En Galicia dicimos Defuntos ou Santos para identificar o mes de novembro. A morte constitúe para os galegos algo máis que unha preocupación. É unha auténtica devoción ós mortos. Pero tamén a nosa pequena historia galega arrastra moitas andrómenas como nos conta o médico lucense Dr. Xesús Rodríguez en Supersticiones de Galicia: "As almas dos mortos saen do Purgatorio para lembrar ós sufraxios prometidos polas familias unhas veces anunciándolle con laios dolorosos; outras fanse preceder do bruído de cadeas coas que están suxeitos; outras en visións ou en soños".

que dicir da Santa Compaña? Deixámolo para outra vez e hoxe imos falar do inmorrente médico Dr. Roberto Nóvoa Santos como titulamos ó principio, estudoso do temor á morte nos galegos.

Lembro unhas palabra do Dr. García Sabell: "Falar de Nóvoa Santos é para min un tema fascinante como de algo da maxia que irradiaba a súa persoa se trasladase á reflexión sobre a súa mesma persoa".

Segundo compañeiros, amigos, discípulos e pacientes que tiveron un trato co Dr. Nóvoa Santos falaron tamén da súa maxia: "Era coma un bruxo". "Don Roberto tiña os ollos de iluminado".

"En lembranza sobre todo dos ollos máis que mirar fitaban" (fitar é igual que mirar fixamente, observar).

Naceu o oito de xullo de 1885, na Praza de Mª Pita, número 20. Os Santos procedían da Coruña. Roberto foi un estudante intelixente e pobre. Estudou medicina en Santiago. Para axudar ós pais fixo de profesor doutros estudantes. Ós 21 anos xa é médico.

Nóvoa Santos foi catedrático de Patoloxía xeral, por oposición na Universidade de Santiago.

En 1928, despois dunha oposición extraordinariamente rifada (reñida), ocupou esta mesma cátedra na Universidade de Madrid. Pronto afirmouse coma un dos máis altos prestixios da ciencia médica española, e a súa sona transcendeu ó estranxeiro. Daquela foi recoñecido como o primeiro dos patólogos de España. A súa palabra engaiolaba. Para asistir ás clases que ditaba era necesario poñerse á "cola" mesturados os estudantes de medicina, médicos e escritores.

Da súa principal obra Manual de Patoloxía Xeral (Santiago 1916) en tres volumes, serviu de texto en Universidades estranxeiras.

Falemos doutro seu libro, non menos importante, El instinto de la muerte (Madrid 1927) que fai pensar naquelas palabras de Santa Teresa: "Ouh morte, morte, non sei quen te teme pois en ti está a vida". Agora comprenderemos mellor porque quixemos recordar hoxe a este sabio galego, o médico máis importante de España do seu tempo.

Seguindo o pensamento de Roberto Nóvoa Santos, o home é o único animal quen (capaz) de desexar a morte. Canso de loitar coa natureza, o instinto tanático xorde do desexo de acougar, o desexo de acadar a fusión mística-corporal coa terra nai. "O morrer, engade Nóvoa Santos, é o deber postreiro que pagamos á mesma vida (...) temos necesidade de volver á vida sobre as tumbas para que se faga o milagre da resurrección". "A morte non é tráxica máis que na aparencia", así razoa Nóvoa Santos, no libro El instinto de la muerte, "na hora da verdade a morte é doce, é amábel como unha moza amada. Algúns dos que estiveron perto dela e foron devoltos á vida falan de que, no momento supremo, sentíronse cheos dunha serena ledicia".

"Se a morte é doce e amábel, de que virá o medo que lle teñen os homes?.

"O medo á morte, segundo di Nóvoa Santos, fúndase principalmente no desexo humano de acadar a supervivencia. Este anceio, fonte de anguria existencial(...)".

Despois de ler os textos sobre a morte de Nóvoa Santos, un fica co convecemento de que Don Roberto -un home aínda novo- ventaba (oliscaba) a súa morte. Nóvoa Santos , o máis brillante -como xa dixen- dos médicos galegos do seu tempo, tería a vida curta dos elixidos ou quizais por saberse elixido por ela Don Roberto amaba tanto á morte coma os místicos do cristianismo.

Nas súas últimas teorías latexan unha nova esperanza nel: no home ser mortal, encontramos certos elementos inmorrentes. Don Roberto non fixo caso da doenza en longos meses. Fóra un gran fumador. Nóvoa Santos tiña un tumor do píloro, fígado e páncreas, os órganos intestinais con metástase. Fixéronlle unha gastroenterostomía.

"Acabo de ter unha hemorraxia interna, chamade a Fernando Alsina". Non chegou a tempo. Tiven a honra de ser operado por el, con cloroformo, de apendicite.

Don Roberto finou en Santiago o 9 de decembro de 1933, cando cabía tanto esperar del, ós 48 anos. Escribira que se tiña que morrer tería o pasamento dun estoico. Así foi.