27 de noviembre de 2011
27.11.2011
o labirinto do alquimista

A casa do poeta Manuel María en Outeiro de Rei

27.11.2011 | 01:00
A casa do poeta Manuel María en Outeiro de Rei

Ensombrecida tras o decimonónico e pretensioso edificio da Casa Consistorial de Outeiro de Rei da Terra Cha érguese a simbólica Casa de Hortas. Construción que segue os ritmos arquitectónicos populares da chaira. Feita á medida das necesidades dunha familia labrega con algo máis que posibles e para máis con tío cura en San Froilán de Lugo. Herdos mantidos e ampliados por Antonio Fernández Núñez, casado con Pastora Teixeiro Casanova, de San Mamede dos Anxos e da casa de Vilanova en Conturiz de Nadela. Matrimonio que deu catro fillos: Xosé María Manuel María e Antón María...e o máis pequeno, Xesús María, que ós trece anos perdeu a vida a carón da casa, na estrada, feito que marcou por vida. Iso de poñer o segundo nome de "María" foi imposición mariana dos cregos que houbo arredor da tribu.

Predio murado, na entrada a nogueira, a palleira, as cortes e o postigo sempre aberto ó corazón da casa, a acolledora cociña con algo sempre a ferver sobre a prancha. Denantes da guerra, sendo o pai alcalde, a carón daquel lume e dalgún cocido celebráronse plenos municipais. Arriba o cuarto de reloxo que preside as horas das cerimonias, dos concorridos e longos xantares nos días de ledicias e festas, moi de cando en vez tamén cuarto do loito para os inesquecibles velorios que houbo na casa... Cada primavera as andoriñas a ir, vir e furar co seu vo de lóstrego pra aniñar no portal. Xanelas da casa como ollos abertos ó acontecer dunha tribo capital de concello noutrora labrego. Fiestras tras das que aínda aquece a faciana da nai, a señora Pastora, gobernadora da casa, co seu pano atado tras a cabeza e os seus aros de ouro, sempre disposta a presidir a conversa. "A nai enche coa súa presencia total a vella casa, o culto puntual ós defuntiños, a nobre palabra desbordada. A nai é a terra posta en pé e camiñando..." cantou o fillo. Na traseira ábrese a solaina, observatorio da horta, coas verzas, a cerdeira, a figueira, o loureiro... botando en menos a ausencia do vello e solemne cedro que foi parada e pousada de todos os paxaros, substituído por dous agudos cipreses grecolatinos con lembranzas de Horacio e de Virxilio, tamén da amada Toscana e dos Ribeiros, os que gozoso plantou o poeta. Arqueoloxía da tribo cos substratos do acontecer, entre os que naceu Manuel María en ouridourado tempo , entre o San Francisco e o San Froilán, e na festividade do santo dos silencios, San Bruno, do ano 1929. Fora a onde el fora ou viñera de onde el viñera, sempre ía e viña desta casa dos seus de Outeiro. Coas súas medidas, coas do regato do Cepelo e co Miño aprendeu a medir o mundo andado. Así foi Ítaca para Ulises, Orthez para Francis Jammes, Trasalba para Otero Pedrayo, ou como a casa que cantou o poeta, amigo vasco, Gabriel Aresti : "Defenderé la casa de mi padre contra los lobos, la usura, la sequía ....", como foi a casa de Xoán de Parada no Courel para ó amigo e tamén poeta dos "Eidos", Novoneyra... "Locus amoenus" do que arrancan as raiceiras.

Dende 1958 Manuel María asentase en Monforte para exercer como procurador dos tribunais , imparte tamén clases de literatura. Un ano despois cásase con Salta Goy e abre Xistral que será algo máis que unha librería ou galería de Sargadelos na vida cultural galega. Son anos de teoría e praxe, de persecución para canto significa Galiza. No 1985 anunciándose a xubilación, Manuel María e Saleta mercan un pisiño nos Pelamios do barrio bravú coruñés do Monte Alto. Era cidade ben amada, a da Cova céltica a dos trunfos de Curros, á que dende pequeno viña a tomar os baños de mar, a de moitos amigos. N0 1998 deixan definitivamente Monforte e residen na Coruña, onde leva tamén a súa enfermidade até un 8 de setembro do 2004, cando toda Galiza, a Provenza e a Toscana celebran á Venus-Virxe. Entón, en compaña multitudinaria, retorna definitivamente á Terra, entre os da súa tribo.

Neste noso tempo que perde raiceiras, a familia e os amigos entendeu a ben sumarse á iniciativa de recuperar a Casa de Hortas para centro da Fundación Manuel María de Estudos Galegos. Os fins son avivar o lume do humanismo, das tradicións, da pescuda e a innovación. O arquitecto encargado do plan rehabilitador é Xoán Casabella e no seu proxecto tratará de conciliar a historia da casa coas novas funcións en relación coa sensibilización nos novos tempos. Así é que non lle faltará a recepción, un espazo para usos múltiples, arquivo, biblioteca e mediateca. Os "Amigos da Casa Museo de Manuel María", xa constituídos e tantos colectivos que seguen a celebrar a vella amizade e a obra de Manuel María terán o seu protagonismo na revitalización dos espazos rehabilitados. Algún xeito terán celebración o primeiro día do ano, o San Manuel; o primeiro domingo de Xullo, día da Santa Isabel e pouco despois o Día da Patria Galega. Tres vértices do triangulo no que se circunscribe coherentemente unha ética e unha estética que non pasa de moda, como o vento, a chuvia, un ciprés, a palabra... Casa, Terra, Patria.

Así é que "Amigos dos Museos de Galicia", leal á memoria do amigo singular, entregará este domingo 27 de Novembro o Premio Pedra do Destino 2011, á Fundación Manuel María de Estudios Galegos. Galardón que tamén presupón a axuda económica e ó que se fan merecentes individuos ou colectivos preocupados pola salvagarda do patrimonio cultural de Galiza. Iniciativa que nace dun colectivo que entende que aplicar principios museolóxicos ó patrimonio non significa fosilizalos, senón experimentar xestión pra súa revitalización e que a cultura siga o seu normal proceso florido con raiceiras ben presas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook