Sabémolo ben: no Carballiño celébrase neste 2012 o 50 aniversario da Festa do Polbo. Unha das primeiras celebracións para honrar en exclusivo un prato enxebre da Galiza dos camiños. Primeiro foi Cambados, dez anos antes, homenaxeando a capa e medalla de cabaleiros, sen cabalo, ós seus viños albariños. Logo imitouna a non menos fidalga Ribadavia que argallará feira e festa en honra dos viños dos ribeiros. E o veciño Carballiño non quedará atrás: en reunións de mostrador e mesa revisou as súas tradicións mesoneiras, gravadas en refráns como o de "Para carne pan e viño: o Carballiño". Máis caeuse na conta que non soamente é o que se canta, que por historia e tradición o que merece celebrarse é a sabedoría das polbeiras da parroquia de Santa María de Arcos que recorren as feiras e as festas de por aquí e por acolá. Entón o refrán medrou e xa queda gravado no subconsciente colectivo que "Para carne pan, pulpo e viño: o carballiño". E detrás a historia e os escenarios recorridos polo Arenteiro, río que marcou lindeiros medievais entre as terras montesías de "Orcellón", hoxe o Irixo e "Castela", a banda que mira máis cara ó Ribeiro do Barbantiño ou mesmo do Avía, con Maside e Leiro. Así é que en momentos imprecisos do pasado, entre as terras gobernadas pola orde do cister do Mosteiro de Santa María a Real de Oseira e as da Real Encomenda dos Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén de Beade e dos Condes de Ribadavía, naceu e medrou a feira do Carballiño. Encrucillada intermedia nos camiños, onde expoñer á venda a tradición e a misión dos frades. Xosé Fariña Jamardo, que polos anos cincuenta foi secretario deste concello divulgou esas historias e Otero Pedrayo fixo delas filigrana de oratoria.

Hai uns días a Deputación de Ourense presentou o libro "Polas rutas do polbo e dos polbeiros tradicionais en Ourense", da autoría do recentemente finado antropólogo Xosé Antón Fidalgo Santamariña, sempre preocupado por adentrarse nos alicerces tradicionais dun área tan rica en artesáns, afiadores, panadeiros, barquilleiros... Feira para os produtos da horta, que por algo se fai deles sacramento, o pan e o viño; pero tamén o gando, o artesanado dos zocos, as cestas, o liño, o barro...e nese bulir, entre arrieiros, labregos, gandeiros, artesáns, non faltaban os mesóns, os tenderetes , a carballeira baixo a que rematar o trato cun xantar enxebre: o viño dos ribeiros e o pan de Cea, complementarios do xamón, os chourizo, os queixos...Mesas de táboas gastadas pola lixivia, adornadas con empanadas, cada cal feita cos diferentes saberes dos fornos: de zorza, de bacallau, de sardiñas, de anguías, de lamprea...e os pementos da Arnoia, ou de Padrón, as mercadorías do arrieiros. E a cocer as caldeiras de carne e o polbo.

E dicimos polbo ou pulpo, como nos pete. Pois non perde o comerciante o seu obxectivo que é o cliente, e por medio a conversa. Sabe que o idioma non pon fronteiras, que a cultura acolle e fai súas outras tradicións e palabras. E velaí as verbas referidas ó octopus que deriva do grego polypous e pasa ó latín como polipus e logo nas linguas románicas faise polpo=pulpo=polbo ou polp ou pop como din os cataláns e os franceses poulpe e os italianos polipi ou polpo. No Carballiño escóitase máis e de vello a de pulpo, estando documentada tamén a de "polpo" e as referencias ás "polbeiras" en catastros da Ilustración.

