Opinión | os camiños da vida
X.l. Méndez Ferrín
Galicia laicista
Máxima concentración de ceremonias nas que se unen publicamente o catolicismo e os poderes públicos dase en Galicia. Algunhas de tales arcaicas cerimonias celébranse en Galicia pero son de rango español e están regularmente presididas polo rei. Entre estas encóntrase a ofrenda de España ao Apóstolo o 25 de xullo e a festa da Virxe do Carme, patroa da Mariña de Guerra Española. Outros fastos son de carácter galego (o Voto do Reino ao Santísimo en Lugo) e centros deles máis teñen o caracter de acontecementos locais. Entre estes reviste especial importancia a nacionalcatólica procisión do Cristo da Victoria de Vigo. En tales escenificacións, concellais, alcaldes, e todo tipo de cargos electos amósanse deliberadamente, non como particulares, senón en canto homes e mulleres públicos e coas insignias do seu cargo.
Os políticos que se resisten naturalmente á separación da Igrexa católica e das institucións públicas son os do PP pois o seu partido non se considera descendente da liña democrática republicana (laicista) e si da tradición confisional franquista (catolicismo de Estado). Os cargos públicos do BNG e do PSOE, partidos de proxenie laicista, non se diferencian en nada dos seus opositores na actitude confisionalista de que fan ostentanción. Os alcaldes do PSOE e do BNG presiden con bengala de mando as principais procisións católicas de Galicia (a excepción do de Pontevedra, que eu saiba). A Presidente do Parlamento galego chegou a encabezar como tal o cortexo do Cristo da Victoria de Vigo, verdadeira apoteose do nacionalcatolicismo galego.
Na sociedade española, e tamén na galega, naceu un clamor que polo momento non para de crecer en volumen. Pídese a separación da Igrexa católica e do Estado. Galicia clama a prol do laicismo, pro os políticos galegos ignoran isto. Os partidos representados no Parlamento non teñen ouvidos para esta queixa e esta aspiración laicista. En canto ao rei, el, sempre dotado de sagacidade, xa venta ou cheira que veñen maus tempos para o confisionalismo e comeza a delegar os actos do Carme de Marín no seu fillo e herdeiro e a ofrenda do Apóstolo nalgunha alta autoridade que sempre cai na trampa borbónica e accede a facer o ridículo na catedral.
A Galicia actual é multirrelixiosa, agnóstica, atea, e tamén (digo tamén) católica. Cada ano son máis os galegos e galegas que deixan de lle cruzar a casiña á Igrexa católica na declaración da renda. Os seminarios están valeiros e os cregos frades e monxas ninguan en número aínda que non en facenda. O ateísmo que os católicos chaman práctico exténdese entre as persoas máis novas. En todo caso o laicismo é unha opción de Estado que garante a igualdade de todos os pensamentos perante a lei e impide calquera privilexio ou proteccionismo como son os que goza en exclusiva a Igrexa católica. A libertade de cultos e o dereito a vivir fóra ou dentro de calquera grupo relixioso reclama a posta en vigor de políticas laicistas.
No Parlamento de Galicia non está representado hoxe ningún partido de caracter laicista. Esperemos que na cámara que resulte das próximas eleccións esta pobreza extrema da política galega sexa subsanada.
- A Coruña aprueba los festivos locales para 2026: así queda el calendario laboral
- El Morriña Festival ya tiene horarios y anuncia un concierto gratuito para el sábado
- La tragedia en Sevilla pone el foco de nuevo en la seguridad laboral: 'Nos quejábamos, pero nadie hacía nada
- De la barra del Chaflán a una lona en la plaza de Lugo para simbolizar la unión entre Estrella y el Dépor
- Casi treinta feriantes participaron en la pelea con un menor herido en O Burgo
- Cambios en la estación de bus obligan a modificar el acceso a la intermodal
- Nuevos alquileres en Xuxán: 36.000 euros y 700 al mes
- Bil Nsongo se comprometerá por dos temporadas con opción a dos más