03 de junio de 2013
03.06.2013
La Opinión de A Coruña

'Cantares Gallegos' e Pilar García Negro

03.06.2013 | 00:00

Nos últimos días Cantares Gallegos, este libro inaugural da nosa literatura do Rexurdimento, un libro que é rexurdimento en sí mesmo, ándame a perseguir. Certo é que se cumpren os cento cincuenta anos da súa publicación e que se están a celebrar diferentes actos con motivo deste aniversario. Mais a un non lle toca volver sobre a leitura de Cantares Gallegos até que se pon. - eu púxenme porque o xornal LA OPINIÓN fixo entrega dos seus premios folk, e con tal motivo tivo lugar unha gala coordenada por Óscar Losada na que tiven que ler dous poemas. Escollín os dous máis breves do libro, un criterio moi lóxico para unha gala dedicada fundamentalmente á música. Pero certo é que desde as corais aos grupos populares de hoxe, Rosalía sempre estivo presente, e con todo tipo de versións na nosa música. Nós mesmos, en A Caricia da serpe, fixemos Negra Sombra a ritmo de reggae. En, fin, que participar neste acto fíxome volver sobre o libro de Rosalía, e encontrar nel moitos lugares comúns que xa nos golpexan a cabeza desde os anos oitenta. O primeiro, e creo que máis interesante, é que se trata dun libro no que a poeta pon moi claras as súas premisas no prólogo. Como boto en falla prólogos dos autores nos libros de poemas. Rosalía fai no prólogo do seu libro unha defensa poética e social de Galicia. Ela explica claramente as intencións do seu poemario ao definir ao seu país. Escoitémola: Lagos, cascadas, torrentes, veigas floridas, valles, montañas, ceus azúes e serenos como os de Italia, horizontes nublados e melancónicos, anque sempre hermosos como os tan alabados da Suiza?E a pesar disto chega a tanto a fatuidade dos iñorantes, a tanto a indina preocupación que contra a nosa terra existe que inda os que penetraron na Galicia e gozaron das delicias que ofrece, atrevéronse a decir que Galicia era?un cortello inmundo!!! Se a estas palabras do prólogo xunguimos que ao longo do libro as cantigas populares salpican os poemas de Rosalía, podemos afirmar que estamos diante dun monumento da reivindicación paisaxística, humana e lingüística do noso país. Tense dito que este libro é a primeira pedra literaria que nos dignifica como povo e como cultura. - neste aniversario téñense dito moitas cousas, as máis delas coñecidas e repetidas, como decía ao comezo do artigo desde inicio dos oitenta. "Es de bien nacido ser agradecido", di o refrán español. - este refrán habería que aplicalo no caso do coñecemento que sobre Cantares Gallegos e sobre Rosalía hoxe pousimos gracias á figura da profesora Pilar García Negro, quen dedicou unha parte moi importante da súa producción ensaística á obra da poeta Rosalía de Castro. - quería decilo nesta columna porque durante o presente aniversario estánse acuñando unha serie de frases e de afirmacións como orixinais ou de nova creación, que son herditarias, senón meras copias das que a profesora Pilar García Negro acuñou hai case tres décadas. Vaia, por último, a miña felicitación para LA OPINIÓN pola celebración un ano máis dunha edición dos seus premios, e tamén o desexo de que lles pase o mesmo ca min, e que teñan que poñerse coa leitura de Cantares Gallegos e do seu extraordinario prólogo. Sen dúbida, non se arrepentirán. Rosalía nunca defrauda.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook