Fisterra atrae, faino especialmente por cada Pascua Florida. Cando se alcenden o lume novo dos cirios, repenican as campanas e voltan os nubeiros de paxariños. Atrás quedan os redobretes de tamboril que marcaban o paso, fendidos pola aguda trompeta, os que a ritmo fúnebre acompañaban ás procesións das imaxes doorosas do Nazareno e da Soedade... gardadoras de segredos para as xentes do mar máis bravo. Este é o tempo no que os roscons de pan doce, coma nimbos de santos, preñados de solpresas, enchen unha mesa e convidan. É entón cando a vila do noso fin do mundo, Fisterra, celebra merecida festa. Todo se fai símbolo que vencella enigmas de vida e de morte. Comezando polas mesmas cunchas de Venus. Fisterra é como un templo natural de despedida ó sol; onde cada vésperus o astro rei se afunde no océano. Por algo aquí é onde se venera á imaxe do Santo Cristo da barba dourada, faise en retabos barrocos da igrexa de Santa María de Area. Templo de todas as artes medievais, cantería ergueita baixo o monte de San Guillermo, ese promontorio de misterios arqueolóxicos arredor de estranas penedas cristianizadas por un ermitaño. Entre elas o gastado sartego do descoñecido santo Guillermo será altar pagano de peregrinación para as familias infecundas . Curiosiades nas que se paraba e contaba o padre Sarmiento na súa viaxe a estos cabos, na metade do século XVIII.

Pascua que anuncia a primavera en variedade de rechouchios, con paisaxes en gamas marelasverdimouras, cando o océano bate cos cons ou se desfai nas areas de praias. Todo somella encaixes de bolillos. Arte sabio das redeiras, fios traballados teimudamente entre matinares de esperas, celebrado por este tempo en Camariñas. Faise obrigado pasar pola vila dos encaixes, igual que por Muxía, para saudar aquí templos de pedra que a tradición di foron barcos nos que peregrinou a mesma Nai de Deus. Camiños nos que non se lle da acougo ós sentidos, coa sabeduría dunha cociña mariñeira en casas herdeiras de xenerosas tradicións: marisco, caldeirada... Aquí quen fala son os productos naturais, sen demasiados adubios. E sempre homenaxeamos ó bergantiñan Jorge Victor Sueiro, por saber dignificar ós catro ventos recetarios ancestrais da sempre sorprendente e innovadora cociña, dos pans e dos viños galegos.

O Domingo de Pascua convida a achegarse a este extremeira do Vello Mundo. Complemento imprescindible do sartego do Apóstolo en Compostela na busca dun mesmo. O avogado fisterrán Benjamín Trillo é autor dunha pequena biblia sobre temas fisterrans que merece coñecerse, Las Huellas de Santiago en los Camiños de Finisterre, a que con outras lendas e indagacións que xa tiña contado Francisco Ramón Ballesteros en Oscurantismo Finisterrano, inspiraron ao premio Nobel Camilo José Cela a esa xesta expresionista, sen puntos nen comas, que é Madera de Boj. Todo fala en Fisterra, o escintilar intermitente do faro, o ronsel dun barquiño que se perde diminuto no horizonte, o inquedo e afiado son da serea, o berro de aceiro e tesouras das gaivotas, a treboada esfachicándose nas ondas, o vento, a chuvia e a brétema... Océano Atlántico, sempiterno camiño de vida e tamén de morte, o que aquí, dende ben recente debúxase na historia como Costa da Morte. Aquí é onde morre o sol e resucita a vida en ritos fecundativos sobre as pedras e en culto de Pascua arredor da imaxe do lacerado Santo Cristo. Aquela das dúas imaxe que no século XIV o fisterrán bispo de Ourense Pérez Mariño repartiu entre a súa vila natal e a súa sede.

E hai moito máis: os montes de Traba o Pindo coroados con penedas de formas extranas, lagoas, covas, contos, lendas, cantares, mar, ceo e vento, laídos, gargalladas, un todo barroco, cambiante, en contrastes... dolmes, confíns de verdes castros, castelos, igrexas... e xente curtida en camiños e historias. Nestes escenarios naturais, abertos á inmensidade dos Catro Elementos, é onde a gaita, o pandeiro, o idioma e os acentos galegos atopan a súa mellor expresión. Os sentidos poñense a proba. A viaxe inspira, e as mentes poéticas sensibles dan fe. Velaí un Batallón Literario da Costa da Morte, que sabe seguir o ronsel pondalian e encadrelar os vínculos de Gonzalo Lopez Abente, de Alexandre Fisterra... con Estebo Creus, Alexande Nerium, María Lado... e moitos, moitos máis axiles creadores. Como non, Manuel Rivas pousou e inspirouse na aldeiña de Urroa, a que dende Vimianzo abre camiños cara a lagoa e ós pendos de Traba. Tampouco nosos confíns fuxiron á sensibilidade poética do coruñés, viaxeiro e ministro, César Antonio Molina, tan amante dos mares de Ulises, de orientes de rutas de seda e incienso, como destes seus confíns. O historiador do Bamiro soneirense, Lema Suárez, teimudamente e por todas as canles espalla os valores da súa terra... Moraime, Almerezo onde se educaron reis... Xan Fernández Carrera escribiu completas guías. Que ler hai moito, si se quere. E Neria unha plataforma, feita por xente curtida no seu, ofrece o que cumpre para a potenciación turística, Así faise o camiño e mellora o andar. Poucos territorios ofrecen tanto e tan natural.

Galiza, país de encrucilladas e crucieros da moito que enxergar a quen a anda. O camiño a Fisterra ofrece símbolos de Xogo da Oca, de periplo arturico, de Viacrucis na busca de paraísos perdidos... para atopar unha festa que celebra a Resurrección. Aquí ollamos a boa parte da xente do último e primeiro pobo do mundo, a mozos e vellos, a mariñeiros, traballadores e universitarios vestidos de figurantes, arredor da campa de Santa María da Area, para escenificar, onde as tradicións ubican as Aras Solis, o episodio final da vida e da morte de Cristo: despois do Calvario ven a Pascua Florida.

Felipe Senén é museólogo

e técnico de Xestión Cultural