08 de noviembre de 2010
08.11.2010
ASIEU

Unha postal d'a Cruña

08.11.2010 | 07:00
Unha postal d'a Cruña

E ti sentes a mor das tristuras
Cando recibes unha postal d´A Cruña€


O epígrafe que encabeza esta columna foi escrito entre o 1913 e o 1916. Pertence a un poema chamado "Arbre" (Árbore) e a un libro titulado Calligrammes (Caligramas, en francés). O seu autor, Wilhelm Apollinaris de Kostrowitsky (1880-1918), máis coñecido coma Guillaume Apollinaire, foi, sinte de crítico, dramaturgo, ensaísta e narrador, un dos fundadores da poesía moderna e un dos pais da poesía visual.
Uns versos misteriosos, non si? Eu quedei pampo ó lelos: " La plus grande tristesse/ C´est quand tu reçus une carte postale de La Corogne€"
E supoño que a vostedes lles sorprendería tanto coma a min. Mais iste misterio ten a súa explicación.
Marie Laurencin (1883-1956) foi filla natural dunha costureira, Pauline Mélanie Laurencin. Tras traballar durante un tempo coma decoradora de porcelanas, comezou a estudar seriamente pintura na Académie Humbert, onde coñeceu a Georges Braque. Malia ser unha muller —unha das poucas aceptadas e recoñecidas polos seus célebres coetáneos—, no 1907 participou por vez primeira no Salon des Indépendants, no que expuxeron case que tódolos grandes artistas, pintores e escultores, a maioría homes, de finais do XIX e principios do XX. A partir de aí, a súa carreira foi imparable. Frecuentou e foi apoiada pola elite artística e nobiliaria da época. Tamén publicou poesía, realizou escenografías e vestiarios pra moitas obras de teatro e de ballets, e arestora está considerada coma unha das pioneiras das artistas modernas. Curiosamente, o único museo que existe no mundo consagrado a ela está en Xapón, creado e ampliado polo industrial e coleccionista nipón Masahiro Takano.
Mais qué ten que ver todo isto cunha postal enviada dende A Cruña?
Guillaume Apollinaire tivo varios amores ou varias amantes que, grazas ós seus versos, forman agora parte da historia da poesía: Annie Playden, unha governess inglesa que rematou os seus días en Estados Unidos; Louise de Coligny, non a princesa de Orange senón a "Lou" coa que "Gui" mantivo unha relación con certos toques sadomasoquistas, entre unha pipa de haxix e outra de opio; Madeleine Piagès, profesora de letras nada en Orán, Arxelia, pero que, no 1915, estando de vacacións en Niza, coñeceu nun tren o poeta soldado do 38º Rexemento de Artillería que estaba a loitar contra os boches; Ruby Kolb, "a rubia belida", coa que casa pouco antes de morrer, e€ Marie Laurencin.
Marie e Guillaume coñecéronse no 1907. Consonte algúns, presentados por Picasso. Consonte outros, nunha tenda de artigos de pintura, por azar. Consonte o poeta (nunha das Cartas a Madeleine, a súa prometida daquela, perante a cal tentou quitarlle ferro ó asunto): "No 1907, sentín por unha rapaza, unha pintora, un gusto estético que lindaba coa admiración, e que aínda hoxe participa dise sentimento. Ela amábame ou cría amarme, e eu tamén o crin ou máis ben fixen por amala, pois non a amaba entón. Ningún dos dous era coñecido daquela, e eu comecei as miñas meditacións e escritas estéticas que tanta influencia ían exercer en Europa, e mesmo noutros lugares. Abofé, fixen todo o posible por compartir a miña admiración co Universo. Ela quería casar, cousa que eu non quixen nunca. Aquilo durou ata 1913, cando ela deixou de amarme. O noso acabara xa, pero como pasaramos tanto tempo xuntos, como tiñamos tantas lembranzas comúns, ó marchar todo iso, sentín unha anguria que tomei por amor e sufrín o meu ata que estopou a guerra."
A anguria e o sufrimento do poeta foron moito máis intensos, máis prolongados do que il recoñeceu naquela carta à súa noiva. Algo que ela non podía saber entón pero que nós, os lectores e as lectoras de hoxe, percibimos claramente nos poemas de Alcoois dedicados a Laurencin, coma "Zona" (" un poème de fin d´amour", segundo il), "Marie" ou "A Ponte Mirabeau". E non só d´Alcoois. Tamén nalgúns poemas de Caligramas (o outro poemario que sacou en vida) paira aínda o halo da pintora.
"Árbore" apareceu publicado primeiramente nunha revista, no 1913, pero, como fixo con tantos outros poemas de Caligramas, Apollinaire houbo de retocalo e/ou amplialo despois. De feito€
No 1914, pouco antes de principiarse a carnicería da Primeira Guerra Mundial que, finalmente, lle custaría a vida o inventor do "supernaturalismo" e do adxectivo "superrealista", Marie Laurencin casa cun pintor e barón alemán chamado Otto von Wätjen. Denantes, xaora, mantivo con Guillaume cinco, seis anos de intensa relación erótica e artística. O "aduaneiro" Rousseau (cuxa obra descubriu e gabou Apollinaire) retratounos coma O poeta e a súa musa. E a propia Laurencin fixo dúas versións dun cadro titulado Apollinaire e os seus amigos, nos que ela mesma aparece ó seu carón. Consonte declarou Marie moitos anos despois, estiveron dúas veces a piques de casar. Pero a primeira negouse a mai dil, "madame de Kostrowwitzky, que non me consideraba rica dabondo. Logo, no 1911, foi a miña mai a quen non aceptou a Gullaume", pois iste vírase envolto, inxustamente, no caso do "Roubo d´A Gioconda", e pasou unha tempada infernal no Cárcere da Santé.
A ruptura, como digo, tivo que ser moito máis dolorosa do que confesaron os dous e do que xamais saberemos. Cando Marie casou, finalmente, co barón von Wätjen, a parella marchou de "lúa de pel" a España. Na páxina da Wikipedia francesa dedicada a Laurencin dise que ela e o seu marido estiveron en Madrid, Málaga e Barcelona. Mais tódolos críticos dan por certo que visitaron tamén Galiza. Ou, cando menos, que estiveron n´A Cruña, dende onde Marie lle enviou a Guillaume esa carte que lle provocou "a mor das tristuras". Esa postal mercada talvez nos Cantóns ou na Rúa Real€
Guillaume Apollinaire morreu o 9 de novembro de 1918, após sufrir unha ferida na cabeza no terrible fronte de Champagne, unha trepanación cranial e un ataque de gripe española. Xamais volveu ver a Marie. Os seus ósos xacen enterrados no Cemiterio de Père-Lachaise, baixo un menhir concibido por Picasso e financiado coas vendas dunha obra diste e outra de Matisse.
Marie Laurencin morreu o 8 de xuño de 1956. Tamén foi inhumada no Père-Lachaise, a escasos metros da tumba do poeta, adobiada cun vestido branco, unha rosa nunha mao e na outra€ unha das cartas de amor que lle escribira o seu Guillaume medio século antes.
Compartir en Twitter
Compartir en Facebook