Cúmprense neste 2013, cen anos do nacemento de Ramón F. y Fernández-Mosquera, xurista e escritor que animou desde a súa exquisita discreción a cultura de Galicia. A maioría dos veciños de A Coruña, recordarano como un dos maxistrados de maior prestixio desta cidade. De tanto prestixio, que foi proposto para o Tribunal Supremo. Proposta que rexeitou por non abandonar a calidade de vida da que a súa familia gozaba nesta cidade, e tamén por que o seu ego era case inexistente. Dedicou a súa vida á escrita, e é un escritor dunha obra abondosa e variada. Novelas, contos, poemas e artigos son as pérolas da súa criación, silenciosa e íntima. Ramón F. y Fernández-Mosquera, sempre amosou ter o corazón dividido entre dúas vocacións: a poética e a xornalística. Todo comezou nos anos trinta, cando dirixíu Abrente unha revista na que colaboraban habitualmente Ramiro de Maeztu, Isidro Conde, Fermín Bouza Brey e o seu gran amigo, o poeta Pérez Parallé. Mais ao longo da súa vida colaborou con outras revistas, entre elas Nordés, na época na que estaba dirixida por Tomás Barros e na que un dos seus principais ilustradores era Luís Seoane. Como xornalista, escribiu artigos para ABC, El Ideal Gallego, La Voz de Galicia e El Correo Gallego, sendo moi destacables as súas colaboracións con ABC, onde en momentos nos que a cultura galega non estaba moi ben vista polas autoridades do réxime franquista, Ramón F. y Fernández-Mosquera, falou desde A Coruña para España da nosa poesía e do noso humor. Recordemos aquí, algúns títulos de artigos seus: Francisco Añón, El alma atormentada de Rosalía ou El humorismo galaico y Castelao. No ano 1961, o secretario de ABC comunícalle que despois de estar na Oficna de Censura da Dirección General de Prensa durante días un artigo seu sobre a defensa de Teruel, o devandito artigo fora tachado íntegramente e prohibida a súa publicación. Ramón F. y Fernández-Mosquera, un intelectual de honra, recibiu aquel episodio coa distancia e mesura que merecía, e seguíu escribindo a súa obra sen darlle máis importancia ás pataletas que proviñan da censura da época. Admiraba enormemente a Unamuro e a Valle-Inclán, e admitía sen pábulos a influencia de escritores tan queridos para el, como Wenceslao Fernández Flórez e Gabriel Miró. Deixounos unha novela corta Roble al viento e algúns poemas e contos, publicados en revistas. Editou unha novela corta, cun mundo imaxinario moi persoal e un humor elegantísimo El hombre que se escapo de un tapiz, volume no que tamén se inclúen varios relatos breves. No momento no que lle sorprendeu a morte, achábase correxindo as probas para a publicación da súa novela Ifigenia se cayó en el agua, e comenzara a escribir unha nova novela La vida comenzó al final. Nese momento, no que a arte da escrita parecía presidir os seus días a Dama do Lago veu buscalo para cruzar as augas na barca de Caronte. Os seus soños se truncaron, mais a súa palabra non, pois esta nos acompañará eternamente, sobre todo, agora, que se anuncia a publicación da súa obra literaria completa.