Do finado S. Carrillo lévase dito case todo. E por aquel dito latino "De mortuis taceant", "Dos mortos, (non se debe falar mal), é mellor calar".

Pero sí engadirei algo do profesor e tantas cousas máis, Segundo Serrano Poncela, man dereita de Santiago Carrillo de quen foi director xeral de Seguridade. E falo del por deber de gratitude, pois deume clase de literatura española, durante tres anos, no seu exilio, na Universidade Central de Venezuela e, así aportarei algo á biografía de ambos.

Cando Santiago Carrillo era conselleiro de Orde Pública, na Xunta de Defensa de Madrid, atribúenlle a el quen ordenara a matanza de Paracuellos.

En Paracuellos del Jarama, vila a poucos quilómetros do aeroporto de Barajas, había un cárcere a onde -aparentemente- eran trasladados os presos desde o cárcere Modelo de Madrid. E que moitos deles eran asasinados polos gardiáns que os levaban. Un elevado número de presos políticos foron sacados das prisións de Madrid e fusilados e soterrados nos arredores de Paracuellos, Torrejón de Ardoz e outros lugares. E non eran fusilados por "incontrolados", como pretenden os defensores.

O profesor Serrano Poncela, delegado de Orde Pública ou director xeral de Seguridade de S. Carrillo con quen despachaba continuamente, era quen preparaba os seleccionados por esta orde: militares, homes de carreira ou aristócratas, obreiros e outros dos que non constaba a profesión. E copio o que di a historia: "Serrano Poncela, nombrado por Carrillo, e primeiro dos seus subordinados, firma condenas de morte enmascaradas sadicamente como 'ordes de liberdade".

Toda esta exacerbación de empezar a matar presos dos cárceres de Madrid, débese a imprudencia, uns din do Xeneral Mola e outros de Queipo de Llano, cando se refiren á ofensiva das forzas nacionais contra Madrid, dixo que avanzaban cara a capital de España catro columnas e que unha "quinta columna" estaba dentro de Madrid, disposta a actuar no momento oportuno. Xa falaremos disto. Esta foi a parte política da que habería que expurgar moito do negativo. Vaian estas letras como homenaxe a meu profesor na Universidade Venezolana, quen un día me chamou o seu cubículo para me dicir se pensaba aprobar co, aprendido en España.

Segundo Serrano Poncela, ensaísta, novelista, contista, naceu en Madrid en 1912. Cumpriría o século. Na Universidade Simón Bolivar creouse un premio literario co seu nome. Evitarei a súa longa biografía e o ser o mellor especialista en Antonio Machado.

O das "sacas" de Paracuellos, segundo a opinión do xeneral Salas Larrazabal: "Foi co decidido propósito dunha decisión friamente tomada e coidadosamente executada, de forma discreta e sixilosa". Unha mágoa. Nos seus anos mozos pertenceu as Xuventudes Socialistas. Sempre foi o segundo de S. Carrillo, con quen máis despachaba. Foi comunista. Os dous tiveron ó seu cargo, de modo exclusivo a orde pública de Madrid. No "Consejillo" da Dirección Xeral de Seguridade, Carrillo nomeou persoalmente, ó seu amigo íntimo, Serrano Poncela, presidente.

Carrillo acusará a Serrano Poncela que cometeu "inxustizas" e que tiña na súa casa "alfaias roubadas", produto das súas rapinas. Segundo Serrano Poncela era un home honrado.

Cando se deu de baixa no Partido Comunista exiliouse na República Dominicana.

Moitas "sacas" de "liberdade" viñan firmadas por el con un puntiño fatídico ó lado dos nomes. Na primeira "saca" sacaron 113 presos que acabaron nas fosas de Paracuellos.

Gardo o mellor recordo do meu profesor que cando citaba a España polos temas que nos explicaba, emocionábase.

Cando don Santiago estivo na Coruña por derradeira vez, saudeino. Quedou admirado e pensaría "qué pequeno é o mundo" e na despedida por dúas veces, repetiume pensativo: "Así que tú fuiste alumno de Segundo".

Que Deus nos perdoe a todos, e isto dígoo eu.