14 de septiembre de 2013
14.09.2013
La Opinión de A Coruña
si home si

Madrid 2020-Cataluña 2013

14.09.2013 | 00:00
Madrid 2020-Cataluña 2013

Durante moitos anos, o noso patrón de conduta foi a advertencia materna do que dirán (teñan valor e recoñézano). É o sistema de vida conservador por excelencia, non facer o que consideras que hai que facer, senón o que consideran os demais que deberías facer. O que dicían o pasado xoves día 12 en The Washington Post era (pero en inglés): "Un millón de cataláns forman unha cadea humana para promover a súa ruptura con España". - no texto: "a protesta en Cataluña foi pacífica, pero un pequeno grupo de fascistas españois en Madrid entraron feitos unhas furias nun acto do goberno catalán...". Xa teñen o que din por aí de nós.

As nais sempre teñen razón, aínda que sexa ao revés de como elas pensan que a teñen. É importante o que dirán porque moitas veces, o que digan os de fóra é a única maneira de saber que pasa dentro. Aquí dentro, por exemplo, estabamos convencidos de que o de Madrid 2020 era impepinable. Estábao eu, que me parecía un dispendio, un becerro de ouro erguido á maior gloria dun alcalde megalómano que gastou 500 millóns de euros nun despacho, 7.000 millóns en infraestruturas olímpicas que agora non se sabe para que servirán (como 10 Cidades da Cultura, máis ou menos) e deixou á cidade cunha débeda de 7.500 millóns. - con pufos que pagamos todos, como a T4, que parece que era imprescindible para os JJOO que resultaron ser JOJO. Estaba tan convencido que fun cear a casa duns amigos para non ver en directo a retransmisión do chupinazo de sete anos de rompedura de cabeza olímpicopatriótica (si, cousas así poden levar dous acentos e o que faga falta).

despois resulta que non, que nin de lonxe. Tokio estivo a seis votos de sacar a maioría absoluta xa na primeira votación, e tan claro estaba que xa o prognosticaban as casa de apostas, menos esa que patrocina ao Real Madrid. O dos apoios prometidos é tan falso como aquel paisano que contaba Paco Vázquez, que o día das eleccións cada vez que se atopaba cun candidato, prometíalle o voto sacando a papeleta correspondente do peto (claro que tiña moitos petos). A Michelle Obama, con ser a muller de Obama, en 2009 prometéranlle 70 votos para Chicago e ao final tivo 18, a cidade que menos. - non foi porque Ana Botella fixese o ridículo "con esa exposición razonada en un inglés fluido", segundo La Razón. Como se vai fiar ninguén dun país onde a familia real incumpre coa Facenda, o partido do Goberno non explica as súas contas e as obras de catro millóns de euros crean goteiras e acaban con sinais históricos "por falta de vigilancia".

Hai anos, cando o daquela eurodeputado independente por Esquerra Republicana de Catalunya e hoxe o seu presidente, Oriol Junqueras, nos invitou a uns xornalistas a visitar o Parlamento Europea a proposta da súa compañeira do BNG Ana Miranda, contaba como ao ver as liortas entre representantes do PP e do PSOE por asuntos estritamente españois facía rir aos membros da cámara dicindo: "Ven agora por que nos queremos ir?" Pois agora algúns xa ven por que se queren ir, pero non penso que teña gracia ningunha o motivo. Polo menos para os que quedamos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook