Aeconomía galega está a vivir un momento crucial. Hai rumores de fusións de entidades bancarias e iso da pé a moitas conxeturas. Evidentemente se Caixanova e Caixa Galicia se fusionan, moitas cousas cambiarían no noso país. Pensen en Fenosa e en Gas Natural. Como é posible que o peixe pequeno se comese ao grande? Sinxelo. Gas Natural recorriu a unha caixa catalana solvente e a cambio de cartos para mercar Fenosa, cedéulle os negocios con esta empresa á entidade bancaria. Se as caixas galegas se unen, o montante de riqueza que manexarían sería tal que operacións como estas poderían levarse adiante. Non digo que fósemos quen de recomprar Fenosa, pero vaite ti a saber. O que está claro é que seríamos tremendamente competitivos. Ademais de que, case con toda seguridade, se construísen un bo número de empregos en toda Galicia. Sei que nos xogamos moito con esta fusión. Non sería sensato que non se levase adiante por un motivo de egos, de saber que nome será o designado para ocupar o posto de máxima responsabilidade. Ás veces penso que nos perdemos en debates estériles para a nosa nación e non somos quen de ver a importancia dunha operación que xeraría un benestar colectivo considerable. Perdoen se esaxero co que vou dicir a continuación, mais, non sei por que, esta fusión antolláseme máis importante que o novo Estatuto. Unha cousa non quita a outra, o único que pretendo é que albisquen a categoría que un servidor lle da a estes rumores de posible fusión. Nisto, que queren, eu son da mesma opinión que Isaac Díaz Pardo. A única maneira de superar o neocolonialismo é que os galegos xestionen as fontes de riqueza do propio país. E non esquecer endexamáis que, sendo vítimas das nosas miserias, vivimos nun lugar privilexiado do mundo. Non estamos nun estado ideal. Sofremos unha crise e moitos e moitas a peste do paro. Sen embargo, non sofremos a peste da ignominiosa existencia que levan os irakís, os afganos ou os palestinos, tamén os haitianos, os guatemaltecos ou os guineanos. Se comparan as razóns polas que se manifesta un venezolano ou un hondureño coas últimas manifestacións celebradas na nosa cidade, un non deixa de asombrarse. A xente prestou máis a atención ás protestas que houbo polo cartel do Noroeste Pop-rock ou polas corridas de touros, que as manifestacións dos traballadores de Caramelo. Desalentador.