Cal vai ser. O Decreto. O do galego, que algúns chaman o castellanazo. Nunca tanta tinta se usou para debater unha norma. Nunca tanto se estudou unha proposta lexislativa, incluso contando cos milleiros de opositores que concorren a Silleda coa Constitución e o Estatuto sabidos de memoria. Nunca un borrador tanta unanimidade suscitou, desde unha banda por unhas razóns e mesmo desde a outra polas opostas. Non soamente recibiu as lóxicas críticas desde o punto de vista ideolóxico, senón que día a día vai apañando outras cos argumentos que van desde os pedagóxicos aos funcionais, pasando polos económicos sen descoidar os legais. Descualifícano por inaplicable ou polas consecuencias que tería caso de dalo aplicado. Soamente o defenden os seus pais, e eu non teño outra opción ética (e de balde!) que apoialos. Viva o decreto así se funda o mundo.

O defender esta postura despois de ter defendido a contraria non obedece a ter caído de cabalo ningún, nin de levar outro tipo de golpe, nin sufrido unha revelación súbita. Foi que pensei. Pensei en cando era neno, que odiaba con toda a forza dun neno, pouca pero obsesiva, a ximnasia. Non facer deporte, correr ou saltar. A clase de ximnasia. A única maneira de zafar daquela ordalía era, ademais de estar o bastante enfermo como para nin ir xa ao colexio, ter un xustificante paterno/materno (daquela concretamente materno, que eran as que se ocupaban de miudezas como a educación dos fillos). Estar en posesión do papeliño aquel, unha cuartilla ou unha tarxeta no que unicamente poñía que "el niño X no podía hacer gimnasia porque Y", sendo X eu e Y calquera cousa, daba unha felicidade -deuma no par de veces que na casa me deron un- similar á que tiven a vez que me pediron o dni para entrar no cine (a vez que mo pediron e o tiña para acreditar que cumprira os 18 anos, non nas que mo pediron cando aínda non o tiña) ou cando esgrimín o pasaporte para cruzar a miña primeira fronteira.

Así que entendo a satisfacción de calquera pai/nai de poder decidir sobre o que ten que estudar ou non estudar o seu fillo. Que non daría eu por estar exento de ximnasia de serie. E que non me veñan con que deberían ser a Administración e os profesionais os que deciden que materias se imparten no ensino, que para iso somos nós os que pagamos a educación cos nosos impostos (ben, para iso e para que nos aturen aos cativos o maior tempo posible). Unicamente me pesa non chegar a tempo de librar ao maior das matemáticas, que nunca as puido ver. Ademais de exercer ese noso dereito inalienable de decisión, que inexplicablemente non reclamamos ata agora, todo este proceso ten a maiores moitas vantaxes. Unha que, ao poder expresarse no idioma que lles pete en calquera materia, os rapaces xa non poderán escusar as notas dicindo que eles saber sabían, pero non o daban explicado ben en galego. Outra que vamos ver de que pé coxea cada familia, e quen se significa e quen non. E sobre todo, que como tentar levar á practica este sistema vai supoñer un desquicie xeneralizado no sistema educativo, o que vai acabar pasando -e non digo eu que non estea xa todo pensado así desde o comezo- e que decidan que non paga a pena tanto problema por esa cousa, e que lle dean bertorella ao asunto e que o quiten, que ya está bien de tanto gallego y tanta tontería, hombre.