10 de agosto de 2008
10.08.2008
La Opinión de A Coruña
o labirinto do alquimista

Polipus, polbo, pulpo, polbo... Festa no Carballiño

10.08.2008 | 02:24

O Carballiño, Carballino, Carvalhinnho, do que somos, vimos e imos, naceu da feira. Nesta encrucillada, a calquera conflicto no que non vaia a vida, non se lle da máis importancia que a dunha conversa de taberna. Aquí díse de vello que "o cantar do arrieiro é un cantar moi baixiño, cando se canta en Ribadavía resoa no Carballiño". E así é: este campo da feira naceu no encontro de camiños, entre Oseira e Ribadavía. Vila na que hai algúns anos botamos de menos a conversa do Corcheiro, Ernesto Atanasio, sabio petrucio, coroado polo microcosmos da boina, moi andado nos camiños destas bisbarras, polos mares da emigración e do traballo, de profesión corcheiro, o que implica moitos saberes arredor da natureza e do viño. Persoeiro gostoso da conversa peripatética por castros e congostras, e que atopaba resposta para todo. Agora cumpriría ben a súa presencia pra enguedellalo neso de si "pulpo" ou "polbo". Adiviñamos a súa sentencia: as pulpeiras do Carballiño saben ben o que teñen que dicir, que a feira é a feira. Elas inventaron e espallaron por todo o orbe -e non é moito dicir- o que non fixeron gregos, romanos, rusos ou chinos, o cefalópodo sinxelamente cocido nas caldeiras de cobre, servido en pratos de madeira de bidueira.
Alí onde se xunta xente e se fai feira ou romería, non poden fallar as pulpeiras e pulpeiros das terras do Carballiño, as bolas de pan dos viciños fornos de Cea, viño dos ribeiros, uns foguetes e un gaiteiro, e o resto xa viña por engadido. Nese andar de feira en romaría Arcos foi universidade de pulpeiras e pulpeiros, moitos espalláronse e asentáronse polos camiños de Galiza e do mundo.
Teñen sona as pulpeiras de Santa María de Arcos, parroquia nas ribeiras dun sombrío río Arenteiro que vén da Martiñá, ó que verten fontes sulfurosas co seu baniño. Nesas augas do lugar da súa Pontariza mazaban e poñían a secar o polbo traído polos arrieiros en sacas de Marín, de Noia... comerciaban cos productos dos ribeiros e da montaña, os bocois de viño, os xamóns, lacóns, unto, touciño, mel... e de volta traían os do mar, os salgados, afumados e o polbo... Tarefa dentro da misión do comercio, da feira e que quizais teña orixe na saberduría organizativa dos frades do mosteiro cisterciense de Oseira. Pois velaí que entre a Oseira do Cister e o Beade da Encomienda dos Cabaleiros de San Xoán, da Ribadavía fidalga, naceu o campo de feira do Carballiño, e arredor del e á beira dos seus camiños, medrou unha vila e templos dedicados a San Antonio, a San Cipriano... santos que concilian moitas tradicións panteístas. Ambente broslado en contos de noutrora, os que falaban das temidas gavillas de Pepa Loba, da Cahapanda. Decimonónicas casonas de señores, Quirogas, Ulloa... casiñas de arrieiro, de pedra e de madeira, xa metaforseadas en bloques de pisos. A fins do século XIX aquela era para a condesa de Pardo Bazán a "Vilamorta", con ambiente de rebotica e un balneario para agüistas, sempre cos camiños de ida e volta ebertos á emigración e curtindo en saberes.
O tempo e a ilustración municipal irá mudando o lugar de encontro, os que foron campos de feira trocaranse en prazas, en aparcamentos... Dende 1964, sabémolo ben, pola parte que temos, imitando á Festa do Viño que se celebra en Ribadavía, seguidora da Festa do Albariño en Cambados e da Romería Vikinga de Catoira, cantadas por Cunqueiro e Castroviejo, nacía no Carballiño e en Galiza unha nova versión de festa, a que mudaba o nome dos santiños pola dedicación a un prato, neste primeiro caso era o polbo: a "Festa do Pulpo". Sabiamente dábaselle as costas ó vello, repetido e contrastado lema de "Pra carne pan e viño, O Carballiño". Aquí e de moi vello, o pulpo mariñeiro ten patria adoptiva e santuario gastronómico. O escenario é o Parque Municipal, antigo monte comunal de Mesego, ó que os indianos irmáns Prieto, amantes e benfeitores da vila, sumaron as súas herdanzas pra o lecer da vila. Bosque de piñeiros, de ecucalitos, de carballos... Escenario de paseos de verneantes, aguistas, indianos... por el lembramos ó arqueólogo Cuevillas, ó músico de zanfoña Santalices, ó arquitecto Gómez Román, ó etnógrafo Antonio Fraguas... un verau que empezaba, cando Florinda Ulloa cumpría seu ritual anual e viña de Madrid á súa casa da rúa maior. Era un gozo ver as xanelas da casa abertas, como saber que esa carballiñesa, que sobrepasa o século de vida, sigue co ritual de conversa e vasiño de viño nos mediodías da Coruña que nos acolle.
Para cada segundo domingo do mes de agosto convócase a festa e faise por medio dun cartaz artesanal, co algo de kitch popular galego e ourensán que teñen esas convocatorias. O autor primeiro e por moitos anos foi Felipe-Luis López, pai de quen esto escribe e tamén un dos mentores da festa. Logo, por imperativo da Alcaldía, quérese que sexa servidor quen faga o cartaz, e faise con tal de contribuir. Velaí. Os alcaldes, Perea, Marnotes, Pachi Vazquez, e hoxe Carlos Montes danlle cada ano unha dedicación ó evento, e este ano faise a Andalucía, a que introduce os seus saraos e feiras de abril. Por aquí as tonadilleiras, Antonio Molina, e o do carro foron e siguen sendo moi escoitados... por eso no cartaz puxemos pacencia e pintamos á beira dun gaiteiro un guitarrista cordobés... e cando facemos esas cousas lembramos moitas e vellas historias. Eso si, lamentamos ollar a botellonización e a barbarie campando, dividindo e desbaratando libertariamente a festa, que é ritual de reencontro, que anova o sentido da tribu entre novos e vellos, os de aquí e os de acolá, os que veñen e os que se van.
Por eso nos compre o Corcheiro, para falar dos camiños de nós, para pararnos nunha taberna de tertulias, para reconfirmarnos que os máis vellos dicían "polbo", (pooolbo), cunha ó longa e soave, e si acaso "polpo". Incluso catastros do século XVIII sitúan "polberas" de oficio por esta bisbarra. Polo demais, a comenencia, as relacións co mundo da feira, cos maragatos e arrieiros de aquí e acolá escolleron "pulpo", tamén dentro do colo común dos idiomas romances, o latín, "polipus"= "polpo" = "pop" (en catalán) = "pulpo"= "polbo" ou polvo ("polfo", como din os portugueses, que non é máis que o galego-portugués vivo). Os idiomas son para unir, e cantos máis se aprendan e falen mellor, mentalidades abertas á tolerancia de querer saber e estar, lonxe da lingua única dos animaís irracionais.
Pois o galego-portugués, como o castelán, o catalán, o francés ou o italiano, parte do latín, lévano impreso no seu ADN lingüístico, de vello comparten camiños, feira e romaría e hai coincidencias que aproximan e aproveitan.

Felipe Senén é museólogo e técnico de Xestión Cultural

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook