Oxoves pasado 20 de outubro, o 20O en etiqueta periodística, pasará a historia (ou á Historia? deixémolo en Historia) como o día en que morreron ETA e Gadafi, ou máis exactamente, o día no que a organización terrorista anunciou que cesaba a súa actividade despois de 43 anos, e o día no que o ditador de Libia acabou linchado, 42 anos despois de chegar ao poder. E xa postos a ser repunantes, ou para resumirlles o monte de excelentes análises que veñen neste periódico e os sen dúbida interesantes que poidan ler noutros, o día no que coincidiu o remate de dous procesos. Aquí, o de que ETA se deu conta de que xa non tiña nada que facer, e que todo o que fixera sería contraproducente para os seus obxectivos, e para tamén para eles. Aló, en Libia un cambio de réxime semellante a aquela distinción política que facía Chesterton, de que "democracia significa goberno polos que non teñen educación, e aristocracia significa goberno polos mal educados".

Os dous procesos teñen sombras. No do País Vasco, o de que ETA anuncie o peche do negocio, pero non a entrega de existencias (sobre todo as armas, o do persoal, entendo que sería moito esperar que se presentaran nas comisarías e cuartelillos a asinar o finiquito) non deixa de ser un perigo latente. Sobre todo, porque a historia/Historia, está chea de acordos adoptados por institucións ou organizacións que son desobedecidos por algúns dos seus integrantes, desde os militares franceses que seguiron a De Gaulle opoñéndose ao Goberno de Vichy, ata as escisións do IRA que continúan en activo agora. E no de Libia, sinceramente, a pinta que mete a xestión do Consello Nacional de Transición, o goberno rebelde, é como para botarse a tremer, desde o comezo ata o último episodio, a morte de Gadafi anunciada polo novo primeiro ministro, Mahmud Jibril: "Levamos moito tempo esperando este momento: Muamar Gadafi foi asasinado" (agardo que o de "asasinado" sexa que o texto que eu lin estea mal traducido. E xa postos, que eu puxera ben no titular "adeus" en árabe). É curiosa, de todas formas, a hipocrisía de quen pide que se aclare unha morte propiciada porque un deses avións que foron a Libia a protexer civís metrallou o convoi no que tentaba fuxir o que logo mataron.

Pero son moitas máis as luces, segundo -paréceme- o sentir maioritario da xente, e así o interpretaron onte a maioría dos xornais, tanto no de ETA como no de Libia. Sobre o primeiro, as portadas mostran distintas solucións da difícil e delicada arte de titular, combinando conceptos semellantes, ben en substantivo ("fin", "abandono", "renuncia"), ben en formas verbais ("finalizar", "abandonar", "renunciar"), quitado os que apostan pola non noticia, os "ni-ni" ("ni se disuelven, ni entregan las armas"). Polo contrario, nos titulares sobre a morte de Gadafi, a prensa española é unha illa de unanimidade no océano mundial: todos os periódicos coinciden en chamarlle Gadafi. No resto do mundo, hai de todo. En Portugal van desde Kadhafi (Diario de Noticias) a Khadafi (Público). En Sudamérica, hai quen opta por Kadafi (Clarín) e quen por Khadafy (La Nación, tamén arxentino) e Jaddafi (El Mercurio, de Chile). E mesmo nos Estados Unidos van por parroquias patronímicas: Gadhafi (The Wall Street Journal e Usa Today), Qaddafi (New York Times), Kadafi (L.A.Times) e Khadafy (Boston Globe). E, para que vexan que en todas partes cocen fabas localistas, mesmo hai un, o New York Post, que en base á gorra que leva o rapaz que aparece nas fotos coa pistola dourada do morto, titula: Khadafy, morto por un seguidor dos Yankees.