21 de mayo de 2011
21.05.2011
si home si

Acampadas

21.05.2011 | 02:00

Se tiña algunha dúbida sobre as acampadas dos indignados, o contraste entre o que vin a noite do pasado xoves na Puerta del Sol de Madrid e o que lle escoitaba á grea de executivos que me tocaron no almorzo do hotel á maña seguinte fixo que se volatilizaran. En Sol vin xente ilusionada porque pensa que se pode cambiar o mundo, ou polo menos melloralo, ou polo menos endereitar a deriva ao circo que ten o actual sistema democrático español. Certo é que observei un grupiño duns berrazoullas estimulados polo alcohol, e moito turista de acontecementos (entre eles eu), pero tamén a imaxe dunhas rapazas (por que rapazas?) recollendo pacientemente todo o lixo que había no chan, fose de indignados, turistas ou parroquianos.

E o que piden (ou o que se supón que piden, porque como recolle a web de RTVE a opinión dun galego chamado Miguel Ángel, "os medios pedídesnos reivindicacións, pero nós non temos presa") é no fondo simplemente que se cumpran as regras que teoricamente xa figuran na norma constitucional: que haxa unha democracia real na que manden os cidadáns e non alguén por aí, chámeselle mercado ou outra cousa, dereito a un traballo e a unha vivenda digna. En comparación co mítico maio do 68, agora hai moito menos sectarismo e moito máis pragmatismo. A min parécenme que a maioría da xente debería estar de acordo con iso, e aínda que non o estivera, todo o mundo ten dereito a protestar. Por iso me estraña a reacción dos dous grandes partidos. A histeria dos medios de extremo centro -non me estraña tanto a histeria senón que a saquen por iso-, que denuncian unha manobra socialista para cambiar a tendencia de voto ou cousas peores, instigada por Rubalcaba (acusación que non deixa de ser un desmedido recoñecemento das capacidades do vicepresidente). E a falta de cintura do partido do Goberno, que atribúo a que no fondo saben que non controlan nada.

E non sei de que se estrañan. A política en España xa consiste unicamente en ganar ou perder, e todo o demais tanto ten, incluso tratar á xente como se fose imbécil, especialmente nas campañas. E aínda que imbéciles hai (como ben di Baltar: "xa se sabe que son un cacique, pero vótanme igual"), non son todos, e mesmo hainos que, séndoo, non lles gusta que os traten como tais. Isto inclúe (o de pensar que a xente non se entera) a quen fai ou aplica as normas electorais. Pretender suspender o dereito de reunión invocando a neutralidade, cando as eternas precampañas son unha burla ao estrito período electoral polo fácil método de non pedir o voto, como se ver a un tipo nun poleiro, coas siglas do seu partido e un eslogan detrás, falando mal dos seus rivais inducira ambigüidade sobre as súas intencións. Ou que se considera neutral que as televisións, antes as públicas e agora tamén as privadas, teñan que emitir a propaganda electoral dos partidos segundo a súa representación (o que quere dicir pouco máis que do PSOE e PP) disfrazada de información, haxa ou non haxa noticia, e permite que sexa con material que proporciona o propio partido. Ou, xa metidos na nosa fariña, que non pase nada por censar a quen lle pete ao alcalde e onde lle pete, ou carrexar votantes.

Teño bastante claro que os indignados non conseguirán os seus obxectivos, polo menos no que se refire a mercados, traballo e vivenda, pero tamén que, a partir de agora, hai quen se vai ter que poñer as pilas. Desde os mercados á clase política, pasando polos xuíces. Logo supoño que lle tocará aos medios.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook