Qué ríos pasan por Ourense?" -preguntoume Otero Pedrayo no exame final de Xeografía de España, na inesquencíbel aula 1 compostelana de Filosofía e Letras que presidía un poema nacionalista de Ramón Cabanillas que o franquismo se esquencera de retirar. Eu respondinlle que o Miño e a Barbaña (un dos ríos galegos de xénero feminino), afluente seu pola dereita. Esquencinme do río da Loña ou Lonia, en forma cultista, que adoita levar o mesmo xénero. Engadín que a Barbaña recibe no Polvorín o chamado río dos Muíños. A don Ramón pareceu gustarlle esta resposta, seguramente porque naqueles anos cincuenta algún xeógrafo de palleiro xa propuxera para este último río o nome de Barbañica, que hoxe en Ourense teñen pintado nun letreiro para escándalo dos bons fillos da cidade. Non lle dixen nada do Pozo da Sila porque me semellou hidrónimo de caracter menor aínda que eu o tiña frecuentado en procura de sapoconchos. O certo é que o profesor Bascuas, moi na liña de investigación de Krahe, considera o nome de cidade de Ourense non relacionado co latín aurum e polo tanto co ouro. Bieito Iglesias, como lles comentaba pasada sexta feira neste mesmo xornal, si que pensa que en Ourense hai ouro, mais un ouro tan imaxinario e simbólico como o que gardan os encantos e as mouras nas furnas. Para Bascuas, Ourense, naturalmente topónimo prelatino, vén dunha raíz indoeuropea *awer- que ten que ver coa idea de auga. No pasado, alguén sentiuse tentado por unha hipótese xermánica. Ourense -díxose- é corrupción (si) de Warm See, ou sexa "mar quente". Claro que, antes de ser construír fontanas, na chamada Burga habería unha poza de auga quente que seguramente formaba unha corga que desembocaría na próxima Barbaña. Da mesma maneira que a Burga de Caldas de Reis formaría unha poza que iría deitar as augas quentes no río Bermaña, que case é o mesmo ca Barbaña. Os ourensanos verdadeiros, polo menos os do meu tempo, nunca dicimos ..As Burgas senón, sempre en singular, A Burga. Se Vostede quer saber se un suxeito é ourensano xenuíno fíxese ben. Se di A Burga e A Barbaña, éo. Se di "As Burgas" e "O Barbaña", ou veu de fóra ou está contaminado. Se di Barbañica, a cousa xa é para lle negar o empadroamento na capital. Para os lingüistas que entenden do asunto, Ourense, Oira (lugar, en tempos, paradisíaco), Loña, Barbaña, Barbantes (freguesía dun concello veciño) e Barbadás (concello de seu sobre o río da Barbaña, limítrofe co de Ourense) son todos nomes de lugar prerromanos, quer paleoeuropeos quer célticos, e teñen que ver coa auga. A eles hai que sumar a presenza dunha ara dedicada a un ben coñecido deus galaico e lusitano: Revus, relacionábel tamén coas fontes. Igualmente prelatino, e ben discutido desde a primeira explicación dada por Isidoro de Sevilla, é o nome de Miño. Pois logo, Ourense, aló situado nunha fochanca e rodeado de outeiros quentes nos estíos nos que medra natural o sobreiro e o érbedo, é unha cidade que naceu das augas, maiormente quentes. O ouro, neste caso igual ca noutros, é un falso amigo. Finalmente, na Idade Media era usual a forma Ouréns, e eu aínda ouvín, non en Ourense senón na vila de Pontevedra, a forma, metade arcaica metade castelanizada, Oréns. E todo este fluxo onomástico divagatorio estiña eiquí.