Jordi Doce e Alejandro Valero son poetas, son tradutores, son 2 grandes amigos. A petición miña, enviáronme istes poemas que agora lles ofrezo a vostedes na súa versión galega. O de Doce chámase "De vita beata", en alusión a varios textos clásicos que van dende Séneca a Jaime Gil de Biedma, pasando por Juan de Lucena ou Frei Luís de León. O verso en cursiva é de Quevedo. O de Valero titúlase "Da ledicia" e se cadra pode lerse coma unha resposta complementaria ó primeiro. A fotografía é de Francesca Woodman, cuxa magnífica exposición aínda pode verse no Espacio AV de Murcia ata o dezasete de maio.
I. Jordi Doce
Á vista das cousas,
decidiu que xa non máis,
que lle abondaba co estralar do ceo,
o fondo gris dos canedos.
"Os deuses axeónllanse cas túa",
sentiu dicir, e sorriu compracido.
Paxaros na mao, o silencio de area
das horas, a cal embridando os ollos.
A oblea da vida fundía na súa lingua,
no sangue tentacular, e era un cansazo
sereno, case que experto,
o birillo da neve a abrollar na súa mao.
Todo viaxaba nun carril transixente,
luces que escintilan ou se apagan consonte as horas.
Retirado na paz distes desertos,
para qué libros, retrucaba,
e logo: para quén.
II. Alejandro Valero
Da ledicia lembro que era pobre,
que vivía soa en medio do seu paraíso
e que, cando accedía ó noso mundo,
maltratábana por igual os acorados
e os opulentos, e tiña un nome longo.
Ela deixábase fitar de lonxe un intre,
e nós ollabámola en soños e en fotografías
con traza de muller ou de paisaxe. Era
no tempo no que todo parecía novo,
na idade na que tremen os xeonllos.
Logo, perdémoslle a pista e o respecto
mentres loitabamos contra estantigas.
Algúns din que a coñeceron. Outros,
que a tiveron na punta dos dedos.
E agora á noitiña acordámola con saudade.