Lendo algúns xornais xuraríase que iso da nacionalización da NCG é semellante ás expropiacións bolcheviques.

Antes ben, que mellor que o aval público dunha -dúas- entidades teóricamente asemade públicas?

As vergoñas postas ao descoberto polo Banco de España, confirman rotundamente as sospeitas que moitos tivemos desde hai moitos anos, no caso de Caixanova mais sobretodo de Caixa Galicia.

Os pequenos tiburóns das rías altas e baixas ensinaban pequenos dentes como se fosen dentes de sabre, aínda que non pasasen de quenllas con vocación de pirañas.

Fachada directiva entre fachendosamente prepotente porén máis ben petulante.

O pior, non obstante, foi o aventurerismo pequenofinanceiro agochado baixo un entroido de mecenato.

Temos moi vivo na memoria, nen sequera histórica, un artigo de fondo dun diario galego de gran circulación no que se xustificaba o peche da veda "porque si no lo hacemos aquí, lo harán en Benidorm o en Marbella".

Pobre proletario tixolo, reducido a ladrillo de rañaceos horizontais cando non comprían os verticais polos maldecidos non "pexous" mais " pegous".

A pregunta que se impón, por riba de calquera outra, é se isto é unha nacionalización ou unha estatalización. Para o primeiro había mediar unha solución exclusivamente galega, que claramente ningunha institución autonómica foi quen de artellar, se ben no momento de fame electoralista se apunte no debe do goberno aínda en funcións.

Como consecuencia estamos perante unha estatalización.

E arestora?:

"Galicia está enladrillada, quién la desenladrillará. El desenladrillador que la desenladrille, buen desenladrillador será"

Ata a vindeira vez?