Dicía o epistemólogo suízo Piaget que a intelixencia é a capacidade que ten cada ser humano para resolver situacións novas. Resultado en favor dun, dos demais e da paisaxe que tanto nos atura. A cada intre unha nova situación, un problema que resolver, unha nova proba e a cultura como bagaxe intelectual colectivo para dar e conxuntar vellas e novas respostas. O labirinto da vida, tan cambiante pola competitividade consumista, paso a paso convértese nunha permanente secuencia de ritos de pasaxe. Sempre abrindo e pechando portas, topada tras topada, sempre tropezando contra ídolos falsos,ou dándolle apertas, entrando, pasando, experimentando, aprendendo nese circular xerundio dunha especie de Xogo da Oca. Sempre batendo contra as mesmas e novas pedras. Sempre pasando pola pedra. Así ímonos aprendendo, facéndonos, curtíndonos nos camiños, na loita pola vida e tantas veces en contra da mesma vida... e o que resiste vence. Moitos outros quedan na cuneta.

A mocidade entra na madurez a través de ritos de pasaxe. Difícil odisea, con tantos monstros e sereas, mares calmos e tempestades no periplo. Proba tras proba selectiva. Preparación para o futuro, entrada nos estudos universitarios. Máis todo semella poñerse cada vez máis difícil para os pais e para os fillos, escravizados en todas as dimensións polas continuas barreiras: matrículas, material, aloxamento e fonda, ás que, para máis inri e por uns días súmase o experimento cuarteleiro das novatadas. Dun xeito inconsciente e máis cruel que lúdico refórzanse a pirámide da xerarquía social nun novo neofeudalismo. E quizais os asoballados hoxe, nun futuro sexan, senón parados ou escravos, novos asoballadores.

Cadaquén monta o choio como lle peta. As universidades públicas e privadas abren curso e recobran vida diferente as rúas das competitivas cidades que as albergan. Nada ten que ver o que transcorre polas rúas e nos cuartos estudantís dos principiantes coa solemnidade do que acontece nos paraninfos na apertura de curso, entre reposteros bonetes, barretes, mucetas multicolores, mazas, escudos e insignias douradas, en orde xerárquico, entre retóricos discursos e leccións de apertura do curso. Solemne acto académico que ten como colofón o Gaudeamos Igitur, cántico universal con letra orixinaria do século XIII, na Ilustración corrixido e musicado, e como sempre baixo a batuta alemana, obviando o seu clascismo e machismo.

Arroutada literaria, nada académica para un acto disfrazado de seriedade, paráfrase dun goliardesco carpe diem que, sen pensalo lanza vivas a todo díos: viva a universidade, vivan os profesores, vivan os que estudan, viva a cidade, vivan os que nos dirixen, viva a patria... e morra a tristura, os monstros e o diaño (que quizais podan ser os que nos rediman). Como consecuencia que a vida é breve e a divertirse...Que esa é a lección que imparte tal himno en latín, o que con voz en peito entoan os universitarios do mundo. Namentres outros abren portas e profanan tan inxenua liturxia, despregan pancartas, protestan e poñen os pes na situación ós que aínda non os teñen xa.

E pese a tantas contradicións, entre o que se canta, se conta e se vive, pese a tantas prohibicións e malas experiencias, nos colexios maiores séguese o ritual de pasaxe mais cuarteleiro que académico, as novatadas. Permisividade protagonizada polos veteranos laureados de suspensos. Tradición anual do inicio do curso, nas que tanto se pon a proba a ausencia da capacidade creadora e do humanismo de quen as fai, como a resignación do novato que as recibe, que xa ten dabondo con deixar a casa e entrar nun contexto novo, diferente, de inicio, aparentemente hostil. Atópase e choca de cachón a experiencia dos veteranos coa incerteza e o medo dos principiantes.Tempo para escenificar, portas para dentro ou portas pra afora, neses minfundizados campus ou solares universitarios o que pasa na nosa sociedade. Ambiente cada vez máis piramidal, marcado entre amos e criados a través da humillación, da vexación, da agresividade que se pretende disfrazar de leria e que pode conducir a impredicibles consecuencias.

Eran moi diferentes as novatadas da reprimida mocidade troiesca da dos rebeldes imitadores do maio parisino de finais do sesenta, e xa non digamos da actual marabunta do fronte de xuventudes do botellón, a que, sen entendelo, arremete vandálicamente contra toda fórmula de urbanismo e urbanidade. Habendo quen defende e permite esta aleivosa algarabía nocturna en singulares espazos patrimoniais, como un xeito de "socialización", arredor das litronas de alcohol adulterado e de caprichos. Como consecuencia o que segue ó día seguinte e xeracións despois.

Naquela Compostela de tunas desinteresadas, de alumnos clasistas de chaleco e chapeu, da tristeira e soia Fonseca universitaria, as primeiras novatadas pasaban obrigatoriamente por un desfile, simulacro da Santa Compaña pola Rúa do Vilar, si acaso cumprindo o xubileu pagán, metendo o dedo no cu dunha figura labrada nun capitel dos soportais. Logo a procesións estudantil seguía cara á Praza da Acibechería para recibir un baño outonal no pilón das xa frías augas da Fonte dos Cabaliños de Pedra... despois, empapados, aterecidos pregoando e repetindo as horas das badaladas da Berenguela nun canto das rúas. Intensa actividade, seguida a porta pechada nos cuartos das residencias, interrogatorios policiais, ó estilo Chicago, coa luz do flexo nos ollos do novato e sempre a escatoloxía imperante cosendo o acontecer. Maletas de "futricas", "insectos", "vermes", atemorizados novatos, secuestradas, forzadas e rexistradas polos curtidos veteranos na busca dalgún alixo de xamón, chourizos ou queixo que chegaba a Compostela envolto en panos e agarimos maternos pra avivar nostalxias da casa. Novatos apresados en cuartos compartidos, maldurmindo naquelas súas primeiras noites composteláns, quizais sen almofada, nin colchón, retirado previamente pola tortura veterana, a cada intre sorprendidos a chorros de xerros de auga fría. Sometidos, unha tras outra, a ordes de veterano tras veterano, a un rosario de duchas... e pola mañá a espertar ós amos, a pagar e levarlle o almorzo con churros á mesmísima cama...

A malicia conde, progresou. Hoxe non faltan as páxinas internáuticas que ofrecen ideas ó respecto, nin xenios especialistas no asunto. A influencia cinematográfica bélica, de terror, gore, o acontecer aviva reimaxinacións nos cuartos estudantís dos novatos, agora residencias mistas: encapuchalos, facelos mastigar unha peza de xabón ou a pasta dentrífica, beber colonia, vinagre, mexo ou o menos malo, golear enteira unha botella de xenebra ou de whisky até a extenuación... untarse de betume e até de gasolina... rape e afeitado de todo coiro cabeludo... entre todas as fórmulas e xogos escatolóxicos posibles. Hai quen resiste esa semana dura e un tempo de marxinación como novato, que sigue e se propaga nos corredores, nos comedores, nas relacións durante algún tempo até que as vacacións e os exames disipan o ritual. Para logo, transcorrer un curso e aqueles sufridores novatos, os que aturaron de todo, pasarán a ser experimentados veteranos que fortalecerán amizade cos que foron seus escravizadores para repetir e ampliar e mesmo mellorar o que fixeron con él. Tradición hoxe aculturada, adulterada en agresividade, como tantos rituais festivos, a pesares de que as propagandas dos colexios e as leis, argumentan a prohibición das novatadas. Pero no mundo esa interrelación entre explotados e explotadores non faltará e por medio todas as argucias, pillerías e picarescas para sobrevivir os máis hábiles e áxiles.