona tras el fin de las obras de la estación
- Más allá de las 1.000 entradas enviadas por el Valladolid al Deportivo: esta es la única forma alternativa de conseguir tickets para la final por el ascenso
- Declarado improcedente el despido de un trabajador de la limpieza viaria de A Coruña por el mal funcionamiento del taller