O trouleiro Festigaliando da Televisión de Galicia (TVG) que foi testemuña do ambiente e a música que se gozaron no arranque das festas de María Pita na Coruña, amosará esta noite o que aconteceu no concerto de James Blunt na. Tras o pregón da humorista Carolina Iglesias, o artista británico ofreceu o seu único concerto en Galicia, que se encadra dentro da súa xira de grandes éxitos, coa que celebra os seus 17 anos de carreira. Por iso, nesta edición do programa visitarase a urbe coruñesa para coñecer que opinan tanto os turistas como os negocios locais deste evento.

O Festigaliando achegarase, tamén, á organización do concerto e coñecerase, de primeira man, o ambiente, a ilusión pola música e a ledicia propia deste acontecemento.

Por outra banda, A revista comeza tamén hoxe con música, en concreto, coas propostas en galenglish de Hydn para participar no próximo festival de Benidorm, que de novo podería ter representación galega. A coruñesa Hydn, nome artístico de Sandra Guedev, sitúase no décimo segundo posto das artistas máis votadas na primeira rolda da popular sondaxe de Eurovisión Spain. Rosalía, C. Tangana, Lola Índigo, Guitarricadelafuente ou Nathy Peluso son outras artistas destacadas nesta listaxe.

O programa pasará de falar dunha promesa da canción a novos talentos deportivos galegos, que brillan en atletismo. Con este cometido, a presentadora Loly Gómez, hoxe apoiada pola bióloga e colaboradora do programa Xiana Albor, recibirá no estudio a Joao Fernández, director deportivo do club Atletismo MillaRaio; José Carlos Tuñas, presidente do Club Atletismo Coruña Comarca, e a atleta Patrice Viadel, do Club Atletismo Santiago.