Hai agora xusto un ano, coincidindo coa exposición From A to X: Homenaxe a John Berger, organizada pola cineasta Isabel Coixet e maila galerista Rocío Santa Cruz, o pintor e escultor Tono Galán e máis eu rodamos no antigo cárcere d’A Cruña Xalundes. Un poema visual. Un manifesto anarcosuperrealista que, asemade, é a nosa particular reivindicación da memoria de todas e de todos aquiles que sufriron cadea e tortura a maos da ditadura franquista.

Un dos seráns que estivemos a filmar alí, vimos aparecer de socate, como unha estantiga, a figura esguízara dunha muller apesarada que, como tantos outros familiares durante ises días, fora visitar o averno no que o seu pai estivera preso, denantes de ser paseado… Logo, na montaxe, Galán incorporou esa aparición espectral na parte da curtometraxe en que, cun texto de André Breton, exaltamos o valor fundamental da muller na Revolución aínda por facermos. E con razón.

Mariquiña Villaverde é unha das fillas de José Villaverde Velo, secretario da Confederación Regional Galaica da CNT, director de Solidaridad Obrera e un dos principais líderes do anarcosindicalismo galego durante a II República Española. E o mércores pasado, igual co resto dos seus familiares, estaba feliz porque por fin a herdanza do seu pai ficou a salvo e a dispor de todo o mundo, engrosando os fondos da Real Academia Galega.

Tal e como lembrou no acto da sinatura Dionisio Pereira (un dos historiadores que fixeron posible esta doazón), “Pepe Villaverde foi asasinado o 25 de setembro de 1936 nos Campos de Sabón, logo de ter rexeitado a oferta dos falanxistas para encabezar os sindicatos verticais cos que os seus verdugos querían substituír o sindicalismo de clase. Trala traxedia, o pai e dous irmáns de Palmira [Otero, a muller de Villaverde], Eugenio e Joaquín, aproveitaron o seu confinamento na Fábrica de Senra [onde traballaron], durante a Guerra Civil, para soterrar no chan unha maleta que contiña varios libros, documentos, fotografías e unha colección case que completa de Solidaridad Obrera (...) E cando a Fábrica pechou, avanzados xa os anos 40 do século pasado, tiveron máis dunha vez a valentía de recuperar a maleta e agachala en varios domicilios da familia Otero”, como un maquis invisible.

Os documentos de Villaverde “xa eran coñecidos por nós [os historiadores máis novos, daquela], mediados os anos 70, mercé á xenerosidade e o compromiso da súa familia (...) Coa Transición ás portas, aqueles periódicos comestos polos ratos que habitaban a vella Fábrica de Senra, traían ó presente loitas doutrora que só algúns vellos militantes confederais foron quen de lembrar e ilustrar coa súa experiencia persoal, acompañando de vez á nosa rebeldía pronto desilusionada polos acontecementos posteriores: a folga da construcción de 1933 na que se reivindicaron as 35 horas semanais; a dos camareiros, que durou case que un ano, ou o control que das actividades pesqueiras e portuarias tiña o mítico Despertar Marítimo”.

Paseniño —continuou Pereira—, “e sempre en clave francotiradora, aquela ricaz fé de vida sindical na Galicia republicana, decote relatada cun estilo resplandecente por José Villaverde, se ben non foi, como debía, escola de arrechos e combativos sindicalistas trala implantación da somera democracia que padecemos, si foi devindo en fonte histórica que, no transcorrer dos anos, alumeou non poucos artigos, ensaios e publicacións de maior envergadura.”

O presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, amosouse “tremendamente feliz” polo que estaba a acontecer o 29 de xuño na Rúa Tabernas, e, durante a celebración, o poeta marxista avogou, con moito siso, “pola converxencia de todas as forzas da esquerda, nestes tempos de esborrollamento ideolóxico”. Algo que, xaora, deberían recordar os membros da intelligentsia artística cruñesa quen —ende mal, e a diferenza doutras nas que o protagonista foi algún destacado socialista e/ou nacionalista—, esa mañá, brillaron pola súa ausencia.