Abeiramar de Galiza, debuxada nos seus intricados 1.498 Km, entre rías, praias, acantilados... ofrece recursos para todas as ansias: crear, destruír, non tocar... Hoxe convén previr da desaforada falcatrúa, tramada nos despachos á vista de google maps . E así se foi artellando a cultura, dun xeito ou doutro , con tino ou desatino, dende a Prehistoria, cultivando, deica ser o que somos e polo que se nos identifica: marisqueo, pesca, gando ceibe, roza, pedra...Prehistoria, etnografía ó fin. Nese esquecemento e abandono hai quen axexa dende as súas orelleiras e olla o mapa como metros cúbicos de especulación: solares para inmobiliarias, para polígonos industriais, para aparcadoiros, asfalto e ladrilladas... e mesmo aprovéita de sacarlle negocio ós experimentos coas enerxías renovables, ó vento, á auga e ós seus froitos, ó sol, á pedra con sangrantes canteiras e monstros mecánicos. No futuro explotarase a mesma forza do mar. Nesas maltratamos ós escenarios da vida , e se non sucumbimos no intento, corriximos. O pelotazo obnubila, entón o ecoloxismo, a tradición e a cultura ridiculízanse, empaquétanse nun romanticismo trasnoitado e de pouco proveito. Campo ceibe "en esta tierra es mía" e acontece o atentado contra a riquezas natural e identitaria que por aquí pode seguir tendo templo. No equilibrio, e sobre todo nesa reversibilidade de seguir dándolle opcións a todo futuro,está o acerto. De non ser así, o herdo será un chan relado, roído, cheo de úlceras, de cicatrices feitas pola bichería do egoísmo, entre trousadelas de palabrería aprendida, sen sentimento, como "tecnoloxía punteira", i number one of ranking, benestar, progreso, traballo... e que axiña feden a cadáver.

No caso da explotación acuícola mariña galega de rodaballo, temos un exemplo que impacta e fire a sensibilidade para quen saiba ver, sentir e contrastar o que acontece noutras partes do planeta: o do istmo do emblemático cabo Vilán. Promontorio singular, recurso natural e cultural aínda nada aproveitado para rentabilizar ós visitantes que para chegar ate aquí fan parada e poida que tamén fonda na Camariñas dos encaixes e dos mariscos. Beiramar de historias e lendas en relación con A Costa da Morte, saberes cosidos con acentos mariñeiros e ó ritmo do son do mar.

Masácrase a paisaxe e logo, en fases posteriores, faranse intervencións "artísticas" para atenuar o atentado: pantallas vexetais, cores e o ... "píntamelo de verde" sobre os depósitos, bidóns, naves, galpóns, aparcadoiros, transitadas vías de ida e volta. De nada valeu a vida e o exemplo senlleiro do Man de Camelle.

Dende as orelleiras Touriñán entra no punto de mira : o Mar de Nemiña, con ondas e vento que lían ritmo de poemas, parroquia onde o Pondal, sobriño de crego, aprendeu latín, ós clásicos e a versificar. Hoxe secuencia de ondas predilectas dos surfistas. Areas finas, solpor dourado, "A Costa da Morte...do sol", cabo do mundo antigo, quizais o promontorio dos celtas, o Nerium , territorio dos Ártabros, referente sobre a pel de touro de Iberia, ó que se refiren os xeógrafos e aventureiros da antigüidade: o grego Strabón, no século I e pouco despois Mela e o alexandrino Ptolomeo. Proximidades nas que sitúan unha península coas "Aras Sextianas", erguidas no século I en honra de Augusto polo cónsul L.Sestio, posiblemente legado romano na guerra contra os galaicos. Márcase territorio imperial nas rutas do metal. As contradiccións daqueles xeógrafos meten en dúbidas ós arqueólogos sobre a localización destas aras que Ptolomeo di dedicadas ó Sol, Ara Solis, entre Fisterra e Xixón. Enigma non resolto, que multiplica os misterios e as pescudas nun confín de brétemas que ten como horizonte o "Mar Tebroso". Extremo occidente, principio e fin, onde a brutalidade do océano e da terra se apertan.

No morro de Touriñán o ser humano, na súa odisea, acende faros dende fai milenios e as arqueoloxías irano dicindo na medida da súa madurez: vestixios dunha torre romana, a xulgar polas tégulas aparecidas, inmediatas ó romántico faro, do 1898, na actualidade en desuso e rodeado por unha alto enreixado de degradante estilo Sin-Sing , e á súa banda outra novo faro de cemento, do 1981. Hai moito máis nestas soidades de toxo e uceira, paisaxes cambiantes en tonos coas estacións. Ermos nos que asexa o raposo e se move o coello, por onde trepan as bestas bravas e abren serpenteantes camiños cara ós acantilados, os percebeiros e os pescadores. Aquí un singular illote, descoñecido incluso pola arqueoloxía, o do Castelo ou a Insua, separado por un coido, luído e esbarradizo polo mar, auténtico paraíso pra pesca do polbo...onde tamén o mar entrega os restos de naufraxios, riqueza de algas. Castelo, como indica seu topónimo, coroado de penedas labradas pola sal e o vento limpo do máis auténtico océano. Vestixios da antigüidade, quizais algún altar a Venus, a Poseidón, a Xúpiter, a Fortuna... a un numen en relación coa grandeza do periplo e coa encrucillada da vida.

Cabo de Touriñán rematado pola Punta de Buxeirados, o Farelo, a Laxe... como pétreas tarascas vixiantes. Cara ó oeste os acantilados do Consiñadoiro, do Monte Gordo, da Nave... e Fisterra ó lonxe. Testemuñas de naufraxios dos que xa se perdeu memoria, fi máis dun século: o Douro, o Irurac-Bac"...

Por algo Cela quería que as súas cinzas de vagamundos foran aventadas dende estes altares... por algo un contemporáneo "Batallón Literario" e mesmo a marca turística da Costa da Morte teñen aquí un símbolo de inspiración. A forza do instinto que mantén os herdos dos espazos sacros.

Paraxes hoxe de pobreza, de desdentados valados entre os que aniña o paporroibo e sobrevoa a gaivota, milleirais movidos polo vento, espigas, esfollas de supervivencia, hórreos ergueitos entre a soidade dun patrucio de pana e unha viúva enloitada, nimbada de pano... casas de cachote e potente cheminea, fábricas de mariñeiros i emigración, dignidade perdida no horizonte. Cruceiro. Aldeíñas de Touriñán, arrogante e débil nome para unha torada de terra que fura polo mar: Campos, Moreira, Nemiña.. aldeas alteradas polo feismo campante. Anormalidades nun país coutado pola anormalidade, que reprime o recurso da identidade coa que se debuxa a universalidade. Hoxe xeografía no punto de mira . Mírese e apréndase de aventuras semellantes, mostrario experimental de "novas tecnoloxías" que incluso caberían noutros espazos deste amplo noso mapa: mírese a Vilán, e tamén a aquelas "progresistas" celulosas dos anos sesenta, violando, masacrando a riqueza integral da ría de Pontevedra, a carón do verxel do Ministro Montero Riós, labazada maiúscula ó romanticismo de Lourizán. Recursos, país ignorado.