O momento máis inoportuno para xulgar as persoas é cando se van deste mundo. Por iso debe ser o que se reservan as relixións para facelo, ben encamiñándoas ao ceo/inferno dos cristiáns, ben a ese sitio cheo de huríes e regatos de leite e mel que lle adxudica o islam aos mártires da fe ou ao que lles reserve ás mulleres e aos que morren na cama. É o momento máis inoportuno porque aos interesado tanto lle ten, e sobre quen recae o xuízo, para ben ou para mal, é nos seus deudos.

As haxiografías (biografías de personaxes famosos ou narración de sucesos con intención laudatoria, segundo a RAG) producen vergonza allea, polo evidente do propósito de sementar beneficios futuros que abriga. Xa Ambrose Bierce definía o panexírico (o grao inferior do peloteo) como o eloxio dunha persoa que ten as vantaxes do diñeiro ou do poder, cando tivo a deferencia de morrer. Pero os axustes de contas son miserables. Está claro que toda riqueza se sustenta na acumulación das plusvalías xeradas por outras persoas, pero iso tanto a de Rosalía Mera como a de Steve Jobs, ese creador de aparellos tan cool. É certo que non repartiu as súas propiedades entre os necesitados (práctica por outra parte pouco habitual desde Francisco de Asís), e que se esmeraba ao máximo en que os investimentos que facía, mesmo os filantrópicos, non tiveran perdas, pero foi a única que acudiu ao rescate de Zeltia cando a farmacéutica galega, con anticanceríxenos en fase experimental, estaba coa auga ao pescozo. Hai outros millonarios, adorados por todos, e que tamén venden moitas camisetas, cuxa máxima mostra de solidariedade é participar en partidos contra a droga. E, desde logo, en xeral cóidanse moito de dicir o que pensan. Afortunadamente, o traballo dos xornalistas nestes momentos é contar vidas, non xulgalas. Cando morreu Friedrich Engels, Lenin dixo "deixou de existir un gran home". Un xornalista tería que recordar que, ademais de inseparable compañeiro de ideoloxía e de activismo de Karl Marx, coautor do Manifesto comunista, Engels foi o herdeiro dunha familia de propietarios conservadores, e empresario el mesmo nalgunha etapa da súa vida.

Traxectorias de persoas, homes e mulleres que se fixeron a si mesmas, como a que se describe agora de Rosalía Mera Goyenechea, non son raras. O que facía distinta á cofundadora de Inditex non era que comezara a traballar aos 11 anos, etc. Tampouco que conservara amigos e costumes de antes. Hainos que o fan. Menos, pero hainos. O que a facía distinta é que era como era décadas -e miles de millóns- despois daqueles comezos. Por exemplo, sabía que tiña que levarse ben coas institucións, pero tampouco cedeu ás presións que lle fixeron para mudarlle o nome da súa fundación de Paideia Galiza a Paideia Galicia. Como todos os que xogan na súa liga, Rosalía Mera tiña unha considerable reticencia aos medios de comunicación. Pero a diferenza deles (dos seus compañeiros de liga) ela participaba nas roldas de prensa de presentación de calquera actividade de Paideia ou de Mans e sometíase ás preguntas que fosen, acolléndose poucas veces a iso de "non toca". O que sorprende nestes tempos non era que pensara o que pensara, era que dicía o que pensaba.