Sabémolo ben que nun setembro do 1962 naceu a Festa do Pulpo do Carballiño, inicialmente, como parte do programa das Festas Patronais en honra do San Cibrao. Gran romaría que acolle como escenario o legado natural dos indianos e filantrópicos irmans Prieto, o Parque. A idea partiu do concello, entón rexido polo avogado Xabier Perea. Eran anos nos que non se sabía, nin se podía dicir que non a un desenrolismo desbaratado e tentador. A idea e a organización da festa naceu dos concelleiros Ramón Valeiras, Felipe Luis López, meu pai e o periodista Luís Padrón, sobriño do carismático párroco don Evaristo, promotor da Veracruz, a "Catedral do Carballiño". A primeira festa organizouse de xeito familiar, contando coas pulpeiras de Arcos, Baranda, Crego, Ruzo, Boulla...enxalzábase o enxebre, a campar baixo a frescura das árbores: pulpo a esgalla e anguías que houbo que buscar a Untes e Ventosela, pementos de Arnoia, xamón de Dacón...e logo as talladas de carne ó caldeiro, co seu allo e pementón...e coma sobremesa, aínda que non fora seu tempo, queixo da verza e marmelo. Non faltaron as aveludadas pavías de Gomaríz. E para rematar o café de pota, acompañado dun dedal de licorcafé do Paniagua... E coma sempre os melidenses gaiteiros irmáns Garceiras, incondicionais das festas carballiñesas puxeron os sons da Terra. Os fillos dos concelleiros e dos empregados municipais contribuímos a servir...por iso mesmo sabémolo ben .

Éxito que houbo que acuñar e consolidar. Atinouse en descentralizala logo das festas maiores que xa resultaban atractivas pola feira do gando, polas orquestras e atraccións, polos folións de pirotecnia nas noites....entón aquel homenaxe masivo ó polbo trasladouse ó segundo domingo de agosto, competitivo día no que toda Galiza ferve en festas, máis o celebrado San Roque. Dadas as habilidades do meu pai, profesor de debuxo, encargáronselle pancartas e a realización do cartel. Despois do seu paramento, retomando a rutina, e até este mesmo presente, pasóuseme o herdo desa desinteresada militancia natal. A festa da de vivir, prolóngase no tempo, espalla as tradicións. Neste caso anima ós historiadores a mirar a Oseira que humanizou o territorio que creou encrucilladas de feira e animou ós arrieiros a trocar os produtos da terra polos do mar. E velaí o polbo, que se traía en fedorentas sacas dende a beiramar, que se mazaba e lavaba nas augas do Arenteiro, que se penduraba a secar en tendais...Para logo levar ás festas, para cocer, ferver nas caldeiras de cobre, para tallarse en racións sobre pratos de amieiro e sobre delas unha presiña solta de sal grosa, aceite de oliva e outra de pemento cacereño de "la Vera"... Gustamos os carballiñeses do casulo, a cabeza, do atractivo, misteriosos e celebrado cefalópodo. Monstro mariño, buscador do que brilla baixo as augas, degustador dos mellores mariscos. Marisco ó fin e sen cáscara, que ven das rías e que lle da sabor ó outro polbo que con el se mestura, agora procedente de Marrocos.

A festa do polbo do Carballiño foi modelo para ampliar mais alá das festas dedicadas ós santiños, por outras en loanza da produtividade e da tradición culinaria e velei despois a Festa do Xamón da Cañiza, a do Pemento na Arnoia, a Festa da Lamprea en Arbo, a do Marisco no Grove, a do Cocido en Lalín, a da Empanada na Bandeira, a do Queixo na Arzuá, a do Capón en Vilalba a da Troita na Pontenova, a do Grelo nas Pontes,a do Bonito en Burela... e tantas próximas a cumprir os 50. E as máis novas iniciativas, as das efemérides históricas, celebrando a castrexos, romanos, viquingos ou xudeus, rebelde pretexto para sacar a relucir o recurso da tradición e a innovación local, fronte ó global. Marea de festas temáticas de plástico, entroidos de verán, co reto tamén de sucumbir á aculturación, á dexeneración vandálica do botellón.