Opinión | novas de matute

Ánxel Vence

E sen embargo medramos

Constatan cun ano de atraso os rexistros oficiais do Estado que Galicia era a día 1 de xaneiro de 2008 o reino autónomo con menor crecemento de poboación de toda España. Pero medrar, medramos: o que xa en si é unha noticia.

Postos a ver a botella medio chea -que é como hai que mirala-, os once mil e pico habitantes que este vellísimo país gañou durante o último ano contabilizado son un milagre comparable ao da bíblica multiplicación dos pans e mailos peixes.

Portentoso é, en efecto, que a poboación aumente si se ten en conta que o número de galegos que cada ano ingresa na confraría das ánimas de ultratumba excede en varios miles ao dos que veñen a este val de bágoas. A industria das pompas fúnebres segue a ser moito máis rendible en Galicia que a do mobiliario de berce, de tal xeito que a única explicación da milagre seica ha residir na chegada de algúns milleiros de inmigrantes que compensen a balanza. Non son moitos, abofé; pero si dabondo para obrar o prodixio de que nun mesmo ano -o 2007-, a cifra de mortes superase en 8.318 á de nacementos neste país e, simultaneamente, o seu censo medrase en 11.636 novos veciños.

Digan o que digan os partidarios de ver a botella medio baleira, a noticia é aínda máis confortadora si se ten en conta que en só dúas décadas -as que van de 1981 a 2001- a poboación de Galicia desangrouse cunha estarrecedora perda de máis de 125.000 habitantes. Que agora medremos, aínda sendo os últimos da fila, non deixa de resultar un dato alentador.

Ben é verdade que cada día imos máis vellos e nin sequera a nosa módica cota de inmigración alcanza para endereitar un pouco a declinante taxa de mocidade do país. Pero canda menos xa non ha ser necesario ir pensando en colocar o cartel de "pechada por defunción" nas entradas de Galicia, do mesmo xeito que nos anos de chumbo da emigración alguén fixo a trasnada de colgar outro no que se lía: "O último en marchar, que apague a luz".

Nada desto tería sucedido, naturalmente, si os galegos lle fixesen caso ao monarca Don Manuel, que ao pouco de sentar no trono -alá a principios dos noventa- fixou como obxectivos do seu mandato a repoboación forestal e humana de Galicia. Mal que ben, a reforestación dos montes saldouse con éxito canda menos cuantitativo; pero tamén quedou demostrado que é moito máis doada a plantación de árbores que a de persoas.

Por moito que teimou Fraga en exhortar aos galegos a se casaren e facturar fillos para a Patria, a súa cruzada pronatalicia non foi quen de levantarlle o ánimo nin cousa ningunha aos veciños deste escasamente prolífico país. É natural. Pouco poden facer as palabras e as apelacións patrióticas para excitar o celo reprodutivo dos galegos ou de calquera outro pobo. Sociólogos e demógrafos coinciden máis ben en que só a creación de empregos estables e razoablemente ben pagados cos que pagar a hipoteca sería quen de estimular á cidadanía para que procrease con meirande entusiasmo. Por desgracia, tan excelente proposta ten unha eiva: i é que aínda resulta máis difícil convencer a un empresario para que lle suba o soldo aos seus traballadores que persuadir a un galego da necesidade de ter máis fillos.

Quer como for, o fracaso da política a prol da natalidade emprendida no seu día por Don Manuel e continuada agora polos seus sucesores no trono compénsase en parte coa chegada de novos galegos procedentes do exterior. Velaí a razón de que a pesares do amplo superávit de féretros sobre o de berces, a veciñanza de Galicia siga medrando un chisquiño cada ano.

O malo é que a crise financeira ameaza con deixarnos tamén sen esa fonte de abastecemento de poboación. E a ver quen nos pon a parir, agora que xa perdemos o costume.

anxelvence@gmail.com

Tracking Pixel Contents