Allí va la despedida

de los que se van del corro.

Allí va la despedida.

Aquí se quedan los guapos

y nos marchamos los buenos.

Y nos marchamos los buenos.

Allí va la despedida

Así, con esta copla se despedía dos seus compañeiros de escano no Congreso dos Deputados o cantautor José Antonio Labordeta. E que razón tiña. Alí quedaban os guapos, os dos coches oficiais, os políticos profisionais, os incapaces de mudar a súa opinión por mandato do partido. E que razón tiña, tamén, en que se marchaba un bueno. Porque iso é o que foi Labordeta. Sobre todo máis que cantante, poeta ou político, el foi un home bó. Un amante das súas mulleres, da súa compañeira de toda a vida, das súas fillas e das súas netas. Un mestre que endexamais xulgou aos seus alumnos. Tanto Luís Alegre, como Carbonell ou Jiménez Losantos foron sempre queridos e respectados por el, non importaba por que camiños os fose levando o destino. Labordeta, o seu mestre, nunca dixo unha palabra sobre algúns alonxamentos ideolóxicos. Un mestre que o primeiro que fixo ao chegar á súa aula de Teruel foi soltar esta frase: "Estades todos aprobados, non é necesario que veñades". E, claro, cunha frase así, pois todos os rapaces acudiron a escoitar as súas ensinanzas. Estamos falando de finais dos anos sesenta. Lembren as palizas que recibían os cativos nos estertores do franquismo. Fíxense se era un home querido no seu Aragón natal que era o personaxe público que elexiron durante case unha década os aragoneses para irse con el de cañas. Si, unha cervexa con sona en Zaragoza, organiza anualmente unha enquisa para coñecer cal é a persoa coa que os seus clientes se irían de cañas e, Labordeta, sempre era o elexido. Porque era doado falar con el, estiveses ou non de acordo coas súas teses. Ao seu carón, o humano sempre vencía ao político. Era como din os maños moi rocero. Isto é: que gosta de rozarse, de alternar coa xente. Era tan rocero que até hai uns quince días baixaba en cadeira de rodas a tomar o aperitivo na compaña dunha das súas netas. Todo o mundo quería falar con el porque levaba toda unha vida na súa mochila, todo un país, toda unha cultura. Os que o coñecen din que morreu inmensamente feliz. É o que nos pode consolar da súa perda. Si, vaise un mestre, un home bó, un gran avó da xente común. Din que era un político atípico pero, sinceramente, creo que os que son atípicos son os outros. A ver se se lles pega algo e lexislan máis humanitariamente as nosas vidas. Vaise, tamén, un poeta que, sendo un adolescente, escribiu uns versos asombrosos e premonitorios, uns versos que ben poderían ser o seu propio epitafio:

Si Dios pregunta por mí

decidle que no existo.

Agardo de todo corazón que, cando espertes, aló onde estexas, ergas a túa ollada e contemples unha Terra onde estexa escrita a palabra Libertade. Brindo por ti, amado Labordeta, e pola teu maior legado: a dignidade.