13 de junio de 2010
13.06.2010
La Opinión de A Coruña
o labirinto do alquimista

Tagore e José Paz: oriente e o occidente

13.06.2010 | 02:00
Tagore e José Paz: oriente e o occidente

José Paz -así escrito en reitegrado galegoportugués como a el le gusta e debera ser- é un ourensán da Corna, aldea empoleirada nos montes de Piñor de Cea, a primeira da diocese de Ourense, vindo de Compostela. E como todos os desta bisbarra, entre Oseira, o Arenteiro e a Madanela, é teimudo, profundador, afeito á cultura dos camiños, á tolerancia das encrucilladas, amigo dos amigos e sempre cun sorriso agasalleiro por diante. Tamén nestas terras montesías tiña devanceiros Camilo José Cela, e notábaselle ben, escenarios que aproveita como inspiración neoesperpéntica para a súa Mazurca para dos Muertos. Terras de feirantes, de franciscanos, como Xoán Xacobo Fernández, mártir en Damasco, dos Legísima, do campeón de loita libre o Gorila... José Paz é dos que leva unha estrela na fronte e no bico un cantar. Alí, na Corna, a carón da vella estrada de Ourense a Compostela, coida a súa casa de ida e volta e ás súas queridas pantasmas. Pasa e fai pousada e fonda fixa en Auria, cidade- roda de afiar, da que é faísca de luz, couto ou nimbo que é o noso Ourense.

José Paz, ten os pés na Terra: fondo coñecedor do Seminario de Estudos Galegos, de Nós e da súa sementeira de bos e xenerosos, onde Ourense tanto aportou con Vicente Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo, Xocas e moitos que o mesmo Paz e outros tivemos o privilexio de coñecer. Bo seminario pra un sucesor de don Vicente Risco, como profesor de Didáctica na Escola Universitaria de EGB de Ourense, da que foi director. Profundador e bebedor da fonte do modernismo dos inadaptados os que dando voltas arredor de si descobren que no seu mesmo país hai un universo por atopar, que ser diferentes é ser existentes. Eles abrilantan a identidade, a distinción dunha Galiza entón negada, deste extremo occidente. Introducen as novidades de Europa: James Joyce, o Krausismo, as referencias a Mitteleuropa... xunto cos ventos orientais exóticos, humanistas, pacifistas, do pensamento e da literatura de Rabindranath Tagore, aquel que tentaba integrar o Oriente co Occidente. E neste Extremo Occidente, cabo do mundo do mapamundi, Don Vicente Risco era un precursor á moda, ate que o lostregazo da guerra dividiu e sementou morte, exilio, medo e atraso. José Paz retoma camiños e segue, nimbado tanto da aura de Ourense como da de Tagore, natureza, fraternidade, poesía, arte, lingua, música... e o seu traballo en e por Galiza interprétase dende este mesmo harmónico pentagrama.

José Paz estivo e está sempre nas vangardas da sociopedagoxía, sabe do valor multimedia, creou e animou as Xornadas de Cine de Ourense, o gran camiño dos audiovisuais e o multimedia como soporte de arte e da educación, as Xornadas do Ensino da ASPG, e alá polos anos oitenta levou ó cabo do mundo, a Corcubión, unha Escola de Verao da que aínda hoxe se fala. Sabe el moi ben que en Galiza metéronnos no corpo o complexo de illotas e moitos outros esperpentos e que aquí, para ser científicos, así como para abrir camiños de pasado e futuro, compre mirar sempre a Portugal, e non con ollos de veciños, senón de irmáns cunha longa Historia en común. As xornadas sociopedagóxicas galaico portuguesas foron un exemplo no que compre seguir e lembro a valiosa colaboración de Isaac Alonso Estravis, de M. do Carmo Enriquez Salido e tantos outros.O que ven ó conto agora é que José Paz sabe administrar o seu lecer. É dos que profesa a súa profesión, o ensino, quere compartir o que ten aprendido e colle os camiños que lle pide o corpo e o espírito santo que leva dentro, que son os da India de Tagore: dende a Calcuta onde naceu o escritor no 1861 ate as escolas experimentais de Saniketan na Bengala Occidental, onde morre no 1941. Paz anda e enxerga fondamente os escenarios da vida de Rabindranath Tagore, fuxe diste inverno e alá vai grandes tempadas: faise veciño e amigo dos amigos de Tagore, ten seguidores que souberon captar a súa entrega e valía e xa o reclaman como seu. Paz ten o corazón fendido. Esa vella atracción por Tagore levouno a formar i especializar unha gran biblioteca, xa con mais de 30.000 volumes sobre o pensador e creador. E por iso cavila agora no futuro, as ofertas na India non lle faltan: a Universidade Internacional Bengalí de Visva-Bharati mima e dalle todas as atencións ó galego, sábeno ben na embaixada de España neste país, sabeo ben a Casa de Asia, a que tamén se interesa polo fondo. Pero José Paz é ourensán, e practícao. Tivo conversas co Conselleiro de Cultura e a un tempo co director da Casa de Asía, coa ansia de conveniar e darlle espazo a Tagore na Cidade da Cultura de Compostela, e cunha premisa no norte da bussola dos desexos: que o proxecto tería implicacións na India i en Ourense. Pero por aquí, entre tanta burocraza e protocolo, nin se ata, nin se desata, nin fan, nin deixan. Namentres xogan ós malabares coas ilusións. O tempo en contra.Polo de agora esa biblioteca, a gran fonte documental sobre o Tagore pensador e creador, que escintila e segue a iluminar o porvir, almacénanse e medra nunha emblemática casa ourensán. Nos anos andados moitas cousas semellantes temos visto e case sempre con final triste pros galegos que teñen os sentidos postos. Logo laiarémonos. Paz quere que os libros queden no Ourense que el quere, pero a cidade tampouco resposta, como tampouco lle respostou á pantasma de Vicente Risco, nin de Otero Pedrayo para recuperar as súas casas da rúa da Paz, un sitio onde explicar a Xeración Nós, as ansias da Alba de Gloria e de Auria. Ese mesmo Ourense que agora semella incapaz de recuperar, moitos outros recursos de distinción e turismo, como aquel rincullo de O Volter dos Artistiñas...e toda unha letanía de cousas que ennobreceron á Atenas de Galicia. Compre agasallar e dar resposta ás ansias, ó bo facer de Pepe Paz da Corna, o de unir, como quixera Risco, José Angel Valente e moitos de nós, os dous cabos filosóficos do misterio que tentou Tagore: o oriente co occidente e sempre no centro do circulo baril de Ourense.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook