Opinión | segunda feira
X. L. Méndez Ferrín
Amigo morto
Deixounos para sempre o escritor e amigo Manuel Riveiro Loureiro e ficamos tristes e menos. Foi a súa unha vida ateigada de angueiras, dificultades, ledicia, esperanza múltiple; tamén de soedade e dúbidas. Foi un excelente narrador de historias e a historia da literatura galega acolleráo sen dúbida na súa redacción definitiva, que non é aínda para mañá. En cando ao relato meu persoal da literatura e da arte da Galicia en que vivín, nel ocupa un posto de honra a figura deste amigo morto. Riveiro Loureiro abre o capítulo titulado Lealtade no meu particular Libro dos Amigos, ou sexa no meu Cemiterio Privado, dito o cal tamén se me aparecen na memoria Otero Pedrayo e Celso Emilio por non variar.
Riveiro Loureiro era fillo nobre da clase obreira desa cidade que non é Marineda na obra de M. Rivas. El foi broche e renovo daquela xente supervivinte que por non chorar ou enmudecer se puxo a cantar polas tabernas en 1936. Pola miña memoria pasan algunhas das mellores mentes da miña xeración, coruñesas. Pasa a sombra de Xohán Casal, precursor e facho da nova narrativa. Martínez Barbeito dixérame que era da familia de Ánxel Casal e na casa deste morto amigo había unha bandeira republicana onda o burros dos abrigos. Pasa, moi desdibuxado, Xosé Antón Arxona de Santiago, que soubo apoiar, o primeiro, a idea de Lois Soto e a insercción do marxismo no atraso político de Galicia -recentemente morto-. Pasa Reimundo Patiño Mancebo, en cuxo sangue latexaba a totalidade das porencias cósmicas e das potencias revolucionarias do proletariado da Coruña. Patiño, en quen termina unha forma falsa de facer pintura galega e se abre outra vía que rematará na independencia. Pasa Avilés de Taramancos pegando chimpos e facendo pinchos carneiros polo Cantón vestido do uniforme da Mariña de Guerra Española, non lonxe de Lugrís, Urbano. Pasa o máis secreto dos escritores da Coruña, que non sei se é vivo ou se é morto: José Luis Aranguren, neto do coronel Aranguren que salvou Barcelona dos militares franquistas.
Tamén non sei se é morto ou vivo, e ogallá sexa o segundo, Afonso Gallego Vila, mestre da pintura avanzada e do poema radical. E ignoro o paradeiro de María Cremaes, aquel espíro ceibe e boca carnal moi fumadora que sempre se abraza na miña memoria, artistas xémeos eles, con Jean Dubuffet. Esta é a miña Coruña de lembranzas, de sombras, de Saudade non piñeirista. Estes son os grandes coruñeses da miña xeración antifascista e nacionalista que me acompañarán mentres viva eiquí en Vigo e en Vilanova dos Infantes. "Ando en conversación con los difuntos", que escribira o outro máis soberbio verso castelán.
Manuel Riveiro Loureiro era da idade e do xorne destes mencionados e, seguramente, doutros que non se cruzaron comigo nin erraron o discurso dos seus anos polos mesmos carreiros que eu errei. Siescaso, únese aos citados un Xosé Alexandre Cribeiro que baixa agora do Castromil porque tiña que se examinar na Coruña para o título de procurador dos tribunais. Dedicatoria: a Ximeno Amil Edreira, que está vivo e lúcido en Bos Aires.
- Roberto Leal detiene Pasapalabra para anunciar la feliz noticia: 'Momento muy importante
- Esta era la playa favorita de Jesús Vázquez durante su infancia: a media hora de A Coruña
- Los nuevos accesos al hospital deberán estar terminados a principios de 2027
- Nuevo acceso al paseo marítimo desde la plaza de Lugo y San Andrés
- Una jamonería ‘de cine’ en el centro de A Coruña
- Víctima de mala praxis en el ‘fisio’: «Tosí, él dijo ‘aquí no era’ y siguió pinchando»
- Fallece una mujer y otra resulta herida al ser atropelladas por una furgoneta de reparto de pan
- El BNG y Alternativa entrarán en la Junta de Gobierno Local de Cambre