Julia Otero, a quen podería chamar esa dama da radio se non fose por ese sorriso de rapaza encantada co que fai que ten e que tamén se lle aplicou a algunha que máis que dama da radio era estrita gobernanta da micrófono, convidoume antonte ao seu programa, feito desde Santiago aproveitando que Onda Cero cumpre 20 anos (circunstancias que non sei se teñen relación). A cousa era falar da imaxe de Galicia nos medios de comunicación, enténdese que nos de fóra (nos de dentro, hai unha enquisa moi interesante do Colexio Profesional de Xornalistas sobre como os periodistas pensan que os seus medios reflicten a realidade galega). Algo que a ela lle preocupa, como galega que leva residindo toda a vida fóra e como comunicadora que sabe da importancia dos medios á hora de conformar a opinión da xente. Tamén é algo que preocupa aos galegos que levan dentro toda ou a maioría da vida, como se ve porque hai moitas cartas ao director que inclúen como argumento definitivo o parecer duns amigos de fóra. Se lles importa o meu, a min tanto me ten o que pensen por aí. Depender da aprobación allea é un síntoma de inseguridade tanto nas persoas como nas sociedades. Pero aló fun, a opinar, porque a indiferenza non deixa de ser unha opción.

Non sei se por evidente, ou pola influencia da bonhomía (bonmullería, debería de poder dicirse) de Julia Otero, os tres invitados, Rosa Vilas, Xosé María Palmeiro e eu pensabamos moi parecido sobre o tratamento da realidade galega polos medios de fóra. "Mellorable", segundo a directora da TVG. "Que falen dun, aínda que sexa mal, ou ben", para o director de comunicación do Consello da Cultura. "Non nos entenden, non", dixen eu, calando o "nin falta que fai" que se me veu á cabeza. O de que pensan de nós e a importancia que a iso lle damos ten unha longa tradición periodística. Xa Wenceslao Fernández Flórez, o home que chegou a columnista e escritor porque ser periodista lle parecía demasiado tremendo, escribiu unha vez dun colega madrileño que, coa escusa de entrevistalo, foi substituíndo toda a información sobre Galicia que o escritor lle daba polos seus propios prexuízos. Por outra parte, a información en España é radial, como as conexións ferroviarias, e por iso se lle chama "prensa nacional" á que se edita en Madrid, aínda que teña menos difusión ca que se publica noutras partes. E como é radial, é epicéntrica. Galicia, por exemplo, está especializada informativamente nos últimos tempos en catástrofes naturais, como todos os sitios máis ou menos exóticos. Chámanlle temporal, por exemplo, ao que sempre coñecemos como inverno. Cando hai incendios forestais noutras partes, as preguntas son quen os prendeu e se os medios son eficaces ou non á hora de apagalos. Aquí a pregunta é por qué hai lumes (pois porque alguén os prende por intereses e non se dan apagado antes de que vaian a maiores, sempre me deron ganas de contestar).

Pero polo demais, tanto me ten porque os que ignoran se subimos os baixamos non somos os que estamos na escaleira, senón quen mira, e os prexuízos sobre alguén están na propia mente de quen os ten. Sufriuno (e aínda se acorda) a propia Julia Otero cando se lle arrepuxo un colaborador cando ela criticou que Rosa Díez dixera aquilo de "gallego en el sentido más peyorativo". O malo non é ser unha ignorante que non sabe que "pexorativo" é sinónimo de "despectivo", o peor é ser unha arrogante que non se desculpa. O malo, volvendo a como nos ven, non é que pensen que somos difíciles de entender, pechados e que chove moito. O peor é que parte dos medios e da xente de fóra non entenderan que aquí, tanto os medios como a xente, nos sentiramos agraviados pola faltada. Así que os que teñan vocación pedagóxica, parabéns e adiante, pero para min, evanxelizar cansa.