Opinión | o labirinto do alquimista
Felipe Senén É Museólogo E Técnico De Xestión Cultural Felipe Senén
As praias galegas
Gavin McOwan é un trotamundos, periodista moi lido polos viaxeiros buscadores de paraísos aínda perdidos neste mundo tan traqueteado, sabe o que escribe e sabe escribilo, mimado alí onde vai polo que el poida dicir no suplemento "Travel" do prestixioso periódico inglés The Guardian. Dáse por bendito canto el diga para espallarse polo mapamundi do turismo. Como o artigo publicado en febreiro do 2007 sobre as selectísimas mellores praias do globo terráqueo, entre as que deixa o Mediterraneo e a vella Europa Atlántica, agás o areal de Rodas nas illas Cíes. E non vai descamiñado o intrépido, cotizado, tamén polémico e envexado viaxeiro, o que dis que moitas veces ate traballa de oídas...
A calidade, a pureza e a limpeza da area, das augas -a non ser
esa temperatura que espreguiza - a beleza do contorno ... todo conta, incluso tamén o debera facer o diferente ritmo e son das ondas de cada unha das praias, como un idioma ou identidade propia, en ocasións como un ballet en danza suave de encaixes, en outras espectáculo sobrecolledor, alporizadas, ameazantes, perigosas, noutras en ritmos malabares, exhibicionistas, trazando revirados croques transparentes para escachar en resonancias contra as areas que arrastran, ondas apropiadas para desafiar cunha táboa de surf. Valores que saben distinguir os espíritos refinados, os que atenden e se inspiran nestas regalías da natureza. Con este patrimonio todos os coidados deberan ser poucos. Nun caso como o referido das Illas Cíes, coa categoría de Parque Nacional dende 1980, debera querer dicir máis control, o que non se soluciona únicamente con carteis de prohibicións, senón coa educación e o exemplo administrativo: evitando o intervencionismo ou gasto de afeamento, aos que por aquí somos tan propensos. Inmediato ao porto cómpre un centro receptor de visitantes, edificación transparente, integrada, reversible, feita en harmonía coa paisaxe para regular as visitas, previr e atender ás necesidades da paisanaxe. Pero o chiringuitismo, entre outros feismos é un mal endémico, efectos que teñen súa causa na crise de identidade, e que se estende, especialmente ós lugares por todos desexados. O ser humano, dun xeito ou doutro intúe e sabe onde está a calidade e a beleza. Os uns tiran polos outros e o redor do ocio tamén se monta o negocio e veña festa e feira.
A administración segue na roda da súa rutina, actúa coa burocracia, dende os despachos, esquécese da realidade dos escenarios da vida real, de que isto é cousa de sensibilidade, que é cousa de poñer todos os sentidos, máis os da intuición, detrás dos que está a formación cultural, o coñecemento do que se ten entre mans. E así vemos, como si nada fose, o continuo aporte de áridos, de caolín para contribuír ó volume de "area" de praias que sofren desgaste polo abuso... entón acontece a adulteración, un novo sacrilexio, ó non entender que se está actuando e alterando algo único, formado ó longo dos séculos e respectado por outras xeracións. Sábeno ben na Europa madura o que significa unha praia, e non esquezo a imaxe das coidadísimos areais dos balnearios normandos de Douville, Trouville, acicalados, agarimosamente peiteados, sombriñas iguales, en orde, casetas en raias azul e branco, con nomes de artistas... presumindo de legado natural e de historia, imaxe e fonte xeradora do souvenir. Algo que non se improvisa ou endominga, resultado dunha educación. Praias de area finísima, que no pasado foron de marisqueo, ribeiramar de puntillas feitas por determinadas conchiñas que as ondas entregan, provenientes de colonias mariñas de moluscos que habitan polo entorno, dándolle textura e cor diferente, xunto co arrecendo de variedade de algas, que noutrora servían de abono, riqueza tamén en días modernistas para baños precursores da talasoterapia, tradición da que por aquí non arrancamos cos motores da contemporaneidade para "desestacionalizar" da invasión estival. Conchiñas das lembranzas que servían como souvenir ou materia prima para xerar unha arte decorativa inxenuamente kitsch: colares, caixas, enmarques... Finísimas, fariñudas, brillantes areas, traballadas constantemente polo bater ou muiñar do mar, recomendado masaxe para os pés, ergonomía natural.
Do río Eo ao Miño, o perfil da Galiza con case 3.000 quilómetros de beiramar, variada e polícroma gama de orexenias, de paisaxes exposta ao Atlántico, lección aberta de xeoloxía, farallóns, acantilados, fendeduras, furnas, praias, calas, amparadas ou abertas á auga, ao sol, ao vento, en irmandade con fontes, ríos, lagoas, dunas, xunqueiras, caneliñas, piñeirais, lameiros, hortas.... escenarios de mitos, prehistorias e historias, da cultura do mar, da pesca, do marisco, dos santuarios.... "Mar de Dentro" cantado polos trobeiros galaicoportugueses, que modernamente chamamos "rías", a carón do "Mar Maior", "Pozo", ou "Mar de Fóra ", de nostalxias, o que se perde no horizonte, coas estrelas e un faro na noite.
Areais, templos abertos ó mar para despedir ó sol, na tradición tan respectados, os que obrigan a descalzarnos, asociados a baños fecundativos, á deusa Venus das vieiras, a sereas ou homes mariños, a tesouros de piratas... praias hoxe en perigo polo tumultuoso descontrol: ao faltar nas urbes as campas nas que convivir i expresarse, por terse convertido en metros cúbicos de especulación e mostrario da ilustración municipal, a multitude acude ó espazo ceibe das praias para trepar e aldraxar o legado. Canto agora non cabe nun sitio, xa como norma trasládase ás praias. Así tamén mudan, defórmanse e degrádanse as tradicións, manda a aculturación en escenarios de descontrol e contaminación en todos os ordes. E todo pese aínda a ser un país no que advertimos dun "nunca máis", cando a beiramar se enchapapoteaba pola mercancía dun petroleiro co arrogante nome de Prestige.
- Así serán las bajas médicas a partir de 2025: Un nuevo sistema que evaluará la situación de cada trabajador
- Arantxa del Sol, exconcursante de 'Supervivientes', ficha como colaboradora por este programa de TVE
- Qué es el mieloma múltiple, el cáncer incurable que sufría el presentador de TVG Xosé Manuel Piñeiro
- La DGT activa un nuevo radar en una carretera que une Oleiros, Cambre y Abegondo
- No más pan rallado: esta es la alternativa para empanar sin carbohidratos
- Yeremay pacta con el Deportivo no irse en enero: hay mejora de contrato y subida de cláusula
- Ikea recupera la estantería para el baño que arrasa entre los jóvenes: menos de 6 euros y se monta sin obra, ni agujeros
- Así es el plan de mercado del Deportivo sin Lucas: recuperar a Rubén, un ariete y un lateral izquierdo