Portas do Nadal, festa da luz na escuridade invernal. Preparativos para predispor, pra alegrar os corazóns, pra revestir co fulgor de porvir a casa, as rúas, as prazas, as ilusións dos que manteñen o espírito confiado de nenos, o "espírito do Nadal". Días curtos pra mandar ós amigos avisos de supervivencia. Serán mensaxes de cores e luz, con anxos, estrelas e folerpas pra anovar a casa, a tribo, as tradicións, pra crear. Un desafío necesario no almanaque ós retos, á crise galopante, ás borrascas e ó funesto. Feira dos sentidos, das cores, das músicas, dos sabores que chama a saír e entrar, a ir e vir, a levar e a traer. Sábeno ben as cidades con soleira de Europa, as que reavivan as súas rúas e ás vellas prazas de abastos, fronte ós multicentros que xa as inventan todas e contratan a novos frautistas de Hamelin, a magos, como cebo pra atraer clientes. Cidades que se enfrontan ó reto de reclamar o turismo cos seus atractivos mercados de Nadal: telderetes de abetos, acivro, visgo dos druídas, musgo, todas as artesanías, turrón, mazapáns, caramelo, rosquillas, froitos secos.... e polo medio tamén o intrusismo do que non ten que ver, pero ten que ver en tempo de regalos, onde todo aquece, bo gusto, melindres e mal gusto en democracia comercial.

Namentres por aquí séguese a rutina de anos atrás, adornar por adornar, como si se tratase dun trámite burocrático innecesario máis. E segue habendo alcaldes que multiplican as escalas dos adornos en terreo infértil, posesos polo síndrome do Guinness, esa ansia de pasar ós titulares da letra impresa tramando ó ceo algunha burrada coa que marcar época. Así, sen rumbo, sigue acendido o lume da tradición. Escóitanse campás e erguémonos un pouco tarde pra sacarlle todo o proveito ó instinto comercial.

A pesares de todo no tempo de Nadal, na casa e na mesma cidade, a crise cóbrese con purpurinas, con bixutería, brillos de luceciñas, panxoliñas que acenden esperanzas. O asunto é crear co menor gasto atractivos ambientes que conviden á ledicia e á solidariedade, ó encontro, a dar vía á oferta e á demanda. Son horas de levar e de traer, de remover caixas almacenadas, nas que dun ano para outro se gardan fráxiles bolas de vidro de cores, como ovos de esperanza, as que superviven ó trouleo das ledicias deste tempo; grilandas engurradas, a árbore de plástico máis envellecida, os rolos de luceciñas... quizais tamén as vellas figuriñas do Belén, descoloridas, decapitadas, sen unha man...Haberá que repoñer. Cavilamos entón naquel bazar, o que quizais este ano pechou: varias xeracións sempre aberto, peseta a peseta, para divertir e alegrar os sentidos. Adornos, xogos, provocación dos sentidos. Pola contra e pese ós malos tempos pra uns, na rúa maior abriu o Gran Bazar Chino, permanentemente de garda, tras o mostrador con acentos exóticos e sorriso oblicuo nos ollos e sempre alguén buscando algo. Alí ofrécese de todo pra festa: metros de celofán, de papel de seda, todas as bandeiras, lucería intermitente, árbores de plástico, grilandas peludas, brillantes, relucentes bolas, folerpas, campaíñas, anxos e estrelas de todos os tamaños, xogos... O Gran Bazar Chino non ten horario e se non está de turno o vello e barbado patrucio estará algún dos seus fillos, netos, a nora ou o xenro. Todos teñen sitio tras o mostrador e entre os andeis. O Gran Bazar Chino substituíu a aquel outro bazar, tamén á tenda maragata, á botica, á Ferretería Imperial, na que se atopaba todo iso que compre. As necesidades do mercado están á vista e agora con tanta liberdade non hai reparo en ofrecer nin en demandar: petardos para petardear a festa, para iniciarse no bombardeo, licores para perder o tino, sprays para manchar a cidade con pretensións frustradas de artistas... Poucos concellos analizan causas e efectos. Farano serodiamente, cando as cousas se desmandan e corrompen as tradicións e a liberdade, buscarán entón solucións con ordenanzas. Os tempos non están para máis abusos de diferentes calibres, co conseguinte custe que pagarán esgotados viciños. Os anuncios televisivos multiplícanse neste tempo, furan pola intimidade da casa e das ondas do cerebro, alimentan a adición compulsiva ó mercadeo, excitan, inciden no que deixa beneficios, na comida de plástico, nas colonias, nas novas tecnoloxías... Novos mitos, novos ritos do consumo. As tarxetas postais, as felicitacións co Merry Christmas global múdase por mensaxes con iconas prefabricadas, de copia e pega, incorporando algún PDF para sobrecargar o ordenador co conseguinte Mail Delivery System, exceso de cota. As cousas mudan, contribuímos á tradición dos tópicos multiplicados pola rede, a creatividade común devece. Son os camiños da uniformización global.

Esta nosa Terra que naceu dos camiños, da encrucillada, da feira, patria de moinantes, así pois de feirantes, estivo máis do que está ó servizo da demanda, da tradición e da innovación. Neso das orquestras, dos fogueteiros, das tómbolas, as churrarías e os carruseis ninguén nos ganaba, pero rematamos sucumbindo. E até para envolver e escribir houbo innumerables fábricas de papel en tempos da ilustración, hoxe como castelos habitados pola edra e as pantasmas.. .e en ningunha pretensiosa cidade da cultura, carcasa de nada, se nos contan esa historias de Nós. Houbo imprentas e xeniais linotipistas, sábeno ben os que se dedican á escripofilia que é o colecciónesmo da escrita, da impresión, onde as tarxetas postais ocupan importante espazo. Aqueles tarxetóns con rosas en relevo, recortadas, cubertos de brilantiños e até con perfume incorporado, outras reproducindo cadros de grandes museos con todos os temas relativos ó Nacemento. Son esas nosas cousas que se botan de menos en tempo de nostalxias. Facemos arqueoloxía do carteiro coa carteira cargada, máis dilixente no Nadal, repartindo tamén un pasquín solicitando discretamente o seu aguinaldo.

Danse e recíbense as felices pascuas, engalánase e tempérase o frío da cidade, faise con músicas e luceciñas na praza maior, nas rúas comerciais. Noutrora recibían o encargo de instalación casas de electricidade do mesmo entorno, poucas se foron especializando. Pola contra penetraron os irmáns portugueses que neso do barroquismo de crear ambientes, arcas festivas para o xardín multicolor da feira, dos ritmos das intermitencias, da poesía audiovisual, sabíanas todas. Cousas que aprenderon nas súas viaxes polo oriente. E non quedaron ancorados no pasado, senón que axiña se pasaron tamén as novas tecnoloxías leds e dixitais, a estruturas modulares para esculturas efémeras de árbores, de xigantescos reis, camelos, cervos... E velaí competindo.

Se o humor o permite tamén na casa facemos a tradicional instalación: sácanse do rocho ou báixanse do faiado as caixas cos adornos, coas figuriñas do Belén, faise reconto e engrósase o fráxil patrimonio. Todo pasa a ser arqueoloxía, os talleres artesanais van ó fácil, non se paran. E para máis inri éntrase nese debate da relixión e o ateísmo, enfróntase ó árbore co Belén. E que mellor que a democracia na arte, en querer e admirar a humildade dun portal, da casa, da nai, do pai, da mula e da vaca... dos pastores que veñen xunto con reis e cos seus tesouros, guiados por músicas e estrelas celestiais. Renos e cervos, barbados pantagrueles nórdicos Papas Noeis, Santas Claus vestidos de roxo, toleiráns apalpadores dos montes galegos, abertzales carboneiros olentzeros, entre camelos, palmeiras, burkas e beduínos dos desertos baixo as xeadas folerpas. Anacrónica convivencia de símbolos do oriente e do coccidente, fábulas para fabular, que mellor aquecen que as mercancías milanesas de Mediaset

Neste país de encrucilladas de feira e romaría sumamos ante todo ó que vende, ó sacro e ó profano, que ó fin e ó cabo remata sendo sacro misterio de renacer e vida. A árbore verde vestida de roxo e luz, sobre un neno que nace, entre vilancicos e panxoliñas, entre música de frauta, pandeiro e pandeireta, cuncha e botella de anís, e sempre lume, sempre luz na escuridade, dentro e fóra das xanelas.