Opinión

Plácido Lizancos

Que o demo me leve! Que así Deus me salve!

Na costa abaixo -para outros arriba- das vacacións. Deume por reler ó inmorrente Curros Enríquez e topeime con aqueles dous versos do poema Mirando o chan en Aires da miña terra: "Se eu fixen tal mundo, //que o demo me leve". De vivir hoxe Curros... e lese: "cinco mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas en menos dunha semana", "mans criminais que prenden lume ós montes", etc, etc.... Para que seguir? A frase de Curros non perdeu actualidade e deume por estudar para evasión de tanto problema, traxedias a toda hora, máis "fútbol" a toda hora tamén en todas as emisoras, os diferentes usos que lle damos á palabra Demo na literatura galega, e a quen invoca, nada menos que o agnóstico, Curros.

A frase considerada blasfema naquel tempo polo bispo Cesáreo, de Ourense. E que deu orixe a un sonado xuízo tanto en Ourense coma na Coruña.

A orixe desta lamentación pona o autor na boca de Deus, quen viu a través das nubes as cativeces deste mundo, "malos gobernos que falsos e aleves co xugo dos pobos engordan e medran" (...) "en fin cantas cousas que no deben verse....", que o levou a pronunciar esa frase.

E segue Deus pasando revista ás cousas da terra, e son tales e de tal magnitude as abominacións dos homes, tales e de tal índice os vicios que dominan ó mundo e as miserias que o rodean e as inmoralidades que se advirten por todas partes que a indignación divina parece se rebela nunha especie de protesta con esta devandita frase que vai ter coma refrán ó longo do poema:

"Se che outra vin nunca que o demo me leve."

Curros Enríquez é moi dado a estas exclamacións. Na máis fermosa lenda en galego, A virxe do Cristal, lemos, referíndose á Virxe:

"¿Que olliños, que mirada, que beizos, que cabelo // que orellas, que mantelo, que frente anacarada // que diaño de muller!".

Deste xeito ve Rosa en soños á Virxe a quen nola describiu como acabamos de ver. E como se dixer ¡que aquel, que encanto de muller!

Os galegos, moi influenciados polos espíritos, temos diversos nomes, refráns e ditos para designar o demo, diaño, e trasno. Hoxe traemos unha morea deles.

Convén facer diferenza entre demo, diaño e trasno: o demo, demoncre, demoño, demoncho, diabro, perello, rabudo, pois con todos este nomes se coñece, é o ser misterioso, o anxo rebelde, que máis frases, modismos e ditos deu á literatura galega. Ante a imposibilidade de dicilos todos comezaremos polo dito tan común: "Son cousas do demo": cando se descoñecen as causas que dan orixe a situacións novas e non están ó alcance de todos ou difíciles de entender. Tamén leva a culpa de todo o mal que nos fan ou facemos: "Sonche cousas do demo".

"¡Arrenégote demo!": normalmente certas persoas pronuncian esta frase signándose, como admiración cando se ve algo incrible.

"É coma o demo": que é unha mala persoa.

"Enganar ó demo": ser moi astuto e moi hábil.

"Entrou o demo na familia": cando hai nela disgustos e disputas constantes.

"Es o demo": díselle ó que pon en práctica as maiores trasnadas, ou discorre algo malo.

"O demo non dorme": os malos feitos xorden a cotío.

"Que o demo te entenda": o que di hoxe unha cousa e mañá outra ou fai cousas totalmente distintas ó que di.

"Tan bo é o demo coma súa nai": significa que os fillos acostuman ter a mesma condición dos pais.

"Ten o demo no corpo": aquela persoa que o revolve todo, que non está tranquilo nun sitio.

O diaño: non é o mesmo o diaño có demo. O diaño vén ser coma o trasno un ser burlón e revoltoso. O demo representa ó mal, a perversidade. O diaño é amigo das chanzas, das burlas inofensivas.

"Ben sabe o diaño onde se mete": ben coñece o enredante onde se mete e con quen se mete.

"Mesmo parece cousa do diaño": amosa o asombro ou incredulidade ante algo extraordinario que non se entende como puido suceder.

"Non sexa o diaño que...": é unha prevención que se lle fai a alguén para que evite algún risco que poida suceder...

"¡Que diaño de muller!": ¡que embeleso, que encanto de muller!

O trasno ou trasgo: nas lendas galegas o trasno é un espírito nocturno que toma distintas figuras corpóreas ou de animais, de cabalo, de castrón, de can, etc. Ás veces fai trasnadas e estropicios sen maiores consecuencias así fai chocar os pratos uns contra os outros no alzadeiro, etc.

"Anda feito un trasno": dise das persoas que andan soas polos camiños solitarios.

"Nunca se farta o trasno de facer trasnadas".

Un dos mellores escritores, o rianxeiro Rafael Dieste, inmortalizou o trasno co seu libro Dos arquivos do trasno de narracións máxicas e misteriosas.

Tracking Pixel Contents