Opinión | os camiños da vida

X. L. Méndez Ferrín

Quen se recorda de Francisco Umbral?

Estou ouvindo a sombra do pobre Umbral xemer desde o fondo da cova. Ricorditi di me, parece suplicar a súa voz pálida con palabras fúnebres do Dante. Umbral chegou ao Café Gijón de Madrid cando eu xa marchara embora dalí, de xeito que non tiven ocasión de o coñecer. Do día para a noite converteuse Umbral nunha estrela do columnismo madrileño, ocupando algo así como a praza vacante de César González Ruano. A maioría dos lectores desta columna miña de agora gozaron, con diversa asiduidade, das de Umbral na impresa da Corte. Saberán, como eu sei, que el era un escritor poético e faiscante que quería parecerse a Valle-Inclán pro que terminaba proferindo ocorrencias, a miudo en forma de oxímoron. Nisto Umbral nunca andou lonxe de Ramón e das súas gregerías, pro con ousadía "Prosa de sonajero", dixo alguén cruel da de Umbral. Brillou e seduciu Francisco Umbral, e conseguiu moitedume de seguidores. Eu penso que foi un grandísimo escritor de xornal. O mellor do seu tempo, diría eu se non sonase a hipérbole. A grande contradicción de Umbral era a de escribir nun xornal ominoso e declararse amigo de Izquierda Unida. Hoxe Umbral non está. Ninguén se recorda del; ninguén o cita. Nin sequera o meu amigo Caneiro o cita.

Existe a categoría de "grande escritor de xornal madrileño". Os que a integran soen estar moito ben pagos e gozan da máis alta relevancia social. Constitúen, co seu estilo e as pecularidades de cada un, modelos que soen imitarse nos periódicos de provincias. Tamén existen uns de periodistas de provincias que se sinten exules, como di a Salve Regina: exiliados, desterrados, subalternos. Este tipo de xente tamén se dá na imprensa galega e soe militar no desprezo á nosa lingua e a literatura e máis a todo o galego que non sexan ás nécoras, ou así. Xa lles digo, ninguén se lembra agora de Umbral, e tampouco o público lector ten en conpresente a Pedro Rodríguez, Emilio Romero, José María Pemán Ruano, e xa non digamos Juan Contreras ou Mariano de Cavia. Percisamente un importante premio destinado aos aspirantes á condición de grande xornalista en Corte foi instituído polo ABC co nome de Mariano de Cavia. "Periodistas de raza" soían chamarlles antaño aos do xénero que estou a comentar e se cadra a imitar eu un pouquechiño con pretensión satírica. Valle-Inclán, quen nunca morre, xa puxera en solfa esta sorte de glorias nacionais de carácter efémero. Aínda que eu non son un xornalista madrileño, nin sequera propiamente un xornalista, sei que bagatelas coma a que estou a producir agora están destinadas ao esquencemento.

Chegados a este punto eu adiviño un lector intelixente, como aquel que gababa con astucia Álvaro de la Iglesia (outro xornalista madrileño e defunto) nos tempos en que dirixía La Codorniz e frecuentaba, "con la crema de la intelectualidad" (chotís), a borracharía de Perico Chicote. Dime este lector intelixente:

-"E Mariano José de Larra?"

-"Ese non é mortal e rosa senón madrileño inmorredoiro", respondo.

Tracking Pixel Contents