Áporta dos meus oitenta anos todo semella tornárseme máis incomprensible ca nunca.

Entramos en crise por producir máis do que podiamos consumir. Non traballar, que era unha bendición, agora é un severo problema que castiga a millóns de persoas. E apañar traballo é agora o único traballo de moita xente. Ó tempo, a idade de xubilación dilátase máis e máis en tanto os máis novos non dan iniciado a súa vida laboral deica a madurez. Por outra parte os afortunados que teñen traballo agora deben esforzarse máis ca nunca para gañar menos.

A cousa pública non vai mellor. A súa degradación parece imparable, levándose por diante moitos dos logros adquiridos en décadas de esforzos: a sanidade universal gratuíta, os servizos sociais e o ensino público de calidade.

Ai o ensino público!

Entristéceme ver o que pasa coa nosa universidade. Coa UDC, a Universidade da Coruña. Con pouco máis de vinte anos, a Universidade da Coruña tornouse nunha realidade impresionante. Vinte e tantos mil estudantes, case dous mil profesores e centos de empregados públicos conforman a que sen dúbida é xa unha das maiores empresas da Coruña.

E non falo do valor económico da empresa como tal senón do seu valor humano e intanxible ou, como se di hoxe, do know how ou saber facer quen ela atesoura.

A nosa universidade é un rico niño de saber. Estou certo que é o lugar no que van xurdir as persoas e as ideas que van facer mudar o noso futuro.

Días pasados fíxose público que a situación urbanística do campus universitario da Coruña é moi peculiar de xeito que a maior parte das súas instalacións e edificios estarían fóra de legalidade.

Senón entendín mal -e preocupeime en comprendelo- o defecto nacería da imposibilidade legal para que a universidade puidera construír edificios en tanto non dispuxera da totalidade dos terreos que o plan urbanístico lle atribúe e que a día de hoxe aínda non dispón xa que a universidade foinos comprando a medida que os ía necesitando.

Ben.

Perfecto e lóxico.

A Universidade nacente vai mercando terras e facendo edificios nelas para atender o seu crecemento. E así dende o seu primeiro día. Dende o día en que é fundada. E van xa tres reitores disto!

Entendo que iniciar unha universidade adquirindo primeiro a inmensidade de terreos que se prevía que nun hipotético futuro podería chegar a ocupar, todo isto antes de poñer un so ladrillo, podería provocar que nunca se chegara a poñer ese primeiro ladrillo pois os recursos necesarios terían sido investidos en terras.

E ata onde eu sei, as funcións da Universidade son a docencia e a investigación para facer avanzar a sociedade, non o atesouramento de terras baleiras.

Eu pasei pola universidade hai xa máis de medio século. Estudei na fermosa cidade universitaria de Caracas, un magnífico exemplo de urbanismo universitario, e o recordo daqueles espazos aínda me emociona.

E cunha emoción semellante tamén sinto que a miña universidade, e chámoa miña pois nela imparte a docencia o meu fillo e estuda o meu neto, non foi ben tratada polas autoridades encargadas de xestionar o caos urbanístico de Galicia. Sexan estas as da Consellería oportuna en Santiago ou as da Concellería pertinente na Coruña pois se o campus universitario da Coruña estaba sendo construído fóra da lei, o problema radicaba na lei, non no campus. Xa que se a lei é absurda, debe ser emendada. Pois a lei é un papel. Importante, pero un papel. E un papel amáñase con outro papel. Sobre todo cando o que está en xogo é de tan alto interese público como unha

universidade.

Como cidadán preocúpame, especialmente nos tempos nos que andamos, que se mate ao mensaxeiro.

Neste caso o mensaxeiro era XLMS: Xosé Lois Martínez Suárez. Un home que ten por iniciais as das tallas. Si, todas as tallas, dende o S, do miúdo, ó XL do xigante, que eran as dimensións que manexou na construción da universidade. Traballou resolvéndoo todo, dende o detalle miúdo da mesa dunha aula ata a dimensión xigante da globalidade dun campus onde en oito anos modelou toda unha universidade.

Entre tanto, os políticos de turno non daban asinado... un papel!