Opinión | segunda feira

X.l. Méndez Ferrín

Botar pragas

Praguea, boca, praguea", escribirá un día Rosalía de Castro incomodada cos seus detractores. Agora eles están todos esquencidos, a excepción da Condesa de Pardo Bazán. Praguear ou botar pragas en galego quer decer "falar mal de alguén". Os do PP andan a praguear de novo a respecto da presenza de Galicia na Feira do Libro da Habana. Na fobia anti-cubana amosan ben o seu xorne e a raza á que pertencen: á de Aznar máis ca a de Fraga Iribarne. Que manda truco.

Ánxela Bugallo fai moi ben en estar de novo con dignidade nesa Feira do Libro, mormente tendo en conta que o goberno de Cuba lle fixo o ano pasado un grande honor a Galicia ao designala como invitada especial do acontecemento. Un trato a Galicia como nación é cousa insoportábel para esta triste dereita desmoralizada e aínda o é máis se a Cuba revolucionaria é a que nos considera así. A dereita españolista de Galicia carece de escritores nas súas fileiras, descontando Vilas Nogueira e alguna notabilidade máis procedente sempre do PCE. Por iso o PP non está interesado en feira do libro ninguna e, se esta está organizada por Cuba e recoñece a literatura galega como sistema (Figueroa) independente, pois menos. Pasaron os tempos nos que Alfredo Conde viaxaba a Cuba no séquito de Fraga Iribarne. Toda a oposición do PP no ramo de Cultura estivo basada na devolución a Vigo (que eu apoiei) dun ungüentario insignificante e na protesta encirrada pola presenza de Galicia na Feira do Libro da Habana. Cativa materia para tanta praga. En realidade outra oposición á Xunta (non só á Consellaría de Cultura) puido ser feita nesta lexislatura que se extingue. Primeiro habería que decer a practicada polo consellaría de Ánxela Bugallo, coas súas inmensas carencias, foi a máis coherente, sólida e seria política cultural da historia desta precaria autonomía que nos outorgou Madrid e que o pobo galego non votou no referendum ao que no seu día foi convocado tamén por Madrid.

A oposión á política cultural deste goberno debería basearse nas críticas que a esquerda e o nacionalismo lle ten feitas, non no parlamentiño senón nos foros socio-culturais. Poñamos o exemplo da sociedade que se creou para a posta en vigor da Cidade da Cultura, dominada polo capital privado (e financeiro) segundo os principios do máis puro neoliberalismo. Ou falemos da devolución a Galicia do Seminario de Estudos Galegos que nos fora expropiado polo fascismo en 1936 e que aínda, coa denominación de Instituto "Padre Sarmiento" (apropiación indebida), segue a depender do CSIC de Madrid. Por acción (Cidade da Cultura) ou por omisión (SEG) pecou moito a política cultural da Xunta, pero nestes temas non sofreu o pragueo da oposición aznarista de Núñez Feijóo.

A pobreza política de Galicia faise evidente (visíbel, soe agora decerse) na ausencia dun grupo parlamentario, republicano, independentista, laicista, que aguilloe o goberno desde unha óptica de esquerda nacional e contemporánea. Este cronsita desexa que tal deficiencia política sexa subsanada nas inminentes eleccións autonómicas.

Tracking Pixel Contents