Como todos os anos, Galiza celebrará o seu día nacional o vindeiro 25 de xullo. Como sempre, todos os líderes políticos honrarán á súa terra nai e verterán preciosas palabras para loubar as excelencias patrias. Todos amarán e piropearán o sagrado lar que os veu nacer ou medrar. Mais se somos prácticos, observaremos que o seu amor é máis fillo da paixón que do raciocinio. Poñamos un caso: que pasa coa reforma do Estatuto de Autonomía? O tema é espinoso e parece que ninguén quere coller o touro polos cornos. O novo Estatuto de Autonomía que precisa Galiza non é un xesto nen un texto simbólico que nos faga sentirnos máis galegos que onte e con máis autoestima que antonte. É un Estatuto que nos vai permitir xogar ao mesmo nivel que outras nacións e rexións do estado para poder repartirnos o pastel do diñeiro. E dicir, poder negociar máis competencias e maiores inversións para a nosa terra. Algúns falarán de maiores cotas de goberno, outros da alma galega, haberá quen se atreva coa autodeterminación; e por suporto, haberá empanada, churrasco, gaiteirada, foguetes, romeria, cantaruxadas, aturuxos e bebedela. Os pobos tristes afogamos as nosas penas en festas rachadas para non enfrentarnos coa cruel realidade. Galiza está perdendo un tren de progreso e riqueza mentres, que ironía, só escoitamos falar do AVE. Tamén viviremos o sustancioso e delirante momento da apropiación dos símbolos. Todos citarán a Castelao, a Rosalía, a Pedrayo... a quen faga falla, porque aquí dedse hai anos todo o mundo é galeguista e compite co seu rival na loita do apropiamento necesario de nomes para a causa particular do seu partido. Eu, recoméndolles que, nese día, pensen nas inmensidades do Caurel, no mar da costa de Lugo, na illa de Ons, no Ribeiro, no pai Miño, nas nosa lagoas, nos nosos poetas e nas nosas xentes que souberon gardar o idioma coma unha alfaia. Recoméndolles istas cousas porque son un xeito de amar a Galiza tan eficaz como calquera outro. Sobre todo, porque moitos dos lugares e amores que nomeei están en perigo de extinción. Galiza, terra querida, cantaba Pucho Boedo, sen embargo eu só vexo os colmillos dos vampiros chuchando o pouco sangue que lle queda ao noso doente país. Un novo Estatuto de Autonomía se cadra nos permitise acadar o estado de convalecencia. Non sería pouco. É o último milagre que lle pedimos ao Apóstolo